Montserrat Rendo: "Os pacientes valoran que non lles mintamos, que non deamos falsas esperanzas, pero que tampouco os desanimemos"

En España hai máis de 2.600 novos diagnósticos de sarcoma ao ano. É un tipo de tumor raro, do que existen máis de 150 variedades, e que poden afectar ao músculo, á graxa, ós tendóns, ao cartílago, ao óso e outros tecidos. Na Unión Europea, diagnostícanse uns cinco casos novos ao ano por cada 100.000 habitantes. A supervivencia a 5 anos pode chegar ao 81 % en tumores localizados, pero baixa ao 65 % en fases máis avanzadas.

Desde o hospital de referencia en Galicia deste tipo de patoloxías, aténdenos a enfermeira Monserrat Rendo Sanín, supervisora de traumatoloxía e reumatolicía do CHUS. Montserrat é tamén referente en feridas da área de Santiago de Compostela e Barbanza, e profesora asociada da facultade de  enfermaría de Santiago de Compostela.  

-Que é un sarcoma? 

-É un tipo de cancro. É un tumor maligno de extirpe mesodérmica que, como o seu propio nome indica, se orixina en calquera parte do corpo e afecta a ósos e a tecidos brandos (adiposo, muscular, vasos sanguíneos, nervios…). Diferénciase doutro tipo de cancro en que os sarcomas afectan ás estruturas, ós andamios que suxeitan o corpo. Deriva do grego “sarkoma”, que significa carne de pescado.

-Como se trata o sarcoma? 

-Na nosa unidade o que se fai é extraer o sarcoma por medio da cirurxía. Somos os referentes a nivel galego deste tipo de cancro. Temos un cadro médico especialista en este tipo de cirurxía (formado por residentes e adxuntos de traumatoloxía), que o que fai é estudar cada caso de forma individual, valorar probas complementarias (TAC, RNM…) para poder ter mellor localizada a lesión, biopsiar a zona e despois operar, moitas veces axudados por especialistas doutras áreas como pode ser cirurxía plástica, sen esquecer todo o persoal de enfermaría de quirófano presentes. En todos estes casos sempre tentan retirar toda a lesión, collendo  tamén partes adxacentes para evitar posibles recidivas.

-Que nos podemos encontrar no cadro clínico dun sarcoma? 

-O que adoitamos encontrar é un bulto (en perna, brazo...), debaixo do plano fascial do tamaño dunha bola de golf, que a maior parte das veces non xera dor. Cando son sarcomas da zona abdominal moitas veces cursan con dor cada vez mais intenso, vómitos e presenza de feces negras.

-Cal é o plan de coidados de enfermaría? 

-Cando o paciente chega a planta, o plan de coidados non é moi distinto do resto das cirurxías “limpas” que soemos ter. O paciente sempre vai estar ingresado nunha habitación con outro/outros pacientes sen “posibles” infeccións (a medicina non é exacta, e aínda que pensemos e poñamos todos os medios para evitar a infección, moitas veces non é posible). Tomamos constantes, axustamos a medicación pautada, colocamos soros na maioría dos casos e en especial a aqueles pacientes que se lles colocou unha “megaprótese” polo risco que teñen de sangrado. Sempre se lles pide analítica para os días posteriores para valorar necesidades transfusionais. Dáselle axuste de necesidades proteicas, pautado de forma individual polo servizo de nutrición. Coidados de drenaxe e medición do seu contido, fixándose sempre que teñan ben feito o baleiro. Ás 48 horas, salvo casos puntuais que se fai ás 24 horas, revisamos a cura de forma estéril e realízase cura Mölndal, colocamos medias de compresión (ós pacientes que non son portadores de drenaxes) e xa se poden comenzar a levantar e cargar na medida que poidan e o tipo de intervención lles permita.

-Que é o que máis valoran os pacientes do traballo dunha enfermeira? 

-O que mais valoran do noso traballo é a empatia, é a profesionalidade, é saber entendelos e saber valorar os seus tempos; non mentirlle, non darlles falsas esperanzas pero tampouco desanimalos. A sorte que temos no noso servizo é que todas as enfemeiras son moi proactivas, con moitas gañas de aprender, moi profesionais e empáticas.

-Desde o punto de vista profesional, que camiño lle queda por percorrer á enfermaría que traballa con este tipo de pacientes? 

-Á enfermaría quédalle un longo camiño. Ter a especialización ou a formación necesaria para poder tratar a estes pacientes e en especial as curas destes pacientes, saber distinguir como tratar a un paciente amputado, como diferenciar entre a cura dun inxerto ou unha solapa (colgallo) que se lle puido facer o paciente, as diferentes técnicas das curas en ambos casos, saber en que fixarse nunha pel perilesional; cando o paciente vai necesitar terápia de presión negativa ou non, e saber colocala chegado ocaso; non depender dun facultativo para saber facer todo isto, porque sempre imos depender dun equipo multidisciplinar, pero as feridas son algo propio da enfermaría e temos que ter máis medios e información para saber levalas a cabo. E, sobre todo, mais profesionais enfermeiros para poder realizar todo isto. 

Anímovos a que se vos gusta a profesión, se vos gusta axudar, aprendades o máximo posible, porque esta é a profesión mais bonita do mundo.


Imprimir  

Calle Álvaro Cunqueiro, Nº 7 - 1º

15008 - A Coruña

981 168 033

Horario de oficina:

9:00 a 14:00 horas y 16:00 a 19:00 horas de lunes a jueves

viernes de 08:00 a 14:30 horas 

 

Calle Romero Donallo, Nº 27 - Entlo.

15706 - Santiago de Compostela

981 598 870

Horario de oficina:

9:00 a 14:00 horas y 16:00 a 19:00 horas de lunes a jueves

viernes de 08:00 a 14:30 horas