Os últimos martes de cada mes, un grupo de mulleres con embarazos de entre 28 e 32 semanas desfilan pola entrada do hospital Arquitecto Marcide de Ferrol cara o salón de actos do centro. Son as participantes nas xuntanzas nas que os profesionais da Área Sanitaria lles explican o Plan de Parto e Nacemento.O obxectivo é que as mulleres contacten co persoal do hospital para presentarlles as instalacións do andar de Partos, Puerperio e Pediatría e aclaren dúbidas sobre os protocolos asistenciais e a mecánica de traballo do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol. O plan aplícase nos partos normais sempre e cando non concorran circunstancias que supoñan un risco para a nai ou o seu fillo.
Alberto López traballa en Ferrol desde principios do ano 2000 cando entrou como residente en enfermaría obstétrico-xinecolóxica. Coñece como ninguén o Plan de Parto e Nacemento. Estivo como matrona asistencial ata decembro de 2010 e desde aquela é supervisor de partos.
Que é o Plan de Parto?
É un documento en que as futuras nais manifestan as súas preferencias para que o equipo asistencial as teña en conta para respectalas e aplicalas na medida do posible nun parto normal, desde que se produce o ingreso ata o parto e os días posteriores ao nacemento. É un documento que está establecido na nosa Área desde finais de 2013, aínda que a consulta se constituíu oficialmente a principios de 2014. E ata hoxe.
Nestes 10 anos, notastes algún tipo de evolución nas necesidades das nais ou son as mesmas?
As nais, como a sociedade actual, manexan cada vez máis información, que pode ter o seu lado positivo. En xeral o que vemos son peticións a nivel de preferencias individuais. Non é moi habitual que se compliquen con peticións estrañas. Simplemente queren saber o que temos para ofrecerlles, os recursos cos que conta o hospital, tanto a nivel de infraestruturas, como de persoal ou aplicación dos protocolos para axustar as expectativas reais coas súas preferencias.
Ferrol estivo entre os primeiros hospitais que aplicaron o plan.
En Galicia, as primeiras experiencias leváronse a cabo no hospital do Salnés, en Vilagarcía. Dende finais do ano 2013, cando se publicou o documento do Plan de Parto da Consellaría, xa comezamos nós. Creouse o grupo de traballo, o documento publicouse a finais de 2013 e as primeiras consultas oficiais foron a principios de 2014.
Buscando a anécdota, cal é a necesidade máis estraña que se vos plantexou todos estes anos?
Houbo varias. Houbo nais que mesmo quixeron quedar coa placenta, que por unha cuestión de procedemento, de normativa de residuos, non é posible que a proporcionemos. Hai que botalas nun recipiente especial e levalas a unha planta de refugallos. O hospital nese caso simplemente informou de que non é posible. É un exemplo. En todo caso, insisto en que non se dan peticións estrañas a miúdo. Ás veces, hai algún tipo de cuestión que está de actualidade, que moitas veces é moi lóxico que a plantexen as nais e que seguimos sen ofrecer. Estou a falar do proceso pel con pel nas cesáreas. Gustaríanos que se puidese ofrecer en todos os casos. Non só no parto vaxinal, senón tamén nas cesáreas, e que a nai, se está en boas condicións, poida ter pel con pel o seu bebé.
A epidural xa non lles preocupa tanto como hai anos?
Non, a peridural dase en todos os casos nos que sexa posible, se a nai a solicita. É algo que xa leva moitos anos estendido. E iso que o hospital de Ferrol non foi dos primeiros en xeneralizala a todas as nais. Aínda comezamos a finais de 2005, realmente fomos un dos últimos hospitais do SERGAS. Hoxe en día é o método máis coñecido para a dor e todas as embarazadas queren ter opción a poder poñela. Logo moitas o tentan sen a epidural. É posible e contamos con outros instrumentos de apoio.
De que forma notades o descenso da natalidade?
É algo que está sucedendo en todas as Áreas Sanitarias de Galicia e, en xeral, en toda España. Particularmente Ferrol é unha área moi envellecida e notamos nos últimos anos un descenso bastante acusado. Cando empezamos o Plan, atendimos 1.017 partos. O ano pasado apenas chegamos aos 700.
Cubrir o documento do Plan de Parto non é imprescindible, pero si aconsellable. A intención é conseguir unha atención o máis individualizada posible nun dos momentos máis vulnerables na vida das mulleres. A matrona Lucía Bolaños acabou a residencia a semana pasada. No Arquitecto Marcide formouse nos dos últimos anos.
Que buscan as nais co plan de parto?
Información e poder de decisión. Elas fórmanse no centro de saúde coa súa matrona e logo veñen aquí para expoñernos as súas preferencias para o día do parto. A maioría queren o mesmo: parto respectado, pel con pel, pinzamento tardío… Pode haber algunha que queira algo que saia do frecuente, pero nada estraño.
Que é o que máis lles preocupa?
Agora mesmo, o pel con pel nas cesáreas. No parto normal é algo que facemos por protocolo. Pero nas cesáreas está estendido que se separe o bebé da nai e iso é algo que lles preocupa ata o punto de chegar a irse a outro sitio a parir. Esa separación de dúas ou tres horas cando a nai está en reanimación sen o seu bebé é algo que non contemplan. Nalgúns hospitais de Galicia xa se fai o pel con pel tras a cesárea. Neste de Ferrol, aínda non.
No plan de parto repiten as nais que xa pasaron pola experiencia?
Si. O protocolo é para todas as nais. É certo que as que repiten xa non teñen tantas preferencias. Xa o viviron e están máis abertas a todo. As que xa sufriron a separación do bebé nas primeiras horas veñen coas ideas moi claras e non queren que volva suceder.
Que supón para o servizo o plan de parto?
É o contacto que temos con elas antes de que veñan a parir. É unha forma tamén de coñecer o que na rúa se comenta sobre o que tería que pasar nos paridoiros. As mulleres teñen voz e nós escoitámolas e sabemos por onde queren levar o parto, que lles podemos ofrecer e que non. Sempre é bo que elas opinen nun proceso que pasa por ser o momento máis importante das súas vidas. A maioría pare estupendamente e son partos magníficos. O que queremos é que volvan a casa cun sentimento de felicidade. O Plan de Parto sérvelles para saber que poden esperar e que logo non leven unha decepción. Acaban moi contentas.
O Plan de Parto e Nacemento contempla desde o momento do ingreso no hospital ata a alta médica. Todo está controlado: a roupa que quere usar a muller, como será o período de dilatación, o tratamento da dor, a posición solicitada no paridoiro, o nacemento e o tan ansiado momento da pel con pel coa nai ou o pai (se é que a nai ten que pasar por reanimación), o pinzamento do cordón umbilical, a atención ao recén nado, a lactancia e o alumbramento da placenta. Nada se improvisa no momento máis importante da vida dunha muller.