As enfermeiras de neuroloxía do Marcide de Ferrol fálannos do dano cerebral adquirido

Neste día tan sinalado, conversamos con dúas compañeiras que traballan na planta de neuroloxía do hospital Arquitecto Marcide de Ferrol, María Eulalia Pena Núñez, supervisora da unidade en funcións, e Ana López Salgado, enfermeira na planta de neuroloxía desde 2011.

-Cales son as principais causas de dano cerebral en persoas adultas?

As principais causas adoitan ser os accidentes cerebrovasculares, os traumatismos craneoencefálicos, tumores cerebrais, infeccións cerebrais, anoxia cerebral...

-Cal é o DCA máis común?

O máis común é o accidente cerebrovascular isquémico, que ocorre cando unha arteria cerebral queda obstruída total ou parcialmente por un coágulo ou trombo.

-Como é o día a día na vosa unidade?

A nosa unidade, no quinto andar do hospital Arquitecto Marcide do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, está composta por varias especialidades ademais da de neuroloxía, como son cardioloxía, pneumoloxía, medicina interna, polo que o día a día está moi relacionado co tipo de persoas que teñamos ingresadas, xa que precisan diversidade de coidados. No caso das persoas con dano cerebral adquirido, dispoñemos dende finais do ano 2012 dun sistema de monitorización consistente nunha central de telemetrías, cun total de 24 telémetros (actualmente compartidos con outras especialidades) conectados por sinal wifi específica na nosa unidade. Temos tamén colgado na intranet da Área Sanitaria o Protocolo de atención e tratamento do Ictus Isquémico propio da área ferrolá, no que nos guiamos para a atención destas persoas.

-Cantas enfermeiras sodes?

O cadro de persoal está formada por 20 enfermeiras, 15 técnicas de coidados auxiliares de enfermaría (TCAE) e a supervisora da unidade.

-Que funciona mellor na vosa unidade e que credes que é susceptible de facelo mellor?

O mellor que temos na nosa unidade é o grande equipo humano que a conforma. Profesionais implicados nos coidados e atención ás persoas, aínda que sempre temos campos por mellorar. Unha das melloras que é moi necesaria, tanto para o benestar das persoas como para que os traballadores poidan realizar o seu labor en mellores condicións, e que esperamos que se resolva coas obras do Plan Director do Complexo que se están a levar a cabo, son as infraestruturas da unidade, xa que nos atopamos na zona antiga do hospital (habitacións pequenas e mobiliario antigo).

-Que seguimento se lles fai aos pacientes unha vez reciben a alta hospitalaria?

Revisión en consultas externas de Neuroloxía aos tres meses (variable, acorde a cada paciente) e seguimento en atención primaria.

-Como é a relación da enfermaría co coidador informal?

Durante o ingreso procuramos implicar ao coidador principal nos coidados, xa que tras a súa alta moitos acarrean secuelas coas que terán que lidiar no domicilio: na alimentación, incidimos na importancia da postura axeitada, textura dos alimentos segundo disfaxias para evitar atragantamentos e dunha dieta saudable. Invitámolos a colaborar na realización do aseo e a hixiene do paciente e adestralos na prevención de lesións na pel sobre todos nas persoas encamadas (úlceras, feridas...).


Imprimir  

Calle Álvaro Cunqueiro, Nº 7 - 1º

15008 - A Coruña

981 168 033

Horario de oficina:

9:00 a 14:00 horas y de 16:00 a 19:00 de lunes a jueves.

                                                                                                                                                                                          08:00 a 14:30 horas los viernes.

 

 

 

Calle Romero Donallo, Nº 27 - Entlo.

15706 - Santiago de Compostela

981 598 870

Horario de oficina:

9:00 a 14:00 horas y de 16:00 a 19:00 de lunes a jueves.

                                                                                                                                                                                          08:00 a 14:30 horas los viernes.