Isabel Loureiro: "Hai que quitarlles a connotación negativa ao climaterio e á menopausa"

A menopausa e as fases anterior e posterior a ese momento representan aproximadamente un terzo da vida da muller. Durante este tempo, a muller experimenta moitos cambios a nivel fisiolóxico, psicolóxico e social e sofre síntomas asociados á caída de estróxenos, que pode chegar a repercutir negativamente na súa calidade de vida. As matronas son as especialistas sanitarias referentes tamén nese momento.

Isabel Loureiro é matrona no centro de saúde de Ordes desde hai cinco anos. Desde 1996 pasou por hospitais de diferentes áreas sanitarias. Antes de empezar, Isabel recalca que “é máis apropiado falar de transición á menopausa, climaterio e postmenopausa. A menopausa é un momento puntual, é o día da última regra. As outras dúas etapas, o climaterio (que comprende desde que aparecen os primeiros cambios ata cinco anos despois da última regra) e a posmenopausa (desde a última regra ata o final da vida), son etapas tamén moi importantes para as mulleres”.

-Que lugar ocupan as matronas na xestión dos cambios que implica a aparición da menopausa?

As matronas, como enfermeiras especialistas en saúde sexual e reprodutiva, acompañamos as mulleres nesta etapa vital tan importante. É precisa unha adaptación para unha nova situación fisiolóxica. A muller sofre cambios físicos, pero tamén emocionais e sociais. As necesidades a partir dese momento cambian e precisan un plan de coidados específicos. As matronas estamos aí para acompañar, non só para resolver ou minimizar os síntomas desas fases: axudalas no autocoidado e fomentar un estilo de vida saúdable que vai servir para evitar complicacións a longo prazo. 

-A matrona é a profesional de referencia na saúde sexual e reprodutiva das mulleres. Como é a vosa formación neste campo tan extenso?

Como en todos os ámbitos profesionais da saúde, tamén nós temos que estar actualizándonos continuamente. Cada día hai evidencias novas, aparecen produtos novos que poden axudar, cada día sabemos máis da sintomatoloxía propia e das cousas que podemos facer para acompañar as mulleres nesta etapa. A formación é diaria.

-Cales son os principais síntomas asociados á menopausa?

Toda a sintomatoloxía de menopausa está relacionada coa caída dun tipo de hormonas que son os estróxenos. Ese descenso hormonal sucede xa desde uns anos antes e vaise prolongar ata o final da vida. Os síntomas varían segundo cada muller. Poden empezar catro ou cinco anos antes. O primeiro que adoita aparecer son as irregularidades do ciclo menstrual, regras máis abondosas, máis frecuentes, irregulares, dolorosas. Conforme van pasando os anos e vaise achegando o momento da última regra, os ciclos espácianse ata que de repente un día desaparecen por completo. Un síntoma polo que máis nos consultan as mulleres son as sufocacións. Tamén poden aparecer o insomnio, dor articular, labilidade emocional, diminución da libido ou ganancia de peso.

-Cales son as principais preocupacións das mulleres cando chegan estes cambios?

Nesta etapa, a muller faise consciente de que ten que empezar a preocuparse un pouco máis pola súa saúde. Buscan información e asesoramento para ver como se poden coidar nesta etapa. O noso papel nese momento é fundamental. Primeiro, para quitarlle a connotación negativa a todas estas fases. Historicamente, a menopausa era algo denostado. Mesmo se consideraba como algo patolóxico, unha enfermidade. É unha etapa vital como outra calquera. Adoptando un estilo de vida saudable e unha serie de coidados non ten porque ser patolóxico. É algo totalmente fisiolóxico que require unha aceptación e unha adaptación. É importante facerlles ver que un estilo de vida saudable vai repercutir na calidade da súa vida e na súa saúde a longo prazo. Hai unha serie de complicacións que aparecen co paso dos anos pola falta de hormonas, como poden ser a osteoporose, o colesterol, a diabetes e as molestias vulvovaxinais, vesicais ou as disfuncións do solo pélvico. Nós tamén facemos detección precoz de cancro xinecolóxico. 

-Saben as mulleres que as matronas son as profesionais sanitarias máis indicadas para axudalas na aparición da menopausa?

En moitos casos, non. As mulleres saben que as matronas as acompañamos toda a súa vida, non só no embarazo, no posparto e na lactación, senón tamén na anticoncepción e nestas fases que comentamos. Ás veces aproveitamos cando acoden a consulta con outras demandas para informalas e recomendarlles unha serie de coidados específicos para este momento. Outras veces veñen derivadas por outros profesionais sanitarios. Si que é unha pelexa das matronas desde hai anos que se vexa que a nosa actividade profesional abrangue toda a saúde sexual e reprodutiva das mulleres desde que nacen ata que falecen.

-A idade media da maternidade aumenta en España. Danse casos de embarazos que se producen cando empezan as sufocacións?

Hai unha porcentaxe de mulleres que teñen insuficiencia ovárica prematura, o que antes se chamaba a menopausa precoz, antes dos 40 anos. A maternidade concorre cada vez máis nunha idade avanzada polas circunstancias socioeconómicas e profesionais das mulleres. A morbilidade vai estar máis relacionada coa idade da muller que non ca cercanía á menopausa. 

-En España hai case 10.000 matronas en activo e hai preocupación polo número de xubilacións dos vindeiros anos e o conseguinte problema de saúde pública. Nótase nos centros a carencia destas profesionais especializadas?

Preocúpanos moitísimo. As escolas de matronas estiveron pechadas máis de dez anos. Hai un salto xeracional porque durante un tempo non se formaron matronas. Agora, a cantidade que se forman cada ano é insuficiente para ser quen de repoñer as moitas compañeiras que se van xubilar nos vindeiros cinco anos. Ademais, a nosa carteira de servizos non é a mesma de hai anos. Cada vez temos máis programas de atención á saúde da muller, anticoncepción, menopausa, disfuncións do solo pélvico, saúde sexual, asesoramento en saúde mentrual, no climaterio-menopausa. Abarcamos un campo cada vez máis amplo e seguimos sendo as mesmas co inconveniente de que nos vindeiros anos non vai haber unha taxa de reposición suficiente.


Imprimir  

Calle Álvaro Cunqueiro, Nº 7 - 1º

15008 - A Coruña

981 168 033

Horario de oficina:

9:00 a 14:00 horas y 16:00 a 19:00 horas de lunes a jueves

viernes de 08:00 a 14:30 horas 

 

Calle Romero Donallo, Nº 27 - Entlo.

15706 - Santiago de Compostela

981 598 870

Horario de oficina:

9:00 a 14:00 horas y 16:00 a 19:00 horas de lunes a jueves

viernes de 08:00 a 14:30 horas