María José Bernárdez, enfermeira de Neuroloxía do Clínico: "No tratamento da migraña imos avanzando aos poucos cos monoclonais intravenosos"

ALFONSO HERMIDA
Comunicación Colegio de Enfermería de A Coruña
 

A cefalea é a expresión de dor máis frecuente no ser humano. A migraña é un dos tipos de cefalea primaria máis frecuente. Calcúlase que en España hai máis de 4 millóns de pacientes migrañosos. É o motivo neurolóxico de consulta máis habitual e, de feito, pérdense unhas 13 millóns de xornadas laborais cada ano por esta razón.

María José Bernárdez leva tres anos e medio nas consultas do Hospital de Día de Neuroloxía do Clínico de Santiago. A enfermaría, a súa profesión desde hai case 20 anos, levouna a ocuparse dos pacientes dunha patoloxía considerada pola Organización Mundial da Saúde como a segunda causa neurolóxica de incapacidade a nivel mundial. Para dar visibilidade a esta situación, cada 19 de abril conmemórase o Día Nacional da Cefalea. 

-Que é a cefalea?

É unha dor de cabeza común que pode ter calquera. Non a podemos confundir cunha migraña, unha dor que ten unha causa neurovascular. A cefalea adoita ser menos intensa ca migraña. A dor da migraña é máis forte, máis potente e máis difícil de parar. Un paracetamol ou un ibuprofeno serven, polo xeral, para facer remitir unha cefalea. Unha migraña é moito máis difícil de controlar. Cefaleas hai varios tipos, depende da zona de dor e do motivo que a causa. Cando a dor de cabeza se converte en algo habitual, adoita ser unha migraña crónica. 

-Que pode provocar unha cefalea? 

O cansanzo, un cambio de tempo, a necesidade de descanso poden causar unha cefalea. A migraña é distinta. Non soe asociarse a nada. É algo que se produce de forma habitual. O paciente que sofre de migraña de xeito bastante constante, cunha media de entre 15 e 20 días ao mes, ten unha migraña crónica. Non hai, necesariamente, un factor desencadenante. A migraña desencadénase soa. Estás ben e, de súpeto, empeza a dor. 

-Como é o perfil do paciente que pasa pola unidade de migraña?

A migraña dase moito máis en mulleres ca en homes. Coa idade, a partir da menopausa, vai diminuíndo, pero tamén hai casos de mulleres de avanzada idade que a seguen padecendo. Canto máis nova é a persoa, hai máis risco de que a migraña apareza con máis intensidade. Os nosos pacientes son persoas ás que a migraña as limita bastante na súa vida. Cústalles moito ir traballar, centrarse, por culpa da dor de cabeza. Moitos senten intolerancia á claridade e están máis cómodos nun sitio oscuro, coa luz apagada.

-De que forma se implica a enfermaría no tratamento da migraña?

Na consulta de bótox, nós axudamos ao doutor Leira, que é o médico co que estamos sempre en consulta aquí no Clínico. No hospital de día, xestionamos a medicación intravenosa, levamos o paciente, pedimos a medicación a farmacia e poñémola aquí. Somos dúas enfermeiras.

-Cal é o tratamento máis habitual hoxe en día?

O bótox. É o que máis se pon e o que mellor funciona. Nun 90 % de pacientes funciona. Os que teñen a sorte de que o bótox lles sirva, dúralles tres meses e durante ese tempo van tirando. Pero o bótox non lle funciona a todo o mundo, aínda que si a unha porcentaxe elevada de pacientes que, malia o tratamento con bótox, teñen episodios de migraña varias veces ao mes. Iso si, pasan de telos 15 ou 20 días a 5 ou 6 días e non son cunha intensidade alta. A maiores, toman os triptanes, medicamentos orais que cortan a migraña no momento que empeza. Canto antes os tomen, mellor. Axudando ao bótox, os triptanes funcionan moi ben.

-Estes pacientes teñen que coidarse moito. Que papel desempeña a educación en saúde, a adquisición de hábitos saúdables?

Eles mesmos din que hai determinados alimentos que lles provocan a migraña. Dependendo do que coman pode desenvolverse a dor con máis intensidade. Recomendamos que se absteñan de fumar e beber alcol. Despois, nós temos total dispoñibilidade para eles. Facilitámoslles un número de teléfono para que chamen cando teñan algún problema. Hai pacientes que levan así toda a vida.

-Cal é o avance máis recente na loita contra a migraña?

Agora mesmo no Hospital de día estamos a tratar os pacientes cun fármaco novo, monoclonal e intravenoso. Hai uns nove meses que o estamos subministrando. De momento, estámolo poñendo ás persoas con peor diagnóstico e os resultados son esperanzadores. Estámosllelo subministrando a pacientes que viñan a poñerse o bótox unha vez cada tres meses e cada quince días a facerse bloqueos. E aínda así, chegaban fatal á consulta. Os bloqueos son inmediatos, pero teñen unha duración que non é moi longa. Os monoclonais intravenosos non fan marabillas, nin milagres, pero pouco a pouco imos avanzando. Estabamos antes con monoclonais subcutáneos. Temos que darlle tempo ao tratamento intravenoso porque o paciente que máis tempo leva con el, só leva tres ciclos. Non é moito. 

-Cantos pacientes atendedes de media ao día? 

Na consulta de migrañas vense unha media duns 60-70 pacientes cada día. Cos intravenosos empezan 1 ou 2 cada semana e imos aumentando.


Imprimir  

Calle Álvaro Cunqueiro, Nº 7 - 1º

15008 - A Coruña

981 168 033

Horario de oficina:

9:00 a 14:00 horas y 16:00 a 19:00 horas de lunes a jueves

viernes de 08:00 a 14:30 horas 

 

Calle Romero Donallo, Nº 27 - Entlo.

15706 - Santiago de Compostela

981 598 870

Horario de oficina:

9:00 a 14:00 horas y 16:00 a 19:00 horas de lunes a jueves

viernes de 08:00 a 14:30 horas