Enfermeiras en busca da fraxilidade: Ferrol marca o ritmo

Detectar a fraxilidade nas persoas maiores de 70 anos é o obxectivo dun ambicioso e pioneiro traballo que realizaron seis residentes de segundo ano de Enfermaría Familiar e Comunitaria da Área Sanitaria de Ferrol. É a primeira vez que se leva a cabo como proxecto piloto previo ao desenvolvemento dun posible cribado en toda Galicia. Ferrol é a primeira Área Sanitaria que sistematiza esta dinámica, en colaboración co departamento de Estilos de Vida Saudables da Consellería de Sanidade.

Laura Villar é residente no centro de saúde de Cabanas. “A poboación é cada vez máis maior. Necesitamos que eses anos gañados en esperanza de vida sexan anos vividos con boa saúde. Elaboramos unha formación, dividida en tres sesións, dirixida aos profesionais de enfermaría da nosa área sanitaria.”, explícanos Laura.

A fraxilidade é a perda da capacidade funcional dos pacientes. Tatiana Roca, que traballa no centro de saúde de Pontedeume, engade que “disto depende que os pacientes teñan maior número de ingresos, máis risco de caídas e peor estado funcional. Á vez, nós temos máis carga asistencial, xa que os pacientes requiren moitos máis coidados”.

O que estas futuras enfermeiras especialistas buscan con esta intervención é integrar esta abordaxe na práctica diaria e sistematizar estes indicadores, tal e como sucede con outros como a tensión arterial ou o nivel de azucre. Paula Ramos, que traballa no centro de saúde Fontenla Maristany, aclara que “decidimos recompilar toda a documentación que utilizamos e todas as escalas validadas e darlles un formato máis manexable no día a día na consulta para os profesionais. Agora mesmo está accesible na intranet”. 

“Fixemos unha revisión da documentación que había e vimos que é un problema incipiente”, sinala Tatiana Roca. “Non había nada estruturado no sistema e como nós temos que facer un traballo de fin de residencia da nosa especialidade, escollimos este tema para que puidera achegar algo tanto os nosos compañeiros como á poboación”.

“O primeiro que temos que facer”, cóntanos Laura del Rosario desde o Fontenla Maristany, “é realizar un cribado para detectar a fraxilidade canto antes porque se pode previr e, despois, tratar. Empezamos captando pacientes de 70 anos ou máis. Pasámoslles a escala de Barthel para ver se son independientes ou dependentes para as actividades básicas. Se son independentes, valoramos o risco de caídas con tres preguntas moi sinxelas e unhas probas de execución para ver o desempeño físico, entre elas a que valora o equilibrio, a velocidade da marcha e erguerse dunha cadeira.”

Cos resultados do cribado, individualízanse as intervencións, que se van enfocar ao risco de caídas, se o hai, á actividade física, á nutrición e á medicación. Marta Torres debúllanos desde o centro de saúde de Ares unha desas intervencións: “O exercicio físico multicompoñente, que inclúe forza, equilibrio, resistencia e flexibilidade, ten moitos beneficios para toda a poboación, independentemente da idade. O exercicio pode ser prescrito e adaptado desde a consulta dos centros sanitarios.”

A outra intervención destacada é a da alimentación. “No caso das persoas maiores, deberemos asegurarnos de que teñan unha achega abonda de proteínas e outros elementos como a vitamina D ou o calcio. Usamos en consulta o método do prato ou método de Harvard”, di Paula Ramos. O método Harvard prioriza as verduras na metade do prato, acompañadas cun cuarto de proteína e un cuarto de hidrato de carbono.

A acollida foi moi satisfactoria, como nos conta Marta: “Os profesionais sanitarios recibírono con moito interese. Moitos achegaron información e coñecemento. Tamén os pacientes lle deron boa acollida a esta educación para a saúde desde Atención Primaria”.


Imprimir  

Calle Álvaro Cunqueiro, Nº 7 - 1º

15008 - A Coruña

981 168 033

Horario de oficina:

9:00 a 14:00 horas y 16:00 a 19:00 horas de lunes a jueves

viernes de 08:00 a 14:30 horas 

 

Calle Romero Donallo, Nº 27 - Entlo.

15706 - Santiago de Compostela

981 598 870

Horario de oficina:

9:00 a 14:00 horas y 16:00 a 19:00 horas de lunes a jueves

viernes de 08:00 a 14:30 horas