Óscar Estraviz: "No 75 % das asistencias pasan menos de 25 minutos desde que o paciente chama ao 061 ata que chega a ambulancia"

-Que é unha emerxencia sanitaria?

É un problema de saúde no que os equipos sanitarios teñen que intervir de forma inmediata para tratar de evitar o falecemento ou as secuelas permanentes dun paciente. Na emerxencia sanitaria hai que actuar xa. Na urxencia, empezar a atención sanitaria con certa marxe (media hora ou unha hora) non ten ningunha repercusión no prognóstico vital do paciente. Na emerxencia se non actuamos con inmediatez, o prognóstico é infausto. 

-Outra das características da emerxencia é que desenvolvedes o voto traballo nun entorno extrahospitalario.

O noso ámbito de actuación é fundamentalmente onde se produce a emerxencia, que pode ser no domicilio do paciente ou na vía pública, sempre fóra do recinto hospitalario, cos condicionantes que supón. Por exemplo, no caso dun infarto nun domicilio, nós invadimos o espazo vital, a intimidade dese paciente. Tes que ter en conta cousas como os recursos humanos ou os materiais que nun hospital das por sentadas. Nas nosas ambulancias van unha enfermeira, un médico e dous técnicos de emerxencias sanitarias, medios humanos máis limitados que nun hospital.

-Cantas bases hai en Galicia do 061? 

Temos 12 bases espalladas por toda a xeografía galega, nas capitais de provincia e principais vilas. Temos 16 recursos terrestres de Soporte Vital Avanzado (nas cidades máis poboadas, Vigo e A Coruña, temos dúas ambulancias medicalizadas e unha de SVA de enfermaría) e 2 helicópteros (1 con base en Santiago e outro en Ourense). Temos bases na Coruña, Ferrol, Santiago, Lugo, Foz, Monforte de Lemos, Ourense (2), Vilagarcía de Arousa, Pontevedra, Vigo e Mos. A finais do ano pasado, publicamos a nova licitación do concurso público de transporte sanitario urxente do 061 na que, aparte dos recursos existentes, ampliamos cunha unidades de Soporte Vital Avanzado de enfermaría en Lalín. No 061 facemos estudos da porcentaxe de ocupación das ambulancias e dos tempos de resposta para tratar de adecuar a rede de transporte ás necesidades da poboación.

-Como é o día a día no voso servizo?

Somos unha cadea. Cando unha persoa chama ao 061 desde calquera punto de Galicia, a chamada recíbese nunha única central de coordinación que é a que está na Estrada. Esa chamada inicialmente recíbea un teleoperador que recolle os datos de filiación do paciente, se se coñecen no momento da emerxencia, os síntomas principais que refire e onde está. Son os datos mínimos que necesitamos para poder enviar o recurso máis axeitado. Todas as chamadas derívanse a persoal sanitario, médicos e enfermeiros da central de coordinación. Fan unha entrevista telefónica dirixida aos síntomas que refire o paciente. A resolución final no centro coordinador pode ser ou ben enviar unha ambulancia, ou ben pechar a chamada cun consello telefónico porque cremos que non é necesario nese momento mobilizar unha ambulancia, nin levar a persoa a un hospital. Aproximadamente, no 60 % das chamadas que recibimos na central non se mobiliza ningún tipo de recurso. Resólvense autónomamente con persoal do centro coordinador. 

-Se se mobiliza a ambulancia, como segue o procedemento? 

Se esa chamada require que se envíe unha ambulancia, todo o persoal das nosas ambulancias, desde que entran de garda ás 9 da mañá, está nun estado que nós chamamos de alerta, a disposición da activación do recurso por parte dos médicos e enfermeiros do centro coordinador. Cando se activa ese recurso, a central informa ao persoal da ambulancia sobre localización e síntomas principais do paciente e realiza unha primeira sospeita diagnóstica da patoloxía que pode ter o paciente. Logo, o persoal sanitario, co material e os medios dos que dispoñemos na ambulancia, fará as probas que sexan pertinentes, a estabilización do paciente en caso de que a requira e decidir se se leva ao hospital ou queda no seu domicilio.  

Aparte do labor puramente asistencial, o persoal das nosas bases fai docencia, investigación e elaboración de protocolos asistenciais coa idea de mellorar o servizo e darlle a mellor atención á cidadanía. 

-Cal é o tempo de reacción ou de resposta? 

É perfectamente comprensible que, cando alguén chama ao 061, os minutos lle parezan horas. Desde a dirección do 061 facemos revisións e estudos dos tempos. No 75 % das asistencias pasan menos de 25 minutos desde que o paciente chama ao 061 ata que ambulancia chega á porta da casa do paciente. Todo é mellorable, por suposto, pero son uns tempos bastante bos. A dispersión poboacional que temos, sobre todo nas provincias de Lugo e Ourense, fai moitas veces que sea complicado chegar ata o paciente. 

-A primeira decisión, a de sacar a ambulancia da base, ten que ser o máis áxil posible. 

Desde que a chamada do paciente ou do alertante é traspasada a un médico ou a un enfermeiro do centro coordinador, a decisión de mandar unha ambulancia está tomada en menos de dous minutos e medio. 

-Cales son as emerxencias máis frecuentes?

Sobre todo, alteracións do nivel de conciencia, síncopes, mareos, desmaios ou paradas cardiorrespiratorias. Tamén hai moitas emerxencias traumatolóxicas provocadas por caídas na rúa. Na época do ano na que estamos, aumentan as patoloxías de tipo respiratorio. Época de gripes, de catarros, rebrote de COVID. As persoas maiores con patoloxía respiratoria pásano bastante mal nesta época porque aumentan as infeccións respiratorias. Con mellor tempo e no verán coas vacacións e o aumento dos desprazamentos, si observamos un incremento das demandas por accidentes de tráfico. 

-Hai algún día da semana ou algunha franxa horaria do día con máis saídas que outras?

Os días con maior actividade na central de coordinación son os días en que non hai Atención Primaria: sábados, domingos e festivos. Os pacientes teñen pechado o seu centro de saúde, só teñen accesibles os puntos de atención continuada, e entres os PAC e nós damos ese servizo á poboación. Na época estival, meses de xullo e agosto, cos desprazamentos e a afluencia de turistas tamén hai un importante volume de chamadas. Tamén nesta época na que estamos agora. En franxas horarias, as de maior actividade son as de 11,00 a 14,00 horas; entre 18,00 a 19,00 horas e na medianoite. 

-Como se forma e se recicla o profesional enfermeiro de Emerxencias?

Ao noso persoal, tanto enfermeiros como médicos, dámoslles unha formación continuada de balde, condicionada polas necesidades que nos comunican os propios traballadores a través dunha enquisa de necesidades formativas. Hai moito persoal que fai cursos de expertos e másteres por fóra e acode a congresos para completar a súa formación. 

-De que forma se fomenta a investigación?

Para dar unha atención de calidade, os sanitarios teñen que estar á última no terreo da innovación. Promóvese a presentación de comunicacións e artigos de investigación en distintos congresos. Serven para compararnos con outros servizos de emerxencias e ver como podemos mellorar. Cando un traballador noso acode a un destes congresos, tentamos axudar mediante a promoción da investigación, ou ben retribuíndolle en horas de traballo, ou ben facilitando todo o posible a inscrición e a publicación. 

-Algún traballo de investigación destacado que se fixera desde Emerxencias de Galicia?

Hai uns 20 anos, Galicia foi a primeira comunidade multiprovincial que implantou unha rede de desfibriladores semiautomáticos que agora se poden ven en aeroportos, centros comerciais… Recollimos datos de todos os instalados por toda Galicia (arredor de 3.200 a día de hoxe) e do aumento da supervivenciados pacientes que sufrían unha parada cardiorrespiratoria na rúa. Eses artigos, que fomos publicando no seu momento, serviron de referencia a outros servizos de emerxencias nacionais e internacionais. É algo do que no 061 estamos moi orgullosos. 

-Es optimista en relación ao recoñecemento da especialidade de enfermaría de urxencias e emerxencias? 

O recoñecemento da especialidade médica está practicamente feito. Só falta que se publique no BOE o Real Decreto correspondente coa sinatura do presidente do Goberno. Despois de moitos anos, os médicos van conseguir un recoñecemento que teñen moi merecido. En 2017, o ministerio de Defensa xa recoñeceu a especialidade de enfermaría de urxencias e emerxencias no ámbito militar. Parece coherente que, nun breve período de tempo, se recoñeza a especialidade de enfermaría de urxencias e emerxencias. Algunhas sociedades científicas están a traballar no documento de solicitude de creación da especialidade para presentar no ministerio de Sanidade, que é o que ten a competencia para creala. Si, son optimista por todos estes antecedentes e porque, sobre todo durante a pandemia, se veu o traballo que fan as enfermeiras de urxencias e emerxencias das nosas ambulancias e dos servizos hospitalarios. Sería un dos mellores recoñecementos que a profesión enfermeira pode ter.

-Cal foi a incidencia máis grave que recordas e como foi o despregue técnico do 061? 

Buff! Levo case 20 anos traballando nisto e vivín moitas cousas, tanto boas como malas. Lémbraste dunha parada cardiorrespiratoria que recuperaches, dun parto… O peor día foi un accidente de tráfico na autovía A-52. Traballaba na base de Ourense e á unha da mañá, na saída de Rante, produciuse unha colisión por alcance nunha noite de moita néboa. Varios coches víronse implicados nun accidente con sete feridos graves. Dous deles eran irmáns. Un faleceu no acto e o outro morréusenos no traslado ao hospital. O pai destas dúas persoas era un dos membros da primeira patrulla da garda civil que chegou ao lugar do accidente. Ver ese axente que estaba a traballar e como os seus fillos perdían a vida nese sinistro foi algo que se me quedou gravado. Esa noite practicamente foron mobilizadas todas as ambulancias da cidade de Ourense.


Imprimir  

Calle Álvaro Cunqueiro, Nº 7 - 1º

15008 - A Coruña

981 168 033

Horario de oficina:

9:00 a 14:00 horas y 16:00 a 19:00 horas de lunes a jueves

viernes de 08:00 a 14:30 horas 

 

Calle Romero Donallo, Nº 27 - Entlo.

15706 - Santiago de Compostela

981 598 870

Horario de oficina:

9:00 a 14:00 horas y 16:00 a 19:00 horas de lunes a jueves

viernes de 08:00 a 14:30 horas