Día Mundial do Alzheimer: "Necesitamos facer un cambio de mirada e ver a persoa e non só a súa enfermidade"

Un 60 % das 70.000 persoas que sofren demencia en Galicia teñen Alzheimer. No Día Mundia do Alzheimer charlamos con Lucía Saborido, enfermeira que fundou os centros Saraiva para a atención e o coidado das persoas maiores. Lucía traballou no Clínico de Santiago, no hospital de La Esperanza, no do Salnés e na residencia Valle Inclán de Vilanova de Arousa. Hai 18 anos fundou a empresa que agora ten centros na Coruña, Ames, Pontevedra, Marín, Poio e Madrid. "Traballando no servizo de urxencias", cóntanos Lucía, "non entendía como os profesionais e as propias familias invisibilizaban ás persoas maiores, é dicir, os profesionais preguntábanlle ao familiar en lugar de facelo á persoa maior. Así que decidín seguir aprendendo, centrándome na xerontoloxía e dándome a oportunidade de crear algo diferente. Así naceu Saraiva."

_día_mundial_del_alzheimer_Facebook_Post_Landscape_1.png

Como son os coidados da enfermaría especializada en pacientes con Alzheimer?

Os coidados de enfermaría nos que se debe poñer especial atención necesitan de supervisión e control por parte da familia ou dos profesionais para garantir a correcta administración da medicación, unha alimentación equilibrada e unha correcta hixiene e vestimenta. Tamén é importante coñecer o grao de actividade da persoa, xa que pode perderse na rúa ou pasar moitas horas sentada. Na actualidade recoméndase o uso da tecnoloxía na atención, xa que se traballa con alertas en caso de caída, alteracións nas rutinas, en caso de necesitar axuda...

Que estratexias usades nos vosos centros para establecer unha comunicación efectiva con estes pacientes?

A clave está en coñecer a historia de vida das persoas ás que acompañamos. Deste xeito coñecemos o seu pasado, os acontecementos que marcaron a súa vida, para poder entender o momento presente. Así, coñecemos o estilo de vida, os gustos, as preferencias, os medos... e podemos preparar como quere vivir o seu futuro por se non pode expresalo por si mesmo. Ademais, coñecer a historia de vida axúdanos aos profesionais a entender certos comportamentos e a saber enfocar mellor as nosas intervencións tendo en conta o punto de vista da persoa.

Como manexades os comportamentos desafiantes ou as situacións de axitación en pacientes con Alzheimer?

É común que os enfermos de Alzheimer teñan momentos de axitación, xa que non entenden o que pasa ao seu redor e como profesional tratas de tranquilizalos. En Saraiva axúdannos moito as caixas dos recordos, que cada persoa usuaria enche con obxectos propios significativos (fotografías, un rosario, unha pandeireta...). Nos momentos de axitación o contido axúdalles a superar esa crise, xa que se aferran a algo que recoñecen como propio achegándolles seguridade.

Como é o traballo e a coordinación coas familias?

O traballo coas familias é moi importante, xa que son as persoas que mellor os coñecen e as que nos poden achegar a información necesaria para entender certos comportamentos ou saber identificar novas necesidades. As familias forman parte do funcionamento do centro e necesitan asesoramento. Cómpre traballar diariamente en equipo para que haxa unha continuidade nos coidados entre os profesionais do centro e as atencións que realizan as familias. Outra cousa que valoran as familias é a confianza, polo que a transparencia é moi importante.

As familias adoitan coñecer as necesidades e comprender os comportamentos das personas con Alzheimer?

Moitas familias non saben como actuar ante alteracións de conduta ou cando demandan constantemente a súa presenza. En Saraiva realizamos escolas de familias. Cada mes hai unha temática diferente de interese para as familias, como é o coidado da pel, as mobilizacións, como diminuir o estrés, as axudas públicas. Deste xeito contribuímos a que as familias teñan un mellor coñecemento e se resolvan as súas dúbidas.

Como se planifica o traballo con estas persoas tendo en conta que son pacientes cuxa situación vai dexenerando a medida que a enfermidade progresa?

En Saraiva temos isto en conta, por iso creamos unha solución que vai dende a promoción e a prevención ata o progreso da deterioración. Deste xeito, contamos con unidades de Vida Activa onde acoden persoas sas a realizar actividades como o uso das novas tecnoloxías, escribir a súa historia de vida, Pilates... Tamén contamos cunha unidade de memoria onde se fan sesións dunha hora para traballar a memoria, cálculo, linguaxe e atención á fase podrómica de deterioración cognitiva. Se a deterioración progresa, contamos cun servizo de centro de día no que podes pasar de 4 a 8 horas realizando actividades de rehabilitación cognitiva e física xunto con rehabilitación funcional e social. E cando é necesaria unha atención 24 horas, temos as nosas unidades de convivencia onde se ten en conta o estilo de vida (urbano, tradicional, rural...) para valorar cal é a máis compatible. Isto é importante para nós, xa que non só podemos centrarnos na deterioración e necesidades das persoas, senón tamén en como viviron para que a convivencia sexa o máis beneficiosa.

Cales son os retos máis significativos dos pacientes con Alzheimer, as súas coidadoras e as familias?

O reto que temos os profesionais ante as persoas que padecen alzhéimer é a nosa forma de ver a enfermidade. Necesitamos facer un cambio de mirada e ver a persoa e non só a súa enfermidade. Deixar de ter unha actitude paternalista para pasar a recoñecer á persoa e centrarse no que é importante para ela. A familia ten que entender que certos comportamentos non se realizan de forma voluntaria, senón que son froito da deterioración e que teñen que aprender a acahegarlles seguridade, con calma e con cariño sen tratalos de forma infantil.

Cal é o papel da enfermaría nol diagnóstico e a atención temperá da enfermidade?

Para min, un gran logro na atención temperá sería poder facer un cribado anual a través dun MEC a partir dos 70 anos para poder detectar precozmente e recibir un tratamento que contribúa a enlentecer a progresión da enfermidade. Traballar de forma coordinada entre distintas categorías profesionais e servizos públicos e privados para que se se detecten certas alertas, poidamos derivar para axilizar a detección e a intervención da deterioración.

Que mensaxe de concienciación lanzas á sociedade neste Día Mundial do Alzheimer?

Cando esteas cunha persoa maior, non lle preguntes se te recoñece, xa que isto pode provocar medo e ansiedade. Como sociedade, debemos centrarnos nos logros que as persoas maiores conseguiron ao longo da súa vida, para que nos sirvan de fonte de inspiración, máis que na fraxilidade que poden mostrar. 


Imprimir  

Calle Álvaro Cunqueiro, Nº 7 - 1º

15008 - A Coruña

981 168 033

Horario de oficina:

9:00 a 14:00 horas y de 16:00 a 19:00 de lunes a jueves.

                                                                                                                                                                                          08:00 a 14:30 horas los viernes.

 

 

 

Calle Romero Donallo, Nº 27 - Entlo.

15706 - Santiago de Compostela

981 598 870

Horario de oficina:

9:00 a 14:00 horas y de 16:00 a 19:00 de lunes a jueves.

                                                                                                                                                                                          08:00 a 14:30 horas los viernes.