Tomou posesión o novo xerente do Servizo Galego de Saúde, Luis León

Fonte: Consellería de Sanidade

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, presidiu a toma de posesión como novo xerente do Servizo Galego de Saúde do doutor Luis León Mateos, que asume o cargo con retos por diante como o fortalecemento da Atención Primaria e da saúde mental ou a xestión das listas de espera, nun contexto marcado polo déficit de profesionais e pola folga do persoal médico contra o Estatuto Marco que promove o Goberno central. 

Durante a súa intervención na toma de posesión, á que asistiu o presidente do Colexio, Avelino Castro, o conselleiro de Sanidade destacou a ampla traxectoria asistencial, docente e investigadora do doutor Luis León.

Gómez Caamaño tamén tivo palabras de agradecemento para o xerente saínte, José Ramón Parada, pola súa profesionalidade e dedicación nos máis de dous anos de traballo no cargo.

No seu uso da palabra, o novo xerente do Sergas sinalou que a sanidade vive momentos complexos, con retos estruturais de gran magnitude, como o envellecemento e a dispersión da poboación, e incidiu en que é necesario repensar o modelo de atención.

Tamén destacou as importantes fortalezas do sistema sanitario, entre as que citou aos profesionais, as infraestruturas e os recursos tecnolóxicos, co claro obxectivo de garantir unha atención de calidade.

Pola súa banda, o xerente saínte, José Ramón Parada, agradeceu ao conselleiro a súa confianza nestes anos de moito traballo.

Traxectoria profesional do novo xerente

Luis León é licenciado en Medicina pola Universidade de Navarra, especialista en Oncoloxía Médica, doutor en Medicina pola USC e profesor asociado en Ciencias da Saúde. Conta, ademais, cunha ampla traxectoria asistencial, docente e investigadora.  

Desenvolveu a súa carreira asistencial no Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela, no Hospital Meixoeiro de Vigo, no Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol e no Complexo Universitario de Pontevedra, ademais de realizar estadías formativas no MD Anderson Cancer Center de Houston e no Bellevue Hospital de Nova York.

No ámbito da xestión e da innovación, foi subdirector de Investigación, Docencia e Innovación do Sergas e director da Área de Planificación e Promoción da Investigación da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde.

Na súa faceta académica e científica, é profesor asociado na USC, coordinador do Título Experto en Oncoloxía de Precisión e autor de numerosas publicacións e proxectos competitivos en oncoloxía de precisión, biopsia líquida e inmunoterapia.

Ata o momento, exercía como xefe de sección no Servizo de Oncoloxía Médica do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela e presidía o Comité Molecular de Tumores do Servizo Galego de Saúde desde 2025.

 

Imprimir  

Calle Álvaro Cunqueiro, Nº 7 - 1º

15008 - A Coruña

981 168 033

Esta dirección de correo electrónico está siendo protegida contra los robots de spam. Necesita tener JavaScript habilitado para poder verlo.

 

Horario de oficina:

8:00 a 14:30 horas de lunes a viernes