Alfonso Hermida
Comunicación do Colexio de Enfermaría da Coruña
A asma é unha enfermidade crónica moi prevalecente, que afecta un 5 % da poboación adulta galega e xera un consumo moi importante de recursos humanos e materiais. Segundo o Informe mundial sobre a asma, ao redor de 339 millóns de persoas en todo o mundo padecen asma e prevese que esta prevalencia aumente en 100 millóns de novos casos para 2030.
A asma é unha das enfermidades tratables máis prevalecentes a nivel global e supón un grave problema de saúde pública, principalmente debido a:
- A inequidade no acceso aos servizos sanitarios.
- As diferenzas socioculturais que impactan na súa mortalidade.
- O pobre cumprimento do tratamento.
- O uso probablemente excesivo de broncodilatadores de acción curta (SABA).
No Día mundia da asma, conversamos con Saray González Troiteiro, enfermeira do Servizo de Neumoloxía do Complexo Hospitalario Universitario A Coruña.
-Por que segue a ser a asma unha enfermidade tan pouco visible para a sociedade?
Pese a ser unha doenza con unha prevalencia considerable, é posible que a baixa consciencia de enfermidade de boa parte dos doentes que a sofren, normalice o mal control da mesma e banalice a sua importancia no estado de saúde dos que a padecen.
-Cal é o nivel de infradiagnostico e que perfil ten o paciente infradiagnosticado?
Faltan estudos poblacionais en Galicia para definir con exactitude estes datos, pero a nivel nacional considérase que o infradiagnóstico de asma se sitúa entre o 30 e o 50 %.
Adoita a ser máis común en doentes con síntomas intermitentes ou con tos crónica non filiada, aos que nunca se lles fixeron probas de función pulmonar e que con frecuencia minimizan os síntomas que padecen.
-Que supón vivir cunha asma mal controlada no día a día?
Da lugar á limitación da actividade diaria, incrementa os periodos de incapacidade laboral, onde a patoloxía de base nos impide facer o que queremos de cotío, e mesmo pode alterar o patrón de descanso, con sensación frecuente de falta de aire, o que require un incremento das doses de fármacos inhalados ou corticoides orais a maiores do tratamento habitual para tratar de aliviar a sua sintomatoloxía.
-Que importancia ten a falta de adherencia ao tratamento?
Ten unha grande importancia, xa que serán pacientes con maior risco de presentar crises asmáticas e un maior número de ingresos hospitalarios, que mesmo cheguen e requerir ingreso en intensivos. Se un non é adherente ao tratamento, predispón ao mal control da súa asma, ou o que é o mesmo, un detrimento na súa calidade de vida.
-O lema deste ano insiste no acceso a inhaladores antiinflamatorios. Hai inequidade real?
Dado que este se trata de un lema a nivel global, seguro que esta situación é frecuente en países en vías de desenvolvemento. En España, coa implementación das guías clínicas de manexo da asma, protocolizouse o tratamento, sendo o primeiro escalón terapéutico os fármacos con corticoide inhalado combinado cun beta adrenérxico de longa duración . De existir inequidade, asocioa mais coa demora en acadar um diagnostico, e poco tanto se prescriban exclusivamente beta adrenérxicos de acción curta, algo completamente contraindicado na actualidade de tratarse dunha asma.
-Detectades moito uso incorrecto dos inhaladores?
Si, con moita frecuencia os doentes presentan erros críticos na técnica inhalatoria, o que pode causar que se lles prescriba un escalón farmacoterapéutico superior, que non sería preciso de facer correctamente a técnica inhalatoria, logrando un adecuado depósito pulmonar do fármaco que permita o control dos síntomas e das crises.
-Que importancia ten ensinar ben a técnica inhalatoria?
Ten unha importancia vital realizar un educación terapéutica rigorosa aos doentes, demostrándolles como deben levar a cabo a administración do inhalador, empregando un dispositivo placebo e proporcionando información por escrito ao respecto de cada tipo de inhalador. Na actualidade existen aplicacións como a de AsmaControl desenvolvida por Sogapar con titoriais en vídeo dispoñibles sobre cada tipo de dispositivo inhalatorio á venda. Contamos tamén con recursos que nos permiten formarnos para formar aos nosos doentes, prestando unha asistencia de maior calidade.
-Ata que punto o abuso de broncodilatadores de acción curta (SABA) segue a ser un problema?
Un problema moi serio, porque observamos a doentes asmáticos que baleiran o envase completo do inhalador en poucos días, aplicando doses de fármacos tan elevadas que, como é loxico, provocan efectos secundarios como taquicardia, tremores e predispoñen a padecer eventos cardiovasculares graves. Os SABA son medicamentos cunha duración de acción curta, o que fai que a demanda de fármaco sexa frecuente e non estea a tratar a inflamación subxacente. Na actualidade está contraindicada a pauta en exclusiva de broncodilatadores de acción corta ou SABA, que deben empregarse como medicación de rescate, pero non como controladora da patoloxía de base.
-Que outros erros cometen os pacientes?
Os erros que cometen os doentes son moi variados: dende unha incorrecta hixiene bucal, non baleirar previamente os pulmóns antes de inhalar a terapia prescrita, non facer unha correcta apnea posterior á inhalación de fármaco e un longo etcétera de circunstancias que nos confirman a importancia de perseverar. En este aspecto, a educación terapéutica sobre terapia inhalada debe levarse a cabo de forma periódica, evaluando os coñecementos do doente ao seu respecto.
-Ata que punto un paciente ben informado controla mellor a súa enfermidade?
É un dos determinantes principais do control, ao nivel do propio tratamento farmacolóxico. Un doente ben informado non abandonará o tratamento a pesar da mellora dos síntomas, coñecerá como debe empregar o inhalador de rescate e terá criterio para consultar antes de que unha crise sexa grave, o que vai repercutir nun descenso das agudizacións de ata o 50 %.
-É posible reducir de forma significativa o número de crises asmáticas?
Pódese acadar a remisión clínica ou un bo control de síntomas mantido no tempo en doentes que se adheren o tratamiento, fan un uso correcto do inhalador, evitan desencadeantes coñecidos e detectan precozmente o empeoramento; pero tamen cabe destacar que un factor que modifica a evolución da enfermidade é o control das emocións, de xeito que temos aínda tarefa por abordar dado que nun doente con inestabilidade emocional, esta pode descompensar unha asma ben tratada.
-Cal é o papel específico da Enfermaría no manexo da asma?
O da Enfermaría é un rol con diferentes facetas no control da asma, xa desde a realización das probas de función pulmonar, entre as máis importantes a espirometría ou o FENO. Na consulta de asma, é fundamental ademais da realización de cuestionarios de control clínico como ACT, a revisión de adherencia ao tratamento, a educación terapéutica, o respecto de terapia inhalada, así como a revisión da cobertura vacinal, facendo especial fincapé na administración de vacinas estacionais frente a virus respiratorios, aconsellada en doentes respiratorios con enfermidade crónica. Sen esquecernos do noso compromiso como prescriptores de hábitos de vida saudables, onde están presentes a prevención e a deshabituación tabáquica, a nutrición, o control de peso e a actividade física dos nosos doentes.
Na asma grave con tratamento con fármacos biolóxicos, é a enfermeira a que adestra ao doente na administración dos fármacos por vía subcutánea.
-Galicia presenta algunha particularidade no manexo da enfermidade?
Polo seu clima húmido, é considerable tanto a proliferación de mofos e ácaros, polo que os doentes deben vixiar a aparición dos mesmos na vivenda, posto que actúan como predispoñentes a sufrir crises. É recomendable o emprego de deshumidificador que manteña as porcentaxes de humidade da vivenda en rango saudable.
