A Xunta publica no DOG o decreto que estende o horarios dos PAC á mañá dos sábados

Fonte: Consellería de Sanidade

O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición deste luns, por medio da Consellería de Sanidade, o Decreto 31/2026, do 20 de abril, polo que se modifica o Decreto 172/1995, do 18 de maio, polo que se aproba o Plan de urxencias extrahospitalarias da Comunidade Autónoma de Galicia.

Deste xeito, esténdese o horario de apertura e funcionamento dos Puntos de Atención Continuada á mañá dos sábados para reforzar a continuidade asistencial na Atención Primaria. En consecuencia, o horario de apertura e funcionamento dos PAC será de luns a venres, desde as 15,00 horas ata as 8,00 horas do día seguinte e as 24 horas do día no caso dos sábados, domingos e festivos.

A apertura dos PAC na mañá dos sábados suporá, segundo os datos facilitados pola Xunta, un incremento de 211 prazas ata 2028, das cales 100 serán de médicos, 80 de persoal de Enfermaría e 31 de persoal de xestión e servizos. O investimento previsto pola Xunta neste período para a ampliación destas prazas é de 10.310.076 euros. 

As prazas do presente ano xa foron orzadas neste exercicio por importe de 3.723.648 euros. O investimento dos anos 2027 e 2028 será de 6.577.427 euros, dos cales 3.346.915 corresponden ao 2027 e 3.230.512 ao 2028.

Desas 211 prazas de incremento, 77 (36 de médico, 28 de enfermeira e 13 prazas de persoal de servizos xerais, corresponden ao presente ano), 69 no vindeiro ano (32 de médico, 26 de enfermeira e 11 de persoal de servizos xerais) e 65 no 2028 (32 de médico, 26 de enfermeira e 7 de persoal de servizos xerais).

A modificación do Decreto 172/1995 materializa a redución xeral e progresiva da xornada ordinaria adoptada mediante acordo do Consello da Xunta polo que se aproban melloras retributivas e laborais para o persoal dos PAC, logo de chegar a un acordo cos sindicatos en mesa sectorial.

Así, esta medida vai acompañada dun programa incentivado de voluntariedade para a realización de gardas nos PAC, acordado na Mesa Sectorial de Sanidade do 27 de marzo. De feito, o Executivo galego aprobou recentemente o procedemento para o exercicio das opcións de prestación de xornada complementaria nos puntos de atención continuada, que xa fora negociado cos representantes dos traballadores.

Este programa para incentivar que exista voluntariedade para a cobertura da asistencia nos PAC leva aparellado importantes melloras retributivas para os profesionais. En concreto, para o persoal facultativo, suporá un aumento progresivo, en dous anos, do 15,36 % nas retribucións por xornada complementaria e para o persoal de Enfermaría estase a aplicar xa desde comezos de ano un aumento do 22,62 %, segundo informa a Consellería de Sanidade. O obxectivo para ambos colectivos é unha redución progresiva de tramos ata que poidan percibir o importe incentivado desde a primeira hora de xornada complementaria. 

Esta medida súmase ás melloras laborais e retributivas acordadas para o persoal dos PAC, entre as que destaca a consideración da noite do venres como prefestiva.

Redución da xornada ordinaria

Segundo recolle a nota de prensa do goberno galego, con esta reforma, materialízase a redución xeral e progresiva da xornada ordinaria adoptada mediante o acordo do Consello da Xunta polo que se aproban melloras retributivas e de traballo do persoal das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde, con base no acordo da Mesa Sectorial do 20 de abril de 2023 e aplicable principalmente nos sábados pola mañá ao colectivo de persoal cunha quenda fixa de mañá ou de tarde ou asimilable, como é o caso dos traballadores sanitarios das unidades e servizos dos centros de saúde.

Así mesmo, con esta medida outórgaselle na normativa vixente a consideración de continuada a unha atención sanitaria dos sábados pola mañá que na práctica, e con carácter xeral, xa ten esa natureza e resulta singular respecto á actividade realizada ordinariamente nos centros de saúde. O obxectivo final, polo tanto, é dotar de seguridade xurídica a atención sanitaria prestada os sábados pola mañá e ordenar a prestación como a xornada de atención continuada, que xa era de facto.

Ademais, estas medidas vense reforzadas co acordo de mellora das condicións laborais e retributivas dos profesionais dos PAC acadado na Mesa Sectorial do 15 de abril.

A Xunta considera que se garante a prestación en condicións óptimas da atención sanitaria de urxencia no nivel de Atención Primaria e, ademais, salvagarda os dereitos do persoal, en particular no que se refire ao réxime de xornada laboral.


Imprimir  

Calle Álvaro Cunqueiro, Nº 7 - 1º

15008 - A Coruña

981 168 033

Esta dirección de correo electrónico está siendo protegida contra los robots de spam. Necesita tener JavaScript habilitado para poder verlo.

 

Horario de oficina:

9:00 a 14:00 y de 16:00 a 19:00 horas de lunes a jueves.

viernes de 08:00 a 14:30 horas.