A Xunta recoñece a achega dos Colexios de Enfermaría para enriquecer a Lei de saúde

Fonte: Xunta de Galicia

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, reafirmou a determinación da Xunta de acabar con calquera acto de violencia no ámbito sanitario ante os profesionais asistentes á xornada de presentación da modificación da Lei de saúde de Galicia pola que se establecen medidas de prevención e protección integral contra a violencia do sistema de saúde de Galicia.

No acto, celebrado no salón de actos da Consellería de Sanidade e no que tamén participou o vogal do Colexio, Juan Pablo García Piñón, o conselleiro recoñeceu as achegas dos colexios de Enfermaría, Medicina, Psicoloxía, os técnicos de Emerxencias, persoal do 061 e as forzas e corpos de seguridade do Estado para enriquecer a lei que entrou en vigor o pasado 8 de abril. Tamén destacou a visión xurídica, profesional e social que se reflicte na Lei, coa que a Xunta eleva a protección do persoal da sanidade ao máximo rango normativo.

En 2025, o número de episodios de violencia na sanidade pública foi de 950. Deles, tal e como destacou o conselleiro, 344 foron agresións físicas.

A modificación legal impulsada pola Consellería de Sanidade ten en conta os distintos escenarios nos que se producen os actos de violencia, posto que dese total de agresións físicas, 317 producíronse en consulta pero tamén houbo agresións na rúa. Por iso, as medidas fronte ás agresións que se recollen na lei contemplan actos que suceden dentro e fóra dos centros sanitarios.

Ademais, do total de episodios de violencia, 300 tiveron lugar no ámbito da Atención Primaria; máis de 560 na Atención Hospitalaria; e 71 en emerxencias extrahospitalarias. Para atender a esta realidade, sinalou Gómez Caamaño, Galicia é pioneira por ser a primeira comunidade autónoma que inclúe os técnicos de emerxencias sanitarias e do 061 entre o persoal a protexer.

Ademais, a protección amplíase a todas as categorías profesionais, incluído persoal de administración, admisión, transporte e inspección, tanto no ámbito público como no privado. 

O conselleiro de Sanidade sinalou entre as novas medidas que contempla a reforma legal que o profesional poderá suspender a atención a un paciente se hai gravacións sen o seu consentimento. Tamén hai un apartado na lei dedicado ao acoso e ao ciberacoso como novas formas de violencia.

No que se refire aos infractores, poderá asignarse un profesional distinto ou outro centro de saúde para protexer a vítima. Así mesmo, o persoal que sexa agredido no seu traballo terá dereito á mobilidade laboral.

En paralelo, ponse en marcha un rexistro confidencial para inscribir todos os actos de violencia que sexan sancionados impulsaranse campañas informativas para sensibilizar a cidadanía.

Outra medida de prevención será a capacitación en manexo de conflitos, que será obrigatoria para o novo persoal e que contará como mérito na carreira profesional. 

 


Imprimir  

Calle Álvaro Cunqueiro, Nº 7 - 1º

15008 - A Coruña

981 168 033

Esta dirección de correo electrónico está siendo protegida contra los robots de spam. Necesita tener JavaScript habilitado para poder verlo.

 

Horario de oficina:

9:00 a 14:00 y de 16:00 a 19:00 horas de lunes a jueves.

viernes de 08:00 a 14:30 horas.