Alfonso Hermida
Comunicación del Colegio de Enfermería de A Coruña
A Facultade de Enfermaría de Santiago iniciou o curso 2026-2027 coa totalidade das prazas cubertas no Grao e nos títulos de posgrao, así como cunha demanda crecente de estudos de doutoramento. A súa decana, Raquel Rodríguez, destaca o avance da simulación clínica, a consolidación do novo plan de estudos e a incorporación crítica e responsable da intelixencia artificial. Advirte, con todo, da necesidade de reforzar o equipo docente e ampliar os espazos e os medios materiais para manter a calidade formativa nun centro que acolle arredor de 150 estudantes por curso.
Alfonso Hermida
Comunicación del Colegio de Enfermería de A Coruña
A Facultade de Enfermaría de Santiago iniciou o curso 2026-2027 coa totalidade das prazas cubertas no Grao e nos títulos de posgrao, así como cunha demanda crecente de estudos de doutoramento. A súa decana, Raquel Rodríguez, destaca o avance da simulación clínica, a consolidación do novo plan de estudos e a incorporación crítica e responsable da intelixencia artificial. Advirte, con todo, da necesidade de reforzar o equipo docente e ampliar os espazos e os medios materiais para manter a calidade formativa nun centro que acolle arredor de 150 estudantes por curso.
-Que balance fai do inicio do curso 2026-2027 e con que novidades se incorporou o alumnado á Facultade de Enfermaría de Santiago?
Como ven sendo habitual, iniciamos o curso coa totalidade da oferta cuberta, tanto no Grao como nos títulos de posgrao. Nos últimos anos estamos observando, ademais, unha crecente demanda para iniciar estudos de doutoramento, o que evidencia o interese cada vez maior polo ámbito da investigación e da carreira académica en Enfermaría. Neste novo curso avanzamos na mellora dos recursos materiais destinados á docencia mediante simulación clínica, unha ferramenta fundamental para favorecer unha formación práctica e segura. Comezamos o curso coa ilusión renovada de cada ano e coa convicción de que a Enfermaría está a asumir un papel cada vez máis relevante en todos os seus ámbitos.
-Enfermaría volveu situarse entre as titulacións máis demandadas, cunha nota de corte próxima ao 12. Que revela este interese e que perfil observa entre o alumnado de novo ingreso?
O interese crecente por Enfermaría é unha mostra do atractivo que continúa a ter a profesión entre a mocidade galega e tamén do seu recoñecemento social. Estamos ante unha titulación esixente, cunha alta inserción laboral e que ofrece múltiples posibilidades de desenvolvemento profesional. No alumnado de novo ingreso percibimos un interese por unha visión cada vez mais ampla da Enfermaría. A asistencia clínica continúa a ser o eixo fundamental, pero cada vez hai maior conciencia doutras áreas de desenvolvemento, como a investigación, a xestión ou a docencia, o que reflicte unha evolución na maneira de entender a profesión.
-A Facultade acolle arredor de 150 estudantes por curso. Dispón na actualidade de profesorado, espazos e medios suficientes para manter unha formación de calidade?
Xestionamos un volume elevado de estudantes, arredor de 150 por curso, ao que hai que engadir os títulos de posgrao e a complexidade inherente ás prácticas clínicas ou á xestión do estudantado de mobilidade. Todo isto supón un importante esforzo de planificación e coordinación. Contamos cun profesorado moi implicado, cunha sólida traxectoria docente, clínica e investigadora. A isto súmase o papel do profesorado asociado de ciencias da saúde e dos colaboradores docentes, que participan directamente na formación durante as prácticas clínicas.
Con todo, manter o rigor e a excelencia nunha titulación sanitaria tan dinámica esixe unha actualización e uha mellora constantes. Por iso, aínda que optimizamos os recursos dispoñibles, é necesario continuar reforzando o equipo docente, e ampliando espazos e medios materiais, especialmente aqueles vinculados á simulación e ás novas metodoloxías docentes.
-No curso 2025/2026 culminou a implantación da modificación do plan de estudos. Que cambios percibe de maneira máis clara o alumnado nas materias, nas metodoloxías ou na organización da titulación?
A modificación do plan de estudos responde á necesidade de adaptar a formación ás novas realidades da profesión e de avanzar cara unha aprendizaxe cada vez máis baseada en competencias. Para o estudantado, isto tradúcese en cambios tanto nos contidos como nas metodoloxías docentes, cunha maior orientación cara a participación activa e a aplicación práctica dos coñecementos.
Entre as novidades, reforzáronse contidos e competencias relacionados coa metodoloxía da investigación, as novas tecnoloxías, a perspectiva de xénero en saúde, a multiculturalidade ou a saúde comunitaria, ámbitos cada vez máis relevantes para a práctica profesional. Tamén cambiou a organización das materias, que pasaron a ter todas carácter semestral e ampliouse a oferta de optativas, o que permite ao alumnado diversificar e orientar en maior medida a súa formación segundo os seus intereses. En definitiva, o obxectivo é que o estudantado non só adquira coñecementos, senón tamén as competencias necesarias para afrontar os retos actuais e futuros da profesión. Os plans de estudos deben estar en revisión permanente para acompañar a evolución da Enfermaría e responder ás necesidades dunha sociedade en constante transformación.
-Que melloras se introduciron na simulación clínica e que situacións asistenciais poden adestrar xa os estudantes antes de atender pacientes reais?
A simulación clínica é unha das liñas estratéxicas que estamos a impulsar como ferramenta clave de innovación docente. Esta metodoloxía está presente en diferentes materias desde primeiro curso e introdúcese de maneira progresiva, adaptándose ao nivel formativo e á complexidade de cada situación, cun especial desenvolvemento en segundo e terceiro.
Nos últimos anos, desde a propia Facultade tamén reforzamos a formación do profesorado neste ámbito como instrutores de simulación a través do plan de formación e innovación docente da Universidade. Para aproveitar todo o potencial desta metodoloxía non abonda con dispoñer de espazos e recursos axeitados, senón que é fundamental contar con profesorado formado para integrar a simulación de maneira eficaz no proceso de aprendizaxe. A través da simulación pódese adestrar calquera escenario do contexto clínico, permitindo traballar destrezas técnicas ou habilidades como a comunicación, a toma de decisións ou o traballo en equipo, coa enorme vantaxe de facelo nun contorno seguro, no que o estudantado pode aprender dos erros e acertos e reflexionar sobre a súa actuación antes de enfrontarse a situacións reais. De feito, estamos a observar unha elevada motivación por parte do estudantado e uns resultados académicos moi positivos. O noso obxectivo é seguir ampliando e consolidando esta metodoloxía para que o estudantado chegue ás prácticas clínicas con maior preparación, seguridade e capacidade para responder ás diferentes situacións asistenciais.
-A USC anunciou unha estratexia para regular e promover un uso responsable da intelixencia artificial. Como debe incorporarse esta tecnoloxía á formación enfermeira?
A intelixencia artificial vai formar parte inevitablemente da nosa realidade profesional e, polo tanto, debe integrarse tamén na formación universitaria. Con todo, o importante non é ensinar simplemente a utilizar unha ferramenta tecnolóxica, senón formar profesionais capaces de empregala de maneira crítica, responsable e segura. No caso da Enfermaría, isto é especialmente relevante porque estamos nun ámbito no que as decisións afectan directamente á saúde e ao benestar das persoas. O estudantado debe coñecer tanto as posibilidades que ofrece para apoiar a práctica clínica, a investigación ou a xestión como as súas limitacións e riscos, prestando especial atención a aspectos tan cruciais como a calidade da información, os posibles sesgos, a privacidade e a protección de datos e a propia responsabilidade profesional.
Debemos avanzar cara unha formación que ensine a utilizar estas ferramentas como apoio, pero sen perder de vista que o razoamento clínico, a toma de decisións e, sobre todo, a relación humana co paciente seguen a ser elementos centrais da profesión enfermeira. A tecnoloxía pode axudarnos a ser máis eficientes e a mellorar determinados procesos, pero debe estar sempre ao servizo dunha atención máis segura, personalizada e humana. Por iso, desde a universidade temos tamén a responsabilidade de preparar o estudantado para este novo escenario, proporcionándolle non só competencias dixitais, senón tamén criterio profesional e ético para saber cando, como e para que utilizar estas ferramentas.
-Nunha profesión cunha incorporación laboral case inmediata, como se consegue que o alumnado mire tamén cara á investigación, o doutoramento, a docencia ou a xestión sanitaria?
É certo que a incorporación inmediata ao ámbito asistencial adoita ser a prioridade natural do estudantado, especialmente nunha profesión cunha inserción laboral practicamente plena. Por iso, desde a Facultade esforzámonos en transmitirlles desde o primeiro momento que a Enfermaría vai máis alá da asistencia clínica: tamén é investigación, docencia e xestión.
A modificación do plan de estudos reforza esta visión máis transversal da profesión, incorporando competencias específicas vinculadas á investigación, e favorecendo que o estudantado adquira ferramentas para formular preguntas, buscar evidencia e analizar críticamente a información científica. Ademais, facilitamos o achegamento aos grupos de investigación, porque consideramos que coñecer de primeira man o traballo investigador pode espertar novas vocacións. Tamén é importante que o estudantado entenda que a investigación ten unha repercusión directa na práctica clínica: investigar permite xerar coñecemento, avaliar o que facemos e contribuír a mellorar os coidados. Neste sentido, a investigación non ten por que entenderse necesariamente como unha dedicación exclusiva ou ligada só ao ámbito universitario. A capacidade para interpretar e aplicar criticamente a evidencia debe formar parte do día a día da práctica asistencial.
Como comentaba antes, nos últimos anos estamos a observar unha presenza cada vez maior de enfermeiras nos estudos de doutoramento, o que para nós é un indicador moi positivo do crecemento e da madurez da profesión. O reto é que o estudantado vexa estes ámbitos non como opcións excluíntes, senón complementarias, que contribúen desde diferentes perspectivas ao desenvolvemento dunha Enfermaría cada vez máis baseada na evidencia.
-Que obxectivos concretos lle gustaría poder alcanzar ao final de curso?
En primeiro lugar, consolidar o novo plan de estudos desde unha perspectiva aberta, mantendo a atención sobre aqueles aspectos que poidan ser mellorados a medida que imos coñecendo a experiencia do estudantado e do profesorado. Queremos tamén seguir incorporando novas iniciativas ao Plan de Acción Titorial, reforzando o acompañamento e a orientación do estudantado ao longo da súa traxectoria formativa e facilitando que coñeza as diferentes posibilidades de desenvolvemento profesional. Finalmente, no ámbito do posgrao, estamos a traballar para fortalecer e ampliar a oferta de estudos, dando resposta ás novas necesidades formativas e favorecendo a continuidade da formación ao longo da carreira profesional. O noso obxectivo é seguir avanzando cara a unha Facultade que combine unha formación de calidade, unha investigación cada vez máis vinculada á práctica profesional e un compromiso coa sociedade.
