Alfonso Hermida
Comunicación del Colegio de Enfermería de A Coruña
A Escola Universitaria de Enfermaría da Coruña inicia o curso 2026-2027 coa totalidade das súas prazas de novo ingreso cubertas e cunha demanda que se mantén en niveis elevados. A súa directora, Inés Fernández, considera necesario aumentar a oferta e avanza que na próxima modificación da memoria do título, necesaria tamén para adaptarse á nova Orde CIN, se prevé aumentar as prazas de novo ingreso, un incremento acorde cos recursos dispoñibles para preservar a calidade docente e clínica. Nesta entrevista analiza tamén a incorporación da intelixencia artificial á formación, o impacto da presión asistencial sobre as profesionais e os cambios necesarios para responder ao envellecemento da poboación e á crecente complexidade dos coidados.
Alfonso Hermida
Comunicación del Colegio de Enfermería de A Coruña
A Escola Universitaria de Enfermaría da Coruña inicia o curso 2026-2027 coa totalidade das súas prazas de novo ingreso cubertas e cunha demanda que se mantén en niveis elevados. A súa directora, Inés Fernández, considera necesario aumentar a oferta e avanza que na próxima modificación da memoria do título, necesaria tamén para adaptarse á nova Orde CIN, se prevé aumentar as prazas de novo ingreso, un incremento acorde cos recursos dispoñibles para preservar a calidade docente e clínica. Nesta entrevista analiza tamén a incorporación da intelixencia artificial á formación, o impacto da presión asistencial sobre as profesionais e os cambios necesarios para responder ao envellecemento da poboación e á crecente complexidade dos coidados.
-Con que cifras de matrícula comeza a Escola este curso e que balance fai da demanda rexistrada?
A oferta de prazas de novo ingreso é de 66 estudantes por curso, cubríndose sen problema a totalidade da matrícula.
A demanda neste centro sempre foi elevada, aínda que no curso 2021-22 se produciu un forte incremento nas solicitudes que, con pequenas variacións anuais, se mantén na actualidade.
-Que explica que Enfermaría continúe a ser unha das titulacións máis demandadas polas persoas estudantes?
As profesións das Ciencias da Saúde, en xeral, sempre tiveron demanda. En cada período da historia, as influencias de demanda poden ser diversas, ademais da motivación vocacional que é sempre a mais poderosa.
Se consideramos o período mencionado de alto incremento de demanda, poderiamos dicir que a pandemia da Covid-19 puido ter algunha influencia. O déficit e demanda global de profesionais podería ser outro estímulo que axudase a inclinarse polos estudos, dado que a saída laboral está case asegurada.
Os títulos de graduado que facilitaron o progreso académico e curricular (acceso a estudos de mestrado e doutorando que permiten a incorporación á investigación) e o desenvolvemento das especialidades de Enfermaría, puideron influír mellorando o recoñecemento e prestixio da profesión e contribuír, por elo, a incrementar o atractivo da elección.
-A alta demanda reabre o debate sobre a ampliación de prazas. Sería viable aumentar a oferta sen comprometer a calidade docente nin a formación clínica?
Si. Ninguén dúbida de que se debe incrementar a oferta de novo ingreso. Na actualidade xa se está a ofertar o máximo que contempla a memoria do título, incluída a porcentaxe de incremento que se permite sen modificar a memoria. Na próxima modificación da memoria do título tense previsto o incremento da oferta de ingreso, sempre acorde cos recursos que permitan manter a calidade da formación que sempre perseguimos e queremos que nos caracterice.
-Cales son as principais novidades académicas e organizativas que atopará o alumnado neste curso 2026-2027?
As principais novidades académicas producíronse no curso previo, coa entrada en vigor da normativa que regula os ámbitos de coñecemento, afectando no proceso de recoñecemento de créditos doutros estudos universitarios. Esta regulación considerouse beneficiosa porque concreta o recoñecemento de créditos a estudos, materias e contidos que se adaptan ao ámbito de coñecemento dos estudos do título que a/o estudante está a cursar.
No ámbito organizativo, non hai novidades salientables, aínda que curso a curso se van introducindo os cambios que se valoran necesarios, de acordo á información de seguimento que se recolle, analiza e se realizan as accións de mellora que corresponder. Neste sentido, a organización de grupos estables para as materias do mesmo curso e a planificación simultánea de dúas e tres materias con rotación e intercambio horario dos grupos facilita moito o aproveitamento do tempo de permanencia do estudantado no centro.
Na organización e desenvolvemento da docencia e da aprendizaxe, tanto teórica como clínica, teñen un papel fundamental as figuras de coordinadores de cursos, porque contribúen a un funcionamento mais homoxéneo e a detectar e resolver as dificultades que acontecen.
-Este curso comeza a descentralización da docencia clínica de Medicina cara á Coruña. Pode influír na organización dos espazos e das prácticas do alumnado de Enfermaría no CHUAC?
Considero que non debería influír, porque debemos ser coñecedores dos espazos que se dispoñen, tanto para á aprendizaxe teórica como de práctica clínica. Neste sentido, é fundamental a coordinación entre o ámbito académico e o clínico para asegurar un uso adecuado e xusto dos recursos que se dispoñen para a formación.
-Nun contexto marcado pola dixitalización, a intelixencia artificial e a atención a distancia, como se están a incorporar estas ferramentas á formación das futuras enfermeiras?
Os enfoques de saúde dixital ofrecen novas oportunidades que non se deben obviar na formación, porque están xa a constituír un medio imprescindible para afrontar os cambios nos desafíos da saúde.
Os estudos de grao inclúen materias con contido dixital e de formación nos sistemas de información e comunicación en saúde. A formación no uso intelixente da IA está a constituír todo un reto polo valor nos avances que aporta en todos os ámbitos da atención en saúde, pero tampouco se deben obviar as ameazas, nada desdeñables, que é preciso considerar para ir incorporando a formación deste medio de xeito que non dificulte unha aprendizaxe conceptual da propia disciplina, porque é a que permite asegurar un ámbito propio de coñecemento e diferenciarnos doutras profesións.
Coa finalidade de promover un uso da IA que contribúa positivamente á aprendizaxe de forma honesta e transparente, na maioría de traballos solicitados nas distintas materias o alumnado debe especificar o uso permitido das ferramentas de intelixencia artificial, así como a necesidade de citar de xeito adecuado a súa utilización nos parágrafos ou apartados correspondentes.
Con probabilidade, na modificación da memoria do título, deberá valorarse como se introducen materias para a capacitación específica no uso destes medios. Agora ben, o nivel de formación que se ten que alcanzar cos estudos de grao é dun profesional enfermeiro xeralista, polo que a formación debe orientarse para entender os fundamentos e as bases da profesión e capacitar para prestar coidados en saúde de forma estruturada e segura. Unha formación de especialista ou de practica avanzada podería constituír o nivel adecuado para alcanzar as competencias necesarias para o uso avanzado en ámbitos de atención específicos destes medios de xeito seguro de cara a manter os principios da bioética e a dignidade das persoas que atendemos.
-As enfermeiras afrontan unha elevada presión asistencial e desgaste emocional. Como prepara a Escola o alumnado para esa realidade?
O exercicio da profesión está case sempre asociado a situacións de sufrimento e se, ademais, se engade unha presión asistencial elevada de forma sostida, pode conlevar un desgaste emocional que limite a capacidade do profesional para poder dar unha atención acorde coa esixencia do seu posto laboral. As enfermeiras sempre nos caracterizamos por ser altamente eficientes, pero necesitamos dispor do tempo necesario para poder realizar as intervencións apropiadas e de xeito seguro, é dicir, poder pensar e analizar o que estamos a facer.
Coa finalidade de apoiar a xestión emocional e incrementar a resiliencia no alumnado e futuros titulados, ademais dos contidos propios de materias como a Psicoloxía, desenvólvese un programa de formación complementaria, no que se inclúen actividades do ámbito da saúde mental e xestión emocional dirixidas ao alumnado dos catro cursos cun resultado altamente satisfactorio.
Considero, tamén, que o nivel formativo dos profesionais é un factor que funciona como protector, mellorando a capacidade de afrontamento e resiliencia fronte a situacións de sufrimento. Neste sentido, algunhas investigacións poñen de manifesto que a capacidade e actitudes dos profesionais para atender ás necesidades da persoa, non son só unha cuestión de humanidade inherente á actividade de coidado, senón que tamén diminúen ademais o burnout entre os profesionais da saúde.
-Que cambios considera necesarios na formación universitaria para responder á falta de enfermeiras, ao envellecemento da poboación e á crecente complexidade dos coidados?
De todas as cuestións formuladas, pode ser esta a que resulte de maior complexidade responder, porque a falta de enfermeiras é un fenómeno global e multicausal. Se nos limitamos ás cifras, hai que poñer os medios para incrementar o número de titulados. As memorias de título, que terán que modificarse proximamente para adaptarse a nova Orde CIN, deberán contemplar esta necesidade de profesionais e ampliar o número de prazas de novo ingreso.
O envellecemento e o outro fenómeno da sociedade actual que afecta de forma importante á formación e orientación dos profesionais da saúde, especialmente das enfermeiras. Temos que ser capaces de actuar na formación do alumnado incrementando e adaptando contidos teóricos e prácticos. Deberiamos actuar, tamén, sobre a cultura de idadismo que está a condicionar que as novas xeracións se sintan pouco atraídas polo ámbito do exercicio profesional de atención ás persoas maiores.
A resposta dos profesionais á complexidade dos coidados debe estar baseada en mais formación acorde coas necesidades que se vaian producindo na atención en saúde, que non pode limitarse só a estudos de grao, mestrado e especialidades. A formación continuada deberá formar parte da capacitación que o profesional tería que demostrar ao longo da súa traxectoria profesional.
