Rosa Crujeiras, reitora da USC: “Temos por diante unha tarefa importante como institución, recoñecer e poñer en valor a Enfermaría”

Alfonso Hermida
Comunicación do Colexio de Enfermaría da Coruña

No Día Internacional da Enfermaría, conversamos coa nova  reitora da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Rosa Crujeiras aténdenos nun momento de cambio na institución, rexida por unha muller por vez primeira na historia.

Nun escenario marcado pola presión asistencial e o reto da remuda xeracional, Crujeiras, que coñece ben a Enfermaría polos seus anos de docente na facultade compostelá, analiza a necesidade de fortalecer os lazos entre a universidade e o sistema sanitario: “Universidade e sistema sanitario deben funcionar como socios estratéxicos”.

Alfonso Hermida
Comunicación do Colexio de Enfermaría da Coruña

No Día Internacional da Enfermaría, conversamos coa nova  reitora da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Rosa Crujeiras aténdenos nun momento de cambio na institución, rexida por unha muller por vez primeira na historia.

Nun escenario marcado pola presión asistencial e o reto da remuda xeracional, Crujeiras, que coñece ben a Enfermaría polos seus anos de docente na facultade compostelá, analiza a necesidade de fortalecer os lazos entre a universidade e o sistema sanitario: “Universidade e sistema sanitario deben funcionar como socios estratéxicos”.

-Chega ao Reitorado nun momento especialmente complexo para a universidade pública. Cales diría que son hoxe as prioridades da Universidade de Santiago de Compostela?

A Universidade de Santiago de Compostela debe seguir fortalecendo a súa misión esencial: garantir unha formación pública de calidade, impulsar a investigación competitiva e manter o seu compromiso co desenvolvemento social e territorial de Galicia. Nun contexto de transformación social e tecnolóxica como o que estamos a vivir, as prioridades pasan por consolidar o relevo xeracional, reforzar as capacidades de investigación, mellorar a captación de talento e asegurar a sustentabilidade do sistema universitario. 

-Na súa toma de posesión falou do firme compromiso da Universidade co país ao que pertence e ao que serve. Que significa iso, na práctica, para ámbitos como o sanitario?

Significa entender a Universidade como parte activa do sistema público no que se insire, cuns fortes lazos no eido sanitario. Iso tradúcese en formar profesionais cunha alta cualificación, colaborar estreitamente co sistema asistencial e contribuír á mellora da saúde da cidadanía a través da docencia, a investigación e a transferencia de coñecemento.

-A formación sanitaria depende en gran medida da coordinación entre universidade e sistema asistencial. Como lle gustaría que fose esa relación?

Penso que debe ser unha relación estable e bidireccional, baseada na confianza institucional e na corresponsabilidade. Universidade e sistema sanitario deben funcionar como socios estratéxicos, cunha planificación conxunta que permita integrar adecuadamente a formación teórica e a práctica clínica.

-Nun contexto de presión asistencial crecente, como se garante que a formación práctica do alumnado sanitario non se resinta?

É necesario reforzar a planificación conxunta, garantir espazos formativos adecuados e recoñecer o papel docente das e dos profesionais asistenciais. A formación do estudantado debe ser considerada unha parte esencial do sistema, non un elemento complementario. 

-A Enfermaría, unha carreira que vostede coñece ben, gañou peso académico nos últimos anos, pero segue reclamando maior recoñecemento. Comparte esa percepción?

A pesar de vir dun ámbito diferente, das Matemáticas, penso que coñezo ben o que se achega dende a Enfermaría, posto que fun docente durante varios cursos na nosa Facultade de Enfermaría, e mantiven colaboración activas con profesionais deste ámbito. A Enfermaría é unha disciplina plenamente consolidada no ámbito universitario e científico, cunha achega moi relevante ao noso benestar, pero é certo que segue a requirir un maior recoñecemento social e institucional acorde coa súa relevancia social e no sistema sanitario. Penso que temos por diante unha tarefa importante como institución: recoñecer e poñer en valor a Enfermaría, apoiando as iniciativas que permitan a súa consolidación como ámbito non só de formación, senón tamén de investigación e innovación e transferencia do coñecemento.

-Que papel quere que xogue a Enfermaría dentro do proxecto global da USC?

Un papel central, tanto na docencia como na investigación e na transferencia de coñecemento. A Enfermaría é clave nun sistema sanitario moderno e cun impacto social innegable. Por iso, dende a USC (como referentes na formación e na investigación en Enfermaría) debe seguir fortalecendo o seu liderado neste ámbito. Dentro da nosa estratexia para Ciencias da Saúde, a Enfermaría terá un lugar relevante.

-Considera que a Enfermaría está suficientemente presente nos espazos de decisión académica e científica?

É importante seguir avanzando cara a unha maior presenza e visibilidade das disciplinas sanitarias nos espazos de gobernanza académica e científica, en coherencia coa súa relevancia real. 

-A remuda xeracional do profesorado preocupa especialmente en titulacións sanitarias. Como pensa afrontalo a USC?

É un dos retos prioritarios, en xeral para a Universidade. En todos os eidos cómpre desenvolver políticas activas de captación e estabilización do profesorado (incidindo nalgunhas áreas no fomento de vocacións), así como facilitar a incorporación de novos perfís académicos e investigadores que garantan a continuidade e a excelencia docente. No caso das titulacións sanitarias, estas políticas deben ir aliñadas coas que se sigan no sistema asistencial, que tamén afronta o reto da remuda xeracional. Entre os distintos axentes temos que ser quen de facer que as profesións sanitarias, e en particular a Enfermaría, permitan compaxinar de maneira sostible o labor asistencial e o labor formativo e de investigación.

-Un dos grandes retos é atraer talento cara á carreira investigadora en Enfermaría. Que incentivos reais pode ofrecer hoxe a universidade?

A USC pode ofrecer un espazo de desenvolvemento profesional atractivo, onde a carreira académica sexa acompañada ao longo das traxectorias. Como logramos isto? A través de mecanismos de apoio á investigación, a transferencia e a innovación, así como a integración en grupos e centros de investigación consolidados. E sobre todo, o recoñecemento ás carreiras en ámbitos onde a traxectoria investigadora non está totalmente consolidada pero que presentan un enorme potencial e proxección social.

-Como lle gustaría que fose a relación da Universidade cos colexios profesionais?

Debe ser unha relación fluída, estable e de colaboración estratéxica. Os colexios profesionais son aliados fundamentais para conectar a formación universitaria coa realidade profesional e para identificar necesidades emerxentes do sistema sanitario.

Neste sentido, gustaríame reforzar unha relación de diálogo continuo e construtivo co Colexio de Enfermaría da Coruña, baseada na confianza mutua e na corresponsabilidade. A colaboración entre ambas institucións é clave para avanzar na mellora da formación, na actualización dos plans de estudo e na adaptación ás transformacións do sistema sanitario. Estou convencida de que este traballo compartido pode xerar sinerxías moi valiosas para o futuro da profesión e para a calidade da atención sanitaria.


Imprimir  

Calle Álvaro Cunqueiro, Nº 7 - 1º

15008 - A Coruña

981 168 033

Esta dirección de correo electrónico está siendo protegida contra los robots de spam. Necesita tener JavaScript habilitado para poder verlo.

 

Horario de oficina:

8:00 a 14:30 horas de lunes a viernes