Fonte: Xunta de Galicia
O Proxecto Equio impulsará a primeira rede transfronteiriza integral de atención ao cancro, conectando centros, profesionais e recursos de Galicia e do Norte de Portugal para optimizar o acceso á mellor asistencia oncolóxica.
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, interveu na presentación desta iniciativa que a Consellería de Sanidade e o principal centro oncolóxico portugués, o IPO Porto, desenvolverán ao longo de tres anos cun investimento de 1,96 M €, cofinanciado con fondos europeos a través do programa de cooperación Interreg España-Portugal POCTEP 2021-2027. Ao acto asistiu o presidente do Colexio Oficial de Enfermaría da Coruña, Avelino Castro.
Tal e como detallou o conselleiro, Equio nace co propósito de reducir as desigualdades no acceso á atención oncolóxica nas zonas fronteirizas entre España e Portugal, mediante accións concretas e transformadoras.
Este proxecto, remarcou Gómez Caamaño, terá un impacto real na vida das persoas, facilitando o seu acceso a técnicas avanzadas, mellorando a continuidade asistencial e permitindo ofrecer respostas máis rápidas e precisas.
A tal efecto, desenvolveranse protocolos clínicos comúns e rutas asistenciais compartidas no cancro de pulmón e no colorrectal. Ademais, impulsarase a medicina personalizada e os diagnósticos avanzados, incorporando técnicas moleculares que permitan adaptar os tratamentos ao perfil de cada paciente.
No marco de Equio, deseñarase e poñerase en marcha un proxecto piloto común para realizar unha análise molecular destinada aos pacientes con cancro avanzado metastático sen alternativa terapéutica nos protocolos habituais, estimando chegar a unhas 500 persoas en tres anos.
Ademais, esta rede transfronteiriza reforzarase coa formación continua dos profesionais e co uso de tecnoloxías que faciliten o intercambio seguro de información clínica.
Gómez Caamaño incidiu na colaboración que xa está a dar resultados na Eurorrexión Galicia e Norte de Portugal, con proxectos como New Healt no campo oncolóxico e cardiovascular, ou Tranfire-Saúde na procura de solucións innovadoras no eido sanitario.
Tamén destacou o conselleiro o papel da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), polo labor no impulso de proxectos innovadores como Equio, cos que Galicia se consolida na vangarda da innovación sanitaria.
Para rematar a súa intervención, o conselleiro amosouse convencido de que o Proxecto Equio converterase nun referente a nivel europeo.
