Alfonso Hermida
Comunicación del Colegio de Enfermería de A Coruña
A Atención primaria galega chega á celebración do seu dia internacional despois duns meses convulsos. Yolanda Rodríguez, enfermeira especialista e vicepresidenta de AGEFEC (Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria de Galicia), debuxa nesta entrevista un escenario con claros e escuros: hai máis recoñecemento para a Enfermaría con próximas oposicións e máis prazas e interinidades de especialista. Pero persisten problemas estruturais como a sobrecarga, a eventualidade e a falta de continuidade asistencial.
Alfonso Hermida
Comunicación del Colegio de Enfermería de A Coruña
A Atención primaria galega chega á celebración do seu dia internacional despois duns meses convulsos. Yolanda Rodríguez, enfermeira especialista e vicepresidenta de AGEFEC (Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria de Galicia), debuxa nesta entrevista un escenario con claros e escuros: hai máis recoñecemento para a Enfermaría con próximas oposicións e máis prazas e interinidades de especialista. Pero persisten problemas estruturais como a sobrecarga, a eventualidade e a falta de continuidade asistencial.
-Despois dun inicio de ano un tanto convulso, como describirías o momento actual que vive a Atención Primaria galega e, concretamente, a Enfermaría?
Levamos meses nos que a maioría das noticias sobre a Atención Primaria son negativas debido ás folgas convocadas, que afectaron principalmente o colectivo de medicina. No caso da Enfermaría houbo moi pouco seguimento das folgas xerais, polo que a nivel asistencial non repercutiu na atención prestada.
-A especialidade de Enfermaría Familiar ten por parte do sistema o recoñecemento que merece?
A sensación que temos é de que si, que hai un recoñecemento. Estanse a crear prazas e interinidades de especialista, tense máis en conta o noso labor, este ano volvemos a ter oposición…, pero segue sen ser abondo para a calidade de atención que nos gustaría dar. Precisamos que as medidas que se tomen na Atención Primaria dean lonxitunidade ao paciente e o/a profesional, xa que temos moi normalizado que unha das frases que máis se repite por parte dos/as pacientes é “a ver se quedas”.
-No día a día dun centro de saúde, que parte do voso traballo segue a ser invisible para o sistema e para a poboación?
Aínda atopamos xente que nunca veu a enfermeira, que se sorprende da atención recibida e do seguimento que vai a ter no caso de que o precise. Segue considerándose en moitas ocasións que só estamos para mirar unha tensión ou poñer unha inxección, que estas dúas situacións teñen que ter unha formación importante detrás. Estamos a falar de que agora mesmo somos enfermeiras moi ben formadas, cunha traxectoria de traballo importante e con formación continuada, e iso, por desgraza, segue a ser bastante invisible.
-Como afecta a sobrecarga á calidade do coidado que ofrecedes?
Sobrecarga e calidade son dúas situacións que por desgraza van xuntas para mal, para nós (igual que para os compañeiros/as do centro de saúde) é moi difícil facer unha atención completa. Tentamos dar o mellor de nós e a mellor calidade dentro do que o sistema nos permite, pero non se consegue na maior parte das veces. Esta situación implica que moitas veces teñamos que pospoñer consultas, atender o máis importante dese día. Algo que nos afecta moito é o malestar que presenta o/a paciente na sala de espera.
-Cres que a Enfermaría gañou peso real na toma de decisións clínicas ou segue existindo un teito difícil de romper?
A Enfermaría evolucionou moitísimo. Pensa que aínda temos compañeiras en activo que no seu día eran ATS e viron todos os cambios polos que pasou a nosa profesión. Pasamos de non ter apenas posibilidade de decisión a agora mesmo gañar peso en moitas decisións que se toman na atención ao paciente. Algunhas decisións podemos tomalas de forma unilateral e outras sempre en consonancia co equipo. Aínda así, sempre queda camiño por andar e, pouco a pouco, imos collendo máis capacidade de decisión e de actuación, que vai acorde á nosa formación.
-Nun contexto de axendas saturadas, queda espazo para a educación sanitaria ou é algo residual?
Quero pensar que, aínda que con matices, as enfermeiras sempre sacamos tempo para poder facer educación sanitaria. Neste caso existen diferentes niveles de educación, e a nivel individual, a que facemos na consulta, sempre está presente. As axendas saturadas o que conseguen é que esa educación a teñamos que dividir en máis consultas das que deberiamos, ou que, ás veces, o paciente quede con dúbidas e sinta que non ten tempo para expresalas. A nivel comunitario xa é máis complicado sacar tempo para facer actividades de educación, principalmente porque sempre tende a saír do noso tempo libre toda a organización e formación que se precisa, e despois hai que intentar encontrar o oco na axenda para poder realizar a actividade, e inda así, estanse a facer actividades moi interesantes.
-Que impacto ten a eventualidade na forma na que se presta a atención nos centros de saúde?
Esta é unha pregunta que pode responder un paciente perfectamente. Están cansos/as de que cada vez que veñen a consulta estea unha persoa nova, ter que contarlles dende cero de cada vez a súa situación, e, cando xa hai unha boa relación terapéutica, a persoa marcha, polo que volve a empezar a roda. Isto non quere dicir que os/as profesionais eventuais non fagan ben o seu traballo, senón que non hai lonxitudinalidade, que en Atención Primaria é o máis básico: ter sempre os teus profesionais de referencia, ter citas dispoñibles, ter unha atención de calidade… A eventualidade que se mantén demasiado tempo prexudica totalmente as bases da Atención Primaria e, polo tanto, a atención sanitaria recibida e percibida.
-A calidade asistencial resíntese nos períodos de cambios e rotacións?
A calidade tende a resentirse sempre que haxa circunstancias nas que non se cubre o persoal, ben sexa por exames de oposición, épocas de vacinación ou épocas de vacacións. En Atención Primaria desde fai uns anos tenden a non cubrir o persoal. Fanse as chamadas intersubstitucións, é dicir, que entre compañeiras cubrimos as axendas das que faltan (cobrando a parte proporcional). Isto implica unha sobrecarga importante das axendas, deixar de lado durante eses meses os controis crónicos ou a realización de probas que ocupan máis ocos nas axendas e, polo tanto, volvo ao mesmo, non dando unha atención de calidade como se merece o/a paciente e como merecemos nós.
-A actual carteira de servizos permite despregar todo o potencial das enfermeiras?
Si, na carteira de servizos están as competencias que pode desenvolver unha enfermeira en calquera centro de saúde. Realmente o problema témolo a nivel estrutural. Dependendo do centro no que se traballe ou a sobrecarga que poida haber de axendas, pódese ou non se pode levar a cabo determinadas actividades. Por poñer un exemplo, a cirurxía menor sería unha desas actividades.
-Ata que punto está integrada a prescrición enfermeira na práctica diaria?
A día de hoxe temos a posibilidade de realizar prescricións protocolizadas. Facilítanos moito a atención a/o paciente, principalmente inmobilizados, axiliza moito a atención e garante seguridade. O tempo e a práctica están dándonos a razón de peso para confiar no criterio e na formación da enfermeira.
-Quefunción debería desempeñar a Enfermaría na Atención Primaria dos próximos anos?
Hai unha frase que me dixeron durante a carreira e que me quedou na mente: somos nós as que escollemos estar aquí. Partindo desta base, o noso papel ten que ser de mellora continua, de traballo en equipo para que a atención sexa o máis completa posible, de establecer unha relación terapéutica horizontal, na que o paciente ten que ser o centro e nós simplemente acompañalos na promoción, prevención, tratamento e rehabilitación, que son os piares da Atención Primaria.
