Fonte: Xunta de Galicia
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, reivindicou os Plans locais de saúde como ferramentas clave dunha atención sanitaria centrada no paciente e o seu contorno. O titular da carteira sanitaria da Xunta, acompañado da directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, Sofía López, interveu no acto de entrega da IV edición dos premios dos Plans locais de Saúde, ao que asistiu o presidente do Colexio, Avelino Castro.
O máximo responsable do Servizo Galego de Saúde referiu que, na actualidade, 121 servizos de atención primaria contan cun plan local de saúde, que chegan a máis de 2,2 millóns de galegos, e lembrou o obxectivo de chegar ao 100 % da poboación neste ano. Apuntou que o pasado ano se asomaron 26 novos plans correspondentes a outros tantos servizos de atención primaria, que dan cobertura a 22 concellos galegos.
Gómez Caamaño puxo en valor que os plans locais de saúde representan un modelo que aposta por abrir os centros de saúde á comunidade e achegar a sanidade aos fogares, integrando a atención e aproveitando as tecnoloxías.
Segundo o conselleiro, para redefinir o sistema sanitario cómpre facelo coñecendo de antemán á poboación e escoitando as súas necesidades para actuar onde realmente importa que é no seu día a día.
16 premios en 13 categorías
Nesta IV edición, a Consellería de Sanidade entregou 16 premios en 13 categorías, que recoñecen o traballo dos profesionais en distintas dimensións e reflicten que a excelencia non está nun único ámbito, senón que é a suma de moitos factores.
Entre eses factores que conducen á excelencia, o conselleiro destacou o impulso á mellora continua dos servizos, o liderado e o compromiso cos pacientes e a capacidade de innovación na xestión da demanda.
En definitiva -proseguiu Gómez Caamaño- un conxunto de elementos que, cando funcionan de xeito coordinado, permiten ofrecer unha atención máis eficaz, humana e próxima.
Tamén remarcou o conselleiro que a cidadanía valora moi positivamente os plans locais de saúde cun grao de satisfacción medio de 4 sobre 5.
Na súa intervención no acto, o titular de Sanidade incidiu no respaldo firme da Xunta pola atención primaria, cun investimento para este ano de 1.747 millóns de euros, incrementando o seu presuposto un 4,75 %. Este orzamento posibilitará avanzar en novas liñas estratéxicas como é o Plan de atención ao paciente maior crónico complexo, a incorporación da perspectiva de xénero na práctica clínica, ou a ampliación da carteira de servizos en saúde bucodental.
Premiados
Premio ao impulso dos plans locais de saúde, ao servizo de atención primaria de Monforte de Lemos.
Premio ao desenvolvemento do Plan local de saúde ao longo da súa vixencia, ao servizo de atención primaria de Cambados.
Premio ao compromiso dos profesionais coa acción comunitaria, ao servizo de atención primaria da Laracha-Cerceda.
Premio á xestión innovadora da demanda, aos servizos de atención primaria da Estrada, de Bueu e das Pontes da García Rodríguez.
Premio á accesibilidade, ao servizo de atención primaria de Xinzo de Limia.
Premio ao labor na realización de procedementos diagnóstico/terapéuticos, ao servizo de atención primaria de Culleredo.
Premio á satisfacción dos pacientes, ao servizo de atención primaria Colmeiro (Vigo).
Premio ao labor na perspectiva global dos procesos asistenciais, ao servizo de atención primaria Abente e Lago (A Coruña).
Premio á atención domiciliaria, ao servizo de atención primaria de Trives (Ourense).
Premio á capacidade resolutiva, ao servizo de atención primaria da Praza do Ferrol (Lugo).
Premio ao labor na perspectiva dos profesionais, ao servizo de atención primaria de Oroso.
Premio ao liderado transformacional, aos servizos de atención primaria de Vimianzo e de Cambados.
Premio á excelencia, ao servizo de atención primaria da Estrada.
