A Xunta directiva do Colexio Provincial de Enfermaría da Coruña volve amosar o seu apoio ás reivindicacións do colectivo enfermeiro A por todas, formado por traballadoras do Sergas que se volverán mobilizar o 16 de novembro na procura de melloras nas condicións laborais. Ante a inexistencia de respostas por parte das autoridades sanitarias, as enfermeiras seguen mobilizándose e convocan ese día varias concentracións en toda Galicia, entre elas tres na provincia da Coruña: na rotonda do HUAC, na entrada do CHUS e no hall do Arquitecto Marcide.
As demandas do colectivo, que o Colexio de Enfermaría fai súas, son:
- Mellora das ratios enfermeira-doente.
- Mellora da contratación, a estabilidade da mesma e transparencia.
- Recuperación do 100 % da paga extra.
- Recuperación dos 3 LDs.
- Recoñecemento do solape de xornada.
- Retribución do plus de festivo os sábados (M-T).
- Retribución xusta e igualitaria das horas fóra de xornada ordinaria.
- Encadre da carreira profesional, acorde co tempo trabajado,e incluíndo o da UE.
- Exención de noites voluntarias a partir dos 55 anos, sen perda retributiva nin aumento da xornada ordinaria.
- Xubilación anticipada aos 60 anos.
- Recoñecemento da categoría A1
O Colexio de Enfermaría destaca tamén as reivindicacións polas que esta organización colexial leva traballando desde hai anos, algunha contemplada nas demandas de A por todas:
-Recoñecemento do grupo A dentro da clasificación profesional da administración pública. O Goberno debe poñer en marcha de forma inmediata os cambios normativos que poñan fin a unha inxusta, lesiva e denigrante situación. As enfermeiras deben estar incluidas nun único Grupo A, sen subgrupos.
-Aumento do número de enfermeiras especialistas.
-Facilitar o acceso das enfermeiras aos altos cargos de xestión e responsabilidade da sanidade.