Rosa Blanco, supervisora de Urxencias do CHUS: "Nunca houbo tanta falta de persoal"

Na véspera da celebración do Día Internacional das Urxencias e Emerxencias, que celebramos este sábado 27 de maio, conversamos tamén con Rosa Blanco, unha das supervisoras de Urxencias de adultos do hospital Clínico de Santiago. Os profesionais deste servizo non teñen regulada e homoxeneizada a súa formación. Rosa considera que a especialización debería ser unha prioridade.

Como chega o colectivo á celebración deste 27 de maio?

Esgotadas. Moi, moi cansas. Despois da COVID, aínda que a situación mellorou, hai pouco persoal. As listas están esgotadas. Non se sabe se é porque a xente o deixou e traballa noutras cousas. Hai moita xente en excedencia. Nunca houbo tanta falta de persoal. 

En que notades máis esa eiva?

A poboación cada vez é máis vella. Vén moita xente desde Atención Primaria que non debería chegar ás Urxencias e iso dificulta o traballo, con días de 400 ou 500 urxencias. Faltan camas no resto do hospital e os pacientes quedan aquí en Urxencias. Cada vez hai máis compañeiros novos e dame a impresión de que non aguantan o ritmo dos que empezamos hai 27 anos coma min. Non están dispostos a facer cousas que nós faciamos porque dabamos por feito que as tiñamos que facer. Fan o que teñen que facer, o seu traballo.

A especialidade en enfermaría de urxencias, emerxencias e paciente crítico é unha realidade en moitos países de Europa. Pero en España, non. Segue a ser a materia pendente?

De enfermaría e de medicina. E iso como repercute? Urxencias é un caixón de sastre de todo o hospital. Aquí temos os nosos pacientes e mais todos os que non teñen sitio nos demais servizos. E iso cabrea o persoal. En Urxencias temos que saber traballar como urxenciólogos, como internistas…temos que saber de todas as especialidades. Por iso a especialidade de Urxencias debería de ser unha prioridade.

Os cidadáns usamos o servizo de Urxencias con responsabilidade?

É importante que veñan a Urxencias os que realmente teñen que vir. A patoloxía do paciente, por moi pequena que sexa, para el é moi importante, pero vir a un servizo de Urxencias por unha dor de fai tres meses, retrásalle a atención a un que realmente ten que ser atendido aquí. Todos (administración, profesionais e cidadáns) temos a nosa parte de responsabilidade por non usar o servizo como debería ser.

É Urxencias unha contorna segura?

Si, salvo algún momento especial. Aquí entra todo tipo de pacientes. Aquí vén un paciente psiquiátrico e non existe unha área específica para poder tratalo. Está no medio de todos. Hai pacientes de avanzada idade, axitados porque se desorientan, e botan moitas horas aquí. En Urxencias é moi difícil cumprir cos protocolos para este tipo de pacientes. Os compañeiros novos non teñen, obviamente, a mesma destreza que temos os veteranos á hora de andar con medicamentos, aparatos e de tratar cos pacientes. Somos profesionais que temos que saber moi ben o que facemos.


Imprimir  

Calle Álvaro Cunqueiro, Nº 7 - 1º

15008 - A Coruña

981 168 033

Horario de oficina:

9:00 a 14:00 horas y 16:00 a 19:00 horas de lunes a jueves

viernes de 08:00 a 14:30 horas 

 

Calle Romero Donallo, Nº 27 - Entlo.

15706 - Santiago de Compostela

981 598 870

Horario de oficina:

9:00 a 14:00 horas y 16:00 a 19:00 horas de lunes a jueves

viernes de 08:00 a 14:30 horas