Digna Rodríguez, do SAP de Vimianzo: “A enfermeira é hoxe unha profesional coa que o paciente se sente igual de cómodo e atendido que coa médica”

Alfonso Hermida
Comunicación do Colexio de Enfermaría da Coruña 

O SAP de Vimianzo foi recoñecido pola Xunta na categoría de liderado transformacional dentro dos Premios aos Plans Locais de Saúde, un modelo que aposta por abrir os centros de saúde á comunidade e reforzar o papel da prevención. 

Digna Rodríguez, coordinadora de Enfermaría do centro vimiancés desde 2022, reivindica unha Atención Primaria que vaia máis aló da consulta e da enfermidade, conectada coas familias, os concellos e o tecido asociativo. Nun momento marcado pola falta de tempo, o envellecemento da poboación e a necesidade de promover hábitos saudables, "seguimos pensando que é mellor tomar unha pastilla que cambiar a dieta”, di Digna, reivindica tamén que “a saúde tamén se constrúe fóra da consulta”.

A de Digna Rodríguez é a segunda entrevista relacionada cos centros de Atención Primada recoñecidos este 2026 pola Xunta.  A primeira delas foi con María del Pilar Chouza, coordinadora do Centro de Saúde Abente y Lago da Coruña.

-Que supón para o centro, tanto para os profesionais como para os pacientes, o Plan local de Saúde?

Para o centro de saúde, o PLS supón darlle unha dimensión mais ampla a actividade sanitaria e non quedarnos só co plano asistencial. Entendemos a Atención Primaria como o punto mais importante da cadea en canto a prevención e, co PLS, temos o pulo necesario para fomentala.

En canto aos pacientes, non son conscientes do que é un PLS, nin o que implica para a súa saúde, a pesar de que intentamos explicar o funcionamento.

-Que cambia cando un centro de saúde mira máis aló da enfermidade e a asistencia e empeza a mirar o barrio, o pobo ou a rede familiar?

Sobre todo, que o Centro de Saúde entra a formar parte da comunidade, mantendo a comunicación non só cos pacientes e a súa familia, senón que temos que saber que nos ofrecen dende o Concello ou as Asociacións culturais para poder dirixir os nosos pacientes para a manter a súa saúde ou para a recuperación da enfermidade.

-Na práctica, que é o máis difícil: coordinar profesionais, encontrar tempo máis aló das consultas ou convencer a poboación de que a saúde tamén se constrúe fóra da consulta?

Buff, boa pregunta! O mais complicado sempre é o que implica ter que pasar moito tempo diante da pantalla do ordenador e non en contacto co paciente ou a súa contorna. A coordinación implica que, mentres estás valorando ou avaliando un paciente, continuamente entren chamadas doutros centros, xerando que a consulta se retrase. As miñas compañeiras saben que se non collo o teléfono é porque estou cun paciente.

Convencer a poboación é un oso duro de roer. Seguimos coa crenza de que é mellor tomar unha pastilla mais que a realización dun exercicio físico moderado ou as modificacións necesarias na dieta. É mais complicado, se cadra, entender que as novas xeracións non vexan o beneficio dos estilos de vida saudables e continúen co abuso de substancias tóxicas ou co sedentarismo. Si que nos últimos anos se viu un cambio importante no tema do exercicio físico, pero en moitas ocasións creo que este exercicio non vai tan enfocado a mellorar a saúde como ao cambio do aspecto físico. 

-O centro de Vimianzo foi recoñecido na categoría de liderado transformacional. Que supón para o centro este recoñecemento?

Para nós non cambia nada. Seguimos traballando igual día a día, achegando todo o necesario para que os pacientes teñan a mellor saúde posible ou a mellor recuperación da enfermidade.

-Como se traballou ese liderado no último ano?

Tanto Teresa Castro, a Xefa de Servizo, coma eu tentamos achegar o noso gran ao funcionamento do sistema en todo canto proxecto nos ofrecen participar. Unha vez valorado, entramos sen dubidar e tentamos que o equipo reme na mesma dirección. Temos moi bo persoal en todos os centros, que se implica na consecución dos obxectivos marcados.

-Como cambiou a relación cos pacientes nos últimos anos?

O paciente ten tanto na súa enfermeira como na súa médica (o noso centro é feminino maioritariamente) a confianza necesaria para facernos ver o que necesita e que a solución que nós lle ofrecemos é a mellor para el. Isto tamén é un hándicap, xa que en ausencias do persoal habitual, os pacientes séntense abandonados e, malia ter substitucións, non acoden á consulta ata que volve o persoal de confianza.

-Durante moito tempo a Enfermaría foi percibida como un apoio ao médico. Que queda diso?

Agora mesmo, a enfermeira é unha profesional coa que o paciente se sente igual de cómodo e atendido como coa médica. Conseguimos que se entenda que somos dous profesionais independentes, que se complementan sempre que é preciso.

-Que competencias cre que aínda debería asumir a Enfermaría e que aínda seguen demasiado limitadas?

Certas derivacións á Especializada. Ccreo que no caso das lesións arteriais e venosas, a Enfermaría ten os coñecementos e a experiencia necesaria para poder derivar aqueles casos que considere. Formamos parte dun equipo, pero non podemos ter o control absoluto dunha lesión, porque dependemos do médico para a derivación e as pautas de tratamento.

-Cal é a principal ameaza actual da Atención Primaria desde o punto de vista asistencial? 

A falta de tempo para poder revisar en cada paciente os protocolos aos que podemos acollernos para mellorar a súa saúde ou retrasar a enfermidade. Temos varios programas abertos: caídas, Adestra Saúde, SPD… que necesitan moito tempo co paciente, tempo do que non dispoñemos. Xa non falemos da realización de actividades comunitarias, porque encadralas nas nosas axendas é moi complicado.


Imprimir  

Calle Álvaro Cunqueiro, Nº 7 - 1º

15008 - A Coruña

981 168 033

Esta dirección de correo electrónico está siendo protegida contra los robots de spam. Necesita tener JavaScript habilitado para poder verlo.

 

Horario de oficina:

8:00 a 14:30 horas de lunes a viernes