Alfonso Hermida
Comunicación del Colegio de Enfermería de A Coruña
As unidades móbiles da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) completarán este mes a segunda fase da campaña de doazón de sangue nas universidades galegas. “A primeira fase da campaña, que se levou a cabo entre os meses de setembro a novembro do presente curso, concluíu con 2.402 doazóns de sangue, das que unha terceira parte se correspondían con persoas que doaban sangue por vez primeira”, explícanos Marisa López García, directora da Axencia Galega de Sangue, Organos e Tecidos do Sergas.
Polo que atangue á participación das distintas universidades, a de Santiago chegou ás 897 doazóns, 840 a da Coruña e 665 a de Vigo. Por campus, destaca o de Ferrol cunha taxa de 77 doazóns por cada 1.000 habitantes, seguido do campus de Lugo (71/1.000) e o da Coruña (59/1.000).
-Como funciona a campaña de doazón de sangue nas universidades galegas?
O labor de organización dunha campaña deste tipo esixe dunha importante preparación que comeza solicitando aos reitorados das tres universidades a súa activa implicación nesta campaña especial, que se desenvolve en dúas fases. Unha primeira fase vai de setembro a novembro e unha segunda fase que comprende os meses de marzo e abril. Esta campaña resulta posible grazas aos convenios de colaboración asinados coas tres universidades galegas e que, desde hai tres décadas, ten posibilitado o desenvolvemento de iniciativas destinadas a fomentar o solidario xesto da doazón de sangue.
É importante salientar que a colaboración dos decanos e directores dos centros universitarios resulta imprescindible para o axeitado desenvolvemento desta iniciativa, xa que nos permiten o acceso ás aulas para impartir as charlas informativas e de sensibilización que o equipo humano de ADOS levan a cabo para intentar incentivar a participación do alumnado.
-Como se organiza un despregamento deste tipo para cubrir as tres universidades e os sete campus galegos?
Con posterioridade ás charlas, efectúase o desprazamento das unidades móbiles, previa organización dun calendario axeitado que nos permita ter presenza en centros dos sete campus galegos. Buscamos sempre que as localizacións das nosas dez unidades móbiles sexan as máis axeitadas para o colectivo universitario e, deste xeito, facilitar o seu acceso ao solidario xesto da doazón de sangue.
Ademais, a presenza da Axencia non se centraliza, unicamente, nas visitas das nosas unidades móbiles, senón que participamos activamente nas feiras de benvida ao alumnado universitario no inicio do curso académico e desenvolvemos, anualmente, a campaña de fomento da doazón impulsada pola REUS (Red Española de Universidades Saudables), así como unha estreita colaboración coas Oficinas da UVigo e UDC Saudable, que promoven iniciativas destinadas a favorecer a doazón de sangue entre a comunidade estudantil.
-Que achega a xente nova ao sistema galego de doazón de sangue, máis alá do volume de bolsas recollidas?
A solidariedade é o motor que impulsa a doazón. A necesidade de amosar o seu compromiso solidario con persoas que precisan esas doazóns de sangue é o factor que achega a todos, novos e non tan novos, á doazón de sangue. Desde ADOS, tentamos que sexan os propios doantes os que, coa sua experiencia persoal, contribúan a espallar e contaxiar ao seu entorno e motivalos a que tamén se convertan en doantes de sangue.
-Como é o perfil do doante universitario en Galicia?
Evidentemente son doantes moi novos e que, na maior parte dos casos, acceden por vez primeira á doazón de sangue, por cumprir co obrigado requisito para a doazón que é ter cumpridos os 18 anos. Apenas existe diferencias por sexo, correspondéndose case o cincuenta por cento entre homes e mulleres. Os universitarios e universitarias galegos son solidarios e neles susténtase un dos obxectivos centrais da Axencia: renovar e ampliar a actual base de doantes de Galicia.
-Hai máis primeiras doazóns que doadores que se conseguen fidelizar e repiten?
O noso obxectivo é que os doantes repitan pero temos que salientar, unha vez máis, que a doazón é un acto absolutamente voluntario e que as persoas deciden o número e frecuencia das súas doazóns. Non se pode obrigar a ninguén a doar baixo ningunha circunstancia, pero tentamos concienciar á cidadanía para que todos, polo menos unha vez ao ano, nos lembremos de colaborar e doemos sangue.
Ademais, na campaña universitaria temos a oportunidade de dar a coñecer aos doantes outros xeitos de colaboración como a doazón de medula ósea, a doazón por aférese e o programa de plasmaférese. No caso deste último, ademais da doazón convencional, podemos doar plasma nun proceso que dura apenas 30 minutos e que permite unha recuperación moi rápida do volume doado. Este tipo de doazón permite que, grazas ao plasma doado, se podan obter proteínas como a albumina, inmunoglobulinas ou factores de coagulación que, unha vez procesados, permiten a obtención de medicamentos que son necesarios no tratamento de multitude de patoloxías.
-Que datos manexan da última campaña?
No pasado curso académico rexistráronse 4.331 doazóns de sangue na campaña de doazón desenvolvida nas tres Universidades galegas. Polo que atangue á primeira fase correspondente ao curso académico 2025-2026, acadáronse 2.402 doazóns, das que o 36 % se corresponden con persoas que doaban por vez primeira. Os datos son moi positivos e agardamos que, ao longo desta segunda fase, podamos achegarnos ás 4.500 doazóns que nos marcamos como obxectivo para este ano. Estamos seguros que chegaremos a esta cifra coa colaboración de todos os membros da comunidade universitaria galega.
-É un obxectivo ambicioso?
Consideramos que é un obxectivo que se pode materializar grazas ao compromiso que amosan os reitorados das tres universidades galegas, así como os vicerreitores, decanos e directores dos centros educativos e, como non, principalmente dos nosos estudantes. O alumnado galego ten amosado en moitas ocasións o seu carácter solidario, especialmente, no eido da doazón de sangue e, agardamos, que esta segunda fase da campaña sexa un éxito de participación.
-Notan cambios de tendencias entre a poboación nova?
Máis que un cambio de tendencia nesta franxa de idade, o que percibimos é como resulta cada vez máis complicada a incorporación de novos doantes nunha poboación envellecida como a galega. Non é que os mozos e mozas participen menos, senón que cada ano hai menos persoas novas que podan incorporarse como doantes.
-Moitas veces non somos conscientes de onde vai parar unha bolsa de sangue. En que áreas dos nosos hospitais galegos adoita ser máis urxente?
Todas as doazóns son necesarias e, normalmente, vencellamos a utilización dos compoñentes sanguíneos con intervencións cirúrxicas ou transplantes de órganos, pero a realidade é que, no día o día dos hospitais, hai moitos máis doentes, como sucede cos doentes crónicos e oncolóxicos, que precisan recibir no seu tratamento distintos compoñentes sanguíneos. Por poñer un exemplo esclarecedor, as plaquetas son un dos compoñentes con maior demanda porque se utilizan na transfusión a doentes de cancro.
Neste sentido, e para poñer en valor a contribución dos doantes de sangue, todos reciben, con posterioridade á súa participación, unha mensaxe de texto agradecéndolles a súa doazón, fundamental para o axeitado desenvolvemento do labor asistencial dos nosos centros sanitarios. Non podemos deixar de lembrar que os nosos doantes reciben unha carta de agradecemento cos resultados analíticos do sangue doado, analítica que tamén poden consultar na app Sergas Móbil, accedendo a É-Saúde.
-Como é o traballo de coordinación que se fai desde Enfermaría?
O labor dos profesionais da Enfermaría en ADOS resulta fundamental, xa que posibilitan a atención directa aos doantes, acompañando durante todo o proceso. Ademais da realización das probas necesarias para verificar que o doante pode materializar a súa participación, como son a medición da tensión ou a proba de determinación do nivel de hemoglobina, ten que efectuar a propia extracción, vixiando en todo momento polo benestar e confort de todo o proceso para que a doazón se converta nunha boa experiencia. Non se trata só dunha boa atención sanitaria, senón de acadar que a experiencia da doazón resulte satisfactoria para permitir que o doante reitere a súa participación.
-Cales son os medos ou mitos máis comúns que escoitan nos campus? Que lles din para desmontalos?
Durante moitos anos de traballo vemos como hai temores que son habituais e o máis común é o temor as agullas. Afrontado ese pequeno medo, despois imos ter a satisfacción de saber que estamos axudando na recuperación de moitos doentes que padecen graves problemas de saúde.
O sangue é imposible de obter de xeito artificial e, hoxe en día, continuamos precisando deses doantes solidarios que destinan un pouco do seu sangue e 15 minutos do seu tempo para colaborar na recuperación de moitos enfermos. Comunicar esa necesidade e o imprescindible que resulta a doazón para moitos doantes son argumentos de peso para tentar espertar esa solidariedade. Tentamos transmitir que calquera de nós podería ser receptor de compoñentes sanguíneos, polo que o mellor xeito de colaborar na recuperación dos enfermos é converternos nós mesmos en doantes de sangue.
