Nerea Vázquez, enfermeira de Saúde Mental: “O modelo de diálogos abertos fomenta as redes de apoio para que sexan parte da solución”

Alfonso Hermida
Gabinete de Comunicación del Colegio de Enfermería de A Coruña

Celebrouse no Palacio de Exposicións e Congresos da Coruña, PALEXCO, o congreso nacional de AEESME, a Asociación Española de Enfermaría de Saúde Mental, que chega á súa 43ª edición

Entre as ponentes, cun obradoiro de traballo sobre Diálogos Abertos, figurou Nerea Vázquez, enfermeira da Unidade de Saúde Mental de Noia. Ademais, é colaboradora na docencia EIR na Unidade Docente Multiprofesional da Área Sanitaria de Santiago e Barbanza, onde exerce de titora principal de residentes de Enfermaría de Saúde Mental. Conversamos con Nerea nas vésperas do congreso, que se celebrará entre os días 25 e 27 de marzo.

-Que a levou a especializarse en Enfermaría de saúde mental?

Realicei a carreira cando aínda era Diplomatura, aló polos anos 2007-2010, e nas miñas prácticas de 2º de carreira puiden escoller o rotatorio de Saúde Mental. Para min abriuse una nova maneira de ser enfermeira. Sobre todo, vivir esas prácticas no Hospital Psiquiátrico de Conxo me deixaron moi impactada do gran labor que facían as compañeiras en situacións tan variopintas e diversas. Tamén me levou á reflexión e ás preguntas acerca do sufrimiento psíquico e como se acompaña, que sementaron a curiosidade e o querer manterme ligada a esta rama da saúde. Contribuiu tamén a situación laboral nos anos posteriores a finalizar a carreira, donde con sorte só podías traballar uns meses ó ano (verán e nadal) e a sensación e inseguridade que me asolagaba ao andar de servizo en servizo, na maioría dos casos descoñecidos e con responsabilidades enormes. Así, en 2015 aprobei con praza o EIR que da acceso á formación Sanitaria Especializada e xa tiña clara cal ía ser a especialidade escollida. Durante dous anos formeime como enfermeira especialista en Saúde Mental na Unidade Docente de Vitoria-Gasteiz.

-Que foi o que máis marcou a súa maneira de entender o coidado das persoas? 

O día a día do traballo coas persoas fai que vaia mudando a maneira de entender o coidado que precisan. Escoitar o que os pacientes che din é moi importante. Deles aprendes moitas cousas do que realmente lles axuda e vas percatándote daquelas cousas, coñecementos ou intervencións, que nalgún momento crías moi afianzadas, e que no día a día non axudan ás persoas que atendes. Márcame moito pensar como me gustaría que me atendesen a min ou a algún familiar ou amigo se nalgunha ocasión tivese que pasar por un dispositivo de Saúde Mental da rede asistencial. A importancia da escoita, do interese polo sufrimento do outro, o vínculo… Iso, para a miña opinión, marca moito como se percibe a axuda que un recibe.

-En que momentos e por que sentiu que os modelos tradicionais de atención en saúde mental quedaban curtos para responder ás necesidades reais das persoas? 

Non creo que poida describir un momento determinado. Co tempo e a experiencia profesional de pasar por diferentes servizos de Saúde Mental dinme conta de que os enfoques tradicionais en ocasións quedaban curtos para axudar realmente ás persoas. Iso despertou unha inquietude por buscar formacións e outras formas de acompañamento máis ligadas ao relacional, oa humano e baseadas na escoita no vínculo e no diálogo. Para min estas formas de acompañar son moito máis respectuosas co outro e comigo mesma, xa que encaixan moito máis con quen son eu e cos valores que tento soster na miña vida.

-No Congreso da Asociación Española de Enfermaría de Saúde Mental vai falar do Modelo de Diálogos Abertos. Para alguén que escoita este concepto por primeira vez, como o explicaría de maneira sinxela? 

É un modelo que nace en Laponia occidental na década dos 70-80 e que se basea na importancia do diálogo como eixo central do proceso terapéutico. O diálogo para acompañar e axudar a entender as situacións de crise de saúde mental que pode vivir calquera persoa. Dáselle vital relevancia a incluir o que eles denominan a rede social, que non son máis que as persoas de apoio cpas que conta cada paciente, ben sexan familiares, amigos, veciños ou profesionais tanto da saúde como doutros ámbitos como recursos sociais ou asociativos. Este modelo, en Laponia occidental supuxo un cambio na estructura do sistema sanitario. No Congreso da AEESME o que tentaremos transmitir é que cousas deste modelo nos poden servir no día a día dentro do noso traballo como enfermeiras especialistas en Saúde Mental e que cousas pode levar cada un dos participantes para poñer en marcha. 

-Que o diferencia doutras formas máis coñecidas de intervención?

En contra das formas de intervención máis tradicionais, este modelo pon o paciente no centro (non é o único que o fai). Eu cando o coñecín describino como algo moi humano, moi natural… Fomenta as redes de apoio para que estas sexan parte da solución do problema. A participación e inclusión da familia, a posibilidade de incluír outros profesionais que poidan ser de axuda (traballadoras sociais, profesionais de diferentes asociacións…), incluso amizades… iso abre as oportunidades de recibir axuda e entendemento. Este modelo inclúe sempre a máis dun profesional nas reunións con pacientes e rede de apoio, polo que é máis doado acompañar os sufrimentos e tolerar incertidumbres cando non recae a responsabilidade nun só membro do equipo terapéutico e cando esas responsabilidades son compartidas. É moi importante tamén que as decisións se toman e se discuten de forma transparente, co paciente diante, e non sen a súa presenza. É importante non falar do que non está presente.

-Como se desenvolve unha intervención baseada en diálogos abertos? 

O modelo proposto por Jaakko Seikkula e colaboradores ten como principal ferramenta as reunións terapéuticas ou dialóxicas nas que a persoa con alguna dificultade ou crise de saúde mental solicita axuda. Tras isto o equipo debe favorecer una reunión coa persoa e rede de apoio nas seguintes 24 horas. Nesta reunión favorecese o diálogo e a polifonía, é decir, que todas as voces sexan escoitadas, mediante o uso de preguntas abertas para dar oportunidade de coñecer a situación actual. Hai un momento no que o equipo terapéutico reflexiona acerca do escoitado diante da persoa e da familia, facilitando de novo un espazo para que a persoa e familia devolvan as reflexións do equipo. Non se trata de chegar a acordos nin impoñer solucións; senón de fomentar o diálogo para o entendemento. Antes de finalizar, acórdase cando será a próxima vez para reunirse. É importante diferenciar o modelo de Diálogos Abertos, que fai referencia ao explicado anteriormente, coas reunións ou intervención baseadas nos principios deste modelo que podemos levar a cabo tal como se organiza o sistema de saúde aquí. Nós aquí non temos a dispoñibilidade dun equipo de atención que asegure a reunión en 24 horas, nin podemos ofrecer a continuidade do equipo polos distintos dispositivos de Saúde Mental polo que un necesite pasar. Pero si levamos eses principios a cada acompañamento, favorecendo a inclusión da rede social nas consultas, favorecendo unha escoita radical do paciente, tentando involucrar outros profesionais que poidan ser de axuda e, sempre que sexa posible, favorecer que as decisións sexan conxuntas e acordadas co paciente (non falo aquí de situacións que supoñan un perigo vital para un mesmo ou terceiros).

-Un dos aspectos máis chamativos do modelo é precisamente a presenza da rede de apoio. Como cambia a dinámica cando familiares ou amigos forman parte da conversa terapéutica? 

Cando se abre a participación á familia e á rede de apoio, afloran recursos que de non ser así non se explorarían. Cando unha persoa sofre una crise de saúde mental, ou trastorno de saúde mental como queiramos chamalo, non só sofre a persoa en cuestión, senón que o sufrimento e malestar invaden ao resto da familia ou núcleo de apoio. É importante facelos participes da solución e que estes se sintan escoitados e apoiados. 

-Desde a súa experiencia, que beneficios pode ter este enfoque tanto para as persoas que atravesan unha crise de saúde mental como para os seus achegados? Como lles axuda este modelo ás familias a sentirse parte da solución e non só espectadores do proceso? 

As persoas en crise e achegados séntense escoitados e atendidos neste mundo no que cada vez todo vai máis rápido e tende á inmediatez. Axúdalles a entender o proceso sendo partícipe del. É importante que cada un poida ser escoitado e a súa voz teña valor. Por desgraza a atención que podemos ofrecer os profesionais sanitarios do sistema de saúde é insuficiente. Os problemas que nós acompañamos, polo xeral, non dispoñen de solución únicas, nin rápidas, nin inmediatas. Faise necesario permitir tempo e espazo e iso é algo que non abonda no sistema de saúde actual, onde as consultas son moi breves e existen longas listas de agarda. Así, faise vital e útil reforzar as redes de apoio e familiares para que estas se perciban como recursos útiles e valiosos. Tamén se vive como una gran vantaxe a posibilidade de poder reunirse con todos os profesionais que o seguen á vez, xa que moitas veces estes pacientes teñen citas con diferentes profesionais de forma individual tendo que repetir o xa contado unha e outra vez. Ademáis achega a imaxe de traballo en equipo e transmítese a preocupación e interese do equipo pola situación de cada persoa e pola disposición a un traballo para a búsqueda de solucións conxuntas.

-Cales son as principais barreiras que atopan os profesionais á hora de implementar os Diálogos Abertos? 

En canto a barreiras poderíamos enumerar numerosas. Unhas das principais é a cultura asistencial e a organización do sistema de atención aos problemas de saúde mental actual. Os problemas de saúde mental non son puramente individuais, senón que están moi ligados ao aspecto social e relacional, polo que a solución tampoco debería centrarse no individual. A realidade asistencial é a existencia de dispositivos separados, pouca facilidade para a comunicación entre os dispositivos, derivacións pasando por múltiples equipos distintos, pouca estabilidade profesional… E iso non axuda para os coidados e tratamentos que debemos proporcionar. Tamén podería engadir a formación, a necesidade dunha formación continua e as dificultades dentro do propio sistema, con poucos incentivos por favorecer e fomentar a formación. E o tempo, tanto o tempo que se lle dedica á atención a cada paciente e familia, como o tempo do que se dispón para pensar sobre as prácticas e compartir entre profesionais.


Imprimir  

Calle Álvaro Cunqueiro, Nº 7 - 1º

15008 - A Coruña

981 168 033

Esta dirección de correo electrónico está siendo protegida contra los robots de spam. Necesita tener JavaScript habilitado para poder verlo.

 

Horario de oficina:

9:00 a 14:00 y de 16:00 a 19:00 horas de lunes a jueves.

viernes de 08:00 a 14:30 horas.