Alfonso Hermida
Gabinete de Comunicación del Colegio de Enfermería de A Coruña
Raquel Rodríguez, decana da Facultade de Enfermaría da Universidade de Santiago desde 2023, defende un modelo formativo que combina tradición académica e innovación docente para preparar profesionais capaces de responder aos cambios do sistema sanitario. Nesta entrevista, esta doutora pola USC, graduada en Enfermaría e licenciada en Bioloxía, analiza os retos da formación enfermeira, o papel da investigación e a necesidade de formar profesionais con pensamento crítico, capacidade de liderado e compromiso.
-Cales son as principais fortalezas da Facultade na formación de enfermeiras e enfermeiros?
Eu destacaría como punto forte do noso centro o equilibrio entre tradición e innovación. Formamos parte dunha universidade cunha longa traxectoria académica, ao tempo que prestamos atención aos cambios e ás novas demandas do sistema sanitario. Destacaría tamén a sólida base científica combinada cunha formación práctica moi ampla e diversa, que permite ao estudantado coñecer distintos ámbitos asistenciais. Ademais, contamos cun profesorado moi implicado, con experiencia clínica e investigadora, que acompaña ao estudantado non só na adquisición de competencias técnicas, senón tamén na formación en valores como o compromiso, a ética e a responsabilidade social.
-Cales son os principales retos aos que se enfronta actualmente a formación universitaria en Enfermaría en xeral e a facultade santiaguesa en particular?
Un dos principais retos é adaptarse á velocidade dos cambios no eido sanitario. Hoxe en día as necesidades da poboación, as tecnoloxías de coidado e mesmo as formas de organización evolucionan moi rápido, e desde a universidade temos que ser áxiles para que a formación responda a esas novas realidades sen perder solidez. Na nosa Facultade traballamos de maneira transversal para que o estudantado sexa consciente das catro grandes dimensións da profesión enfermeira. A asistencial é a máis visible e, sen dúbida, central; pero a nosa profesión tamén é xestión, é docencia e é investigación. Non se trata só de preparar persoas para coidar, senón tamén para liderar equipos, organizar recursos, formar ás novas xeracións e xerar coñecemento científico que mellore a práctica. En definitiva, queremos profesionais completos, con pensamento crítico e capacidade de liderado, preparados non só para adaptarse aos cambios, senón tamén para impulsalos.
-Que distingue á Facultade de Santiago doutros centros?
Formar parte da Universidade de Santiago de Compostela, con gran percorrido académico e investigador, permítenos ofrecer unha formación nun contexto diverso e moi enriquecedor, cunha forte aposta pola internacionalización. E máis alá do ámbito académico, o estudantado ten a oportunidade de vivir plenamente a etapa universitaria, participando na rica vida cultural, deportiva e social desta universidade.
No relativo ao noso centro, destacaría o impulso á simulación clínica como ferramenta docente. A través de escenarios simulados, o estudantado pode adestrar habilidades e competencias antes de enfrontarse á práctica asistencial real. Ademais, ofertamos unha materia que permite realizar prácticas no Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago, dando a oportunidade de achegarse á investigación aplicada, comprender cómo se xera o coñecemento científico en saúde e reforzar a conciencia de que a Enfermería tamén é ciencia. O profesorado da Facultade, con ampla actividade investigadora, apoia este enfoque docente, promovendo que o estudantado desenvolva pensamento crítico e traballe cunha perspectiva baseada en evidencia.
-Como evolucionaron nas últimas décadas os estudios de Enfermaría no sistema universitario galego?
Nesta etapa, a titulación experimentou avances moi importantes. O principal cambio chegou coa implantación do Grao en Enfermería, que substituíu á antiga Diplomatura no marco do Espazo Europeo de Educación Superior. Isto permitiu ampliar a duración da formación a catro anos e facilitou o acceso á carreira docente e investigadora, abrindo portas a másters e doutoramentos, e tamén mellorar as oportunidades de mobilidade internacional para o alumnado. Ademais, a chegada do Grao implicou unha transformación no enfoque da docencia: agora céntrase na autonomía do alumnado, na aprendizaxe activa e na adquisición de competencias en todas as dimensións da profesión.
-Como se traballa desde a Facultade para garantir a conexión co ámbito asistencial?
Na Facultade, traballamos moi próximos ao ámbito asistencial para que a formación clínica do estudantado, tanto de grao como de master, estea sempre ligada á realidade profesional. Desde o primeiro semestre do segundo curso, o estudantado inicia as prácticas clínicas, que ao longo do Grao se desenvolven en diferentes unidades de atención hospitalaria e centros de atención primaria, permitindo aplicar os coñecementos teóricos desde etapas temperás. As prácticas clínicas constitúen o 35 % do total de créditos da titulación, garantindo ao estudantado a adquisición de competencias sólidas que facilitan unha incorporación rápida e segura ao ámbito profesional.
A coordinación e o éxito destas prácticas son posibles grazas ao traballo conxunto de múltiples profesionais tanto por parte das coordinacións de prácticas clínicas dende a Facultade, como dos profesionais que titorizan directamente ao estudantado nos centros sanitarios. É tamén fundamental a colaboración coa nosa área sanitaria e coa Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, o que permite aproveitar mellor os recursos dispoñibles e detectar necesidades de maneira eficiente. Xestionamos un elevado número de estudantes — unha media de 150 por curso — ademais das prácticas de máster, o que aumenta a complexidade organizativa, pero sempre co obxectivo de que iso non repercuta na calidade da aprendizaxe. Outro elemento fundamental é o noso profesorado vinculado e asociado, isto é, profesionais activos no ámbito asistencial, o que supón un valor engadido á actividade docente e investigadora que realiza todo o equipo docente da Facultade.
-A relación entre a universidade e os colexios profesionais é clave. Como valora esa colaboración e que vías cre que deberían reforzarse no futuro?
A relación cos colexios profesionais é fundamental, porque ambos compartimos un obxectivo común: garantir unha profesión forte, ben formada e comprometida. Desde a Facultade valoramos moi positivamente esta colaboración, que nos permite manter un diálogo sobre as necesidades do exercicio profesional e sobre os retos aos que se enfronta a Enfermería. Esta relación é importante tamén para o propio estudantado, porque lles achega unha visión do papel da representación profesional.
-España arrastra desde hai anos un déficit estrutural de enfermeiras e enfermeiros. Que consecuencias ten este déficit na formación das novas promocións?
Este déficit impacta tamén na formación. Por unha banda, evidencia a alta demanda da profesión e as boas oportunidades laborais dos estudantado; pero, por outra, xera unha maior presión nos equipos asistenciais que colaboran na docencia clínica. Isto obríganos a reforzar a coordinación e a planificación das prácticas para garantir que a calidade da aprendizaxe non se vexa afectada. Ao mesmo tempo, incrementa a nosa responsabilidade de formar profesionais moi ben preparados, capaces de responder ás demandas dunha sanidade cada vez mais complexa.
-Percíbese interese por continuar con másteres, doutorado ou proxectos de investigación? Como se fomenta entre o alumnado a vocación investigadora?
O interese por continuar con estudos de posgrao ou participar en proxectos de investigación é máis limitado en comparación coa saída asistencial, que segue a ser a opción maioritaria ao rematar o Grao. É comprensible, porque a incorporación ao ámbito clínico adoita ser a prioridade inicial, e, ademais, actualmente conta cunha inserción laboral practicamente plena. En todo caso, nos últimos anos cada vez mais enfermeiras alcanzan o doutoramento, un sinal moi positivo para o desenvolvemento académico e científico da profesión. Na Facultade contamos con diversos grupos de investigación nos que o estudantado pode integrarse e participar activamente en proxectos, adquirindo experiencia práctica e fomentando a súa vocación investigadora. É fundamental que o estudantado sexa consciente de que a Enfermería tamén é xeración de coñecemento e que teñen sempre abertas as portas para continuar a súa formación a través de másters e doutoramento.
Desde a Facultade, traballamos para espertar esa vocación investigadora desde moi cedo. Na recente modificación do título reforzamos a presenza de contidos e competencias directamente vinculados coa investigación, tanto a través de materias específicas como de maneira transversal, ademais de incorporar as prácticas de investigación que comentaba anteriormente. Tamén observamos que os Traballos de Fin de Grao presentan cada vez maior calidade, o que interpretamos como resultado do esforzo conxunto do equipo docente e da propia evolución e madurez do estudantado.
-Que obxectivos ou liñas de traballo lle gustaría consolidar ou impulsar na Facultade de Enfermaría de Santiago nos vindeiros anos?
O noso obxectivo é seguir reforzando o noso papel como Facultade referente, comprometida coa excelencia académica, coa investigación e co servizo á sociedade, estreitamente conectada con todos os ámbitos da profesión.
Apostamos por seguir reforzando a innovación docente mediante a simulación clínica e a integración de novas tecnoloxías aplicadas á aprendizaxe. Do mesmo xeito, seguiremos traballando para manter a excelencia das prácticas clínicas, ampliar e fortalecer a oferta de posgrao e impulsar con maior intensidade a investigación liderada por enfermeiras, favorecendo o crecemento dos grupos e a incorporación de novo talento.
Finalmente, queremos contribuír a mellorar a imaxe social da profesión enfermeira, que en moitas ocasións continúa sendo unha gran descoñecida no seu verdadeiro alcance competencial e científico.
