A Enfermaría de Ferrol reivindica a investigación tras gañar un premio nacional: “Non nos damos conta da importancia do traballo que facemos”

Alfonso Hermida
Comunicación del Colegio de Enfermería de A Coruña

Novo premio para a Enfermaría da Área Sanitaria de Ferrol. Nesta ocasión, foi no Congreso da Asociación Española de Enfermaría de Cardioloxía, que se celebrou a finais de outubro en Granada. Unha comunicación tipo póster de profesionais desta Área recibiu un primeiro premio. Trátase de Sarcopenia e desnutrición na insuficiencia cardíaca: o inimigo silencioso en cardioloxía e Medicina Interna. Os autores son Carlos Javier Martínez, Eulalia Pena, Laura López, Ana López, Alicia Caneiro e Daniel Pérez, que traballaron con datos recompilados nos andares de Cardioloxía e Medicina Interna do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol.

Estas profesionais concluíron que a desnutrición e a sarcopenia son condicións frecuentes e infradiagnosticadas en pacientes con insuficiencia cardíaca, especialmente aqueles con varias patoloxías e de máis idade. "A súa detección temperá mediante cribado é crucial para a posta en marcha de intervencións nutricionais e/ou de exercicio que melloran o seu prognóstico e calidade de vida", subliñan. 

-Que supón recibir un premio nun congreso tan relevante como o da Asociación Española de Enfermaría en Cardioloxía?

Supón un recoñecemento para o gran traballo de todo o equipo, que fixo e fai un grande esforzo, tendo en conta a enorme carga de traballo que temos nas unidades. Trátase dun premio que non esperabamos, se cadra porque ás veces non nos damos conta da importancia do traballo que facemos.

-Que é a sarcopenia?

É unha enfermidade progresiva e xeneralizada do músculo esquelético, que se caracteriza por unha diminución da masa, forza e función muscular. Isto implica un aumento do risco de caídas, fracturas e discapacidade física. Tamén é unha das causas máis importantes de baixo rendemento físico e diminución da función cardiorrespiratoria nos pacientes con insuficiencia cardíaca.

-Que vos levou a centrarvos na relación entre insuficiencia cardíaca, desnutrición e sarcopenia? 

Foi unha decisión conxunta dos servizos de Cardioloxía e Medicina Interna hospitalaria para abordar este problema adiantando o diagnóstico e inicio de tratamento á etapa de hospitalización e tratando de mellorar o prognóstico nestes pacientes.

-Cal foi o achado que máis vos sorprendeu ao analizar os datos?

Que dous factores tan presentes nos pacientes con insuficiencia cardíaca estean infradiagnosticados, tendo unha grande importancia na evolución e prognóstico destes pacientes.

-Segundo o voso estudo, case un 30 % dos pacientes analizados presentaban sarcopenia. Sorprendeuvos esta cifra?

Moito, sobre todo nos pacientes a cargo do servizo de Medicina Interna, no que chega a superar o 60 %, tendo en conta que son pacientes de idade máis avanzada (media de 84 anos) e con máis comorbilidade. Aínda que os datos concordan coa literatura internacional.

-Falades dun programa de exercicios específico en colaboración con Rehabilitación e Fisioterapia. Cal é o papel da enfermeira nese programa? Sodes vós as que iniciades o protocolo e supervisades a adherencia?

Dende hospitalización, o que facemos desde Enfermaría é o cribado. Posteriormente, naqueles casos que é preciso, faise interconsulta ao servizo de Rehabilitación, que son os que, mediante a intervención dos fisioterapeutas, entregan os folletos informativos e encárganse de levar a cabo as sesións oportunas durante o ingreso, ademais de formar tanto ós pacientes como ás familias de cara ao alta.

-Respecto á nutrición, que tipo de educación sanitaria ou intervención enfermeira lles proporcionades ao paciente e á súa familia para cando volva á casa?

Neste apartado, realizamos o cribado inicial e posteriormente o rexistro de inxestas diarias, do que se encarga a TCAE responsable do paciente. Informamos sobre dieta cardiosaludable e, dependendo dos casos, suplementos nutricionais.

-No voso traballo falades da importancia da detección precoz. Que ferramentas ou protocolos empregastes para facer ese cribado?

Empregamos as escalas MNA-SF para a desnutrición e o SARC-F para a sarcopenia coas que se detectan pacientes en risco ou xa con desnutrición ou sarcopenia.

-Que papel ten a Enfermaría neste proceso de detección e seguimento dos pacientes con insuficiencia cardíaca?

Somos os encargados de facer o cribado e posterior seguemento con rexistro de inxestións durante o ingreso do paciente.

-Este foi un traballo multidisciplinar. Como foi a coordinación entre Cardioloxía, Medicina Interna, Rehabilitación e Fisioterapia?

Enfermaría fai o cribado e os rexistros de inxestión. Segundo estes resultados, os facultativos de Cardioloxía e Medicina Interna fan ás interconsultas aos servizos de  Endocrinoloxía e Rehabilitación e Fisioterapia.

-Tedes previsto continuar con esta liña de investigación ou ampliar o estudo a outros servizos ou áreas sanitarias?  

Polo de agora, estámolo facendo en dous andares do CHUF. O ideal sería poder amplialo a outros andares e a outras patoloxías crónicas de elevada prevalencia.

-A Enfermaría ten o recoñecemento que merece no ámbito investigador e científico? 

Aínda que nos últimos anos recibimos máis recoñecemento, lonxe do que reciben outras categorías profesionais, falta visibilidade e un maior recoñecemento do impacto que a investigación enfermeira ten en tratamentos e na calidade de vida dos pacientes.

-Desde o Colexio sempre queremos poñer en valor a investigación. Que lles diríades a outras compañeiras que, coma vós, están animadas pero se cadra non saben como dar o paso para iniciar un estudo? 

Trátase do primeiro proxecto que fixemos para mostrar o traballo que iniciamos e levamos a cabo na Unidade, contando coa inestimable axuda e asesoramento da xefa do servizo de Cardioloxía, Raquel Marzoa, polo que non nos consideramos quen para poder alentar outras compañeiras. Pero si hai que poñer en valor e fomentar a investigación enfermeira, xa que é a maneira de facer valer o noso traballo e avanzar/mellorar nos coidados de Enfermaría que podemos ofrecemos.


Imprimir  

Calle Álvaro Cunqueiro, Nº 7 - 1º

15008 - A Coruña

981 168 033

Esta dirección de correo electrónico está siendo protegida contra los robots de spam. Necesita tener JavaScript habilitado para poder verlo.

 

Horario de oficina:

8:00 a 14:30 horas de lunes a viernes