O cancro será a principal causa de morte en Europa dentro de dez anos. Aínda que xa o é en varios países do noroeste europeo, a cifra estabilizou desde 2008 con entre 1,3 e 1,4 millóns de falecementos anuais, segundo un informe elaborado polo Instituto Sueco de Economía da Saúde (IHE).
Segundo os datos proporcionados polo Observatorio da Asociación Española contra el Cáncer, os tipos de cancro que máis se detectaron en Galicia o ano pasado foron de colorrectal (2.839 casos), seguido do de próstata (2.301) e o de mama (2.248).
No Día Mundial contra o Cáncer de Colon, charlamos con Mariana Millán, coordinadora do Grupo de Traballo de Coidados Paliativos da AGEFEC e enfermeira especialista en Familiar e Comunitaria no Centro de Saúde da Estrada.
-Como contribúe a Enfermaría á prevención e detección temperá do cancro?
A Enfermaría desempeña un papel clave na educación para a saúde da poboación mediante a promoción de hábitos saudables e o fomento da participación en programas de cribado. Dende Atención Primaria, levamos a cabo actividades de prevención, como o asesoramento sobre factores de risco, a promoción da actividade física, dunha alimentación saudable e o abandono do tabaco e do alcohol, o cal, nunha sociedade que ten tan normalizado o seu consumo e dende idades tan temperá non é unha medida moi popular. Ademáis, como enfermeiras de Atención Primaria, estamos en contacto directo coa comunidade, temos que acostumarnos a sair da nosa consulta e a levar a cabo actividades de concienciación e educación para a saúde na rúa, porque só así poderemos adiantarnos ao propio proceso e chegar á poboación a tempo.
-O cancro de colon é un dos máis frecuentes, pero tamén un dos máis evitables. Que recomendacións se dan desde a Enfermaría para previr esta enfermidade?
Por iso comentaba o anterior. A realidade é que o cancro colorrectal é o de maior incidencia na poboación en xeral e o segundo en mortalidade, só tras o cancro de pulmón. En cambio, as cifras de participación no cribado aínda distan bastante do que deberían ser. Por iso, penso que debemos ser moito máis eficientes nas tarefas de concienciación e prevención. Prevención primaria, coa promoción de estilos de vida saudables, a recomendación dunha alimentación rica en fibra, froita e verdura, evitando o exceso de ultraprocesados e limitando as carnes vermellas, fomentando a práctica regular de exercicio físico, o control do peso e evitando o consumo de tabaco e alcohol. E prevención secundaria, insistindo na importancia de participar no programa de cribado a partir dos 50 anos.
-Como funciona o cribado do cancro de colon e por que é tan importante?
O cribado consiste na realización, cada dous anos, dun test de sangue oculta en feces, dirixido a persoas de entre 50 e 69 anos. Chégalles unha carta á casa cuns frascos nos que se deben recoller as mostras e, cando se teñan, entréganse no centro de saúde, dende onde se envían ao laboratorio correspondente. Se a proba resulta positiva, realizarase unha colonoscopia para descartar ou confirmar a presenza de pólipos ou lesións malignas. Isto é fundamental porque permite detectar lesións precancerosas ou tumores en fases iniciais, mellorando a supervivencia e reducindo a necesidade de tratamentos máis agresivos.
-Cales son os primeiros síntomas ou sinais de alerta que non se deben ignorar?
Os síntomas iniciais poden ser inespecíficos, pero algúns signos de alerta inclúen: dor ou molestias abdominais recorrentes, sangue nas feces como comentabamos, perda de peso inexplicada e cambios no hábito intestinal, como por exemplo, se viñamos sendo regulares á hora de ir ó baño e deixamos de selo pasando a ter diarreas ou estreñimento. Ante calquera destes síntomas, é fundamental acudir aos profesionais de Atención Primaria para unha valoración axeitada.
-Como se manexa a toxicidade dos tratamentos oncolóxicos (quimioterapia, radioterapia, inmunoterapia) desde a perspectiva da Enfermaría?
A Enfermaría ten un papel crucial na identificación e manexo dos efectos adversos dos tratamentos oncolóxicos. Educamos aos pacientes sobre os posibles efectos secundarios, como náuseas, fatiga, mucosites, alteracións dixestivas ou problemas na pel, e proporcionamos recomendacións para, na medida do posible, poder minimizalos. Tamén realizamos un seguimento continuo para detectar complicacións graves, coordinamos a atención co equipo médico e levamos a cabo o acompañamento emocional do paciente e a súa familia, ofrecendo apoio psicolóxico para afrontar os retos asociados ao tratamento.
-En que consiste o coidado de ostomías e como se axuda aos pacientes que deben enfrontar este cambio na súa vida?
Ás veces, o tratamento que require o cáncer de colon implica unha resección do mesmo cunha abertura ao exterior ou estoma. O coidado da ostomía require un manexo adecuado para evitar infeccións, irritacións ou fugas. Como enfermeiras, ensinamos aos pacientes e ás súas familias a coidar do estoma, a escoller os dispositivos máis axeitados para cada un, a protexer a pel de arredor, a seguir unha alimentación adecuada para evitar obstruccións, a manexar gases e olores, a previr posibles complicacións e a adaptarse en xeral e interiorizar estes e outros coidados na rutina do seu día a día. A través da educación e o acompañamento, conseguimos que os pacientes adquiran autonomía no manexo da súa ostomía, mellorando a súa calidade de vida e confianza en sí mesmos.
-Que avances recentes en protocolos de atención a pacientes con cancro se están implementando na práctica enfermeira?
Estanse implementando protocolos de atención personalizada baseados na medicina de precisión, así como melloras na coordinación entre niveis asistenciais para optimizar o seguimento dos pacientes. Ademais, están en marcha programas de rehabilitación oncolóxica e soporte psicolóxico máis accesible, xunto coa incorporación de novas tecnoloxías como os dispositivos portátiles de monitorización remota, como a da glucosa dende a enfermería de Atención Primaria, o uso de diferentes IAS para axudar a interpretar imaxes médicas ou o uso da realidade virtual para a formación dos profesionais en diferentes técnicas sen risco para o paciente.
-Cales son os principais retos na atención a pacientes oncolóxicos desde a perspectiva da Enfermaría?
Os principais retos inclúen a humanización da atención, garantindo que os pacientes reciban un trato próximo e personalizado; a xestión da carga asistencial, que dificulta o poder realizar un seguimento axeitado; e a formación continua para adaptarnos aos avances terapéuticos. Tamén é fundamental mellorar a coordinación entre Atención Primaria e Especializada para ofrecer unha atención integral e fluída ao paciente oncolóxico. Ademais, é clave reforzar os recursos dispoñibles para o acompañamento emocional e social dos pacientes, asegurando unha atención máis completa e centrada na persoa.
-Que importancia teñen os coidados paliativos e como intervén Enfermaría para manter a calidade de vida dos pacientes?
Nunha sociedade cada vez máis avellentada como a nosa, os coidados paliativos son esenciais, xa que conforme aumenta a esperanza de vida tamén o fai a prevalencia de enfermidades crónicas e terminais. Como enfermeiras, traballamos no control da dor e outros síntomas, ofrecemos apoio emocional e axudamos ás familias a afrontar este proceso. Acompañamos ao paciente e á súa contorna, asegurando unha atención integral e digna ata o final da vida, promovendo un enfoque holístico, tendo en conta os aspectos psicolóxicos, sociais e espirituais que afectan tanto aos pacientes como aos seus achegados.
