As Unidades de Hospitalización a Domicilio son das máis queridas dos nosos hospitais. A día de hoxe son tamén indispensables. A de Santiago chegou este ano á súa terceira década de existencia e desde o Colexio quixemos xuntar a primeira e a actual supervisoras que, xunto ás súas compañeiras enfermeiras máis os médicos, lle deron seguridade e calidade asistencial ao servizo.
Loli Bahamonde está xubilada desde o ano pasado despois de 46 anos de vida laboral. “Son da xeración de 1975-1978 de ATS. Como toda a miña xeración, convalidei o título coa diplomatura de Enfermaría. Traballei no antigo Hospital Xeral, sobre todo no servizo de Cirurxía. Despois xurdiu a oportunidade de abrir a unidade de hospitalización a domicilio. Daquela a chamabamos UHD. Debiamos ter un espirito aventureiro porque ninguén sabía que era iso. Incorporeime en decembro de 1994. Aos seis meses, empecei como supervisora. Estiven algo máis de 20 anos.”
Sandra Rodríguez leva algo máis de dous anos e medio como supervisora. “Como enfermeira no HADO levo doce anos”. Agora mesmo hai trece enfermeiras e sete médicos. "Existen certas habilidades sociais que nos facilitan tanto aos médicos como ás enfermeiras o traballo en HADO: hai que escoitar, falar moito, saber dicir o que hai que dicir en cada momento, saber calar ás veces, ser organizado, ter empatía e calma. Unha sensibilidade especial en definitiva”. A Unidade complétase cunha secretaria. “Moi importante. É moi operativo tela na Unidade para todas as xestións administrativas dos pacientes que atendemos”.
Igual que noutras Unidades, a supervisora do HADO leva a xestión do persoal e dos recursos materiais e a resolución de conflitos. “Atendemos un volume tan grande de pacientes”, sinala Sandra, “que hai moito do que estar pendente: que haxa material abondo para levar para as casas, estar encima da farmacia, do almacén, ter todo en orde e que sexa chegar, preparar as cousas e saír. A min tamén me gusta a función asistencial, non perder a parte de atención ao paciente e acompañar unha compañeira”. Sandra e Loli coinciden no gusto por non perder o contacto co paciente.
Dos inicios da unidade Loli lembra “moito respecto e incertidume: pacientes en situación terminal, moitos con antibioterapia intravenosa. Eramos profesionais de certa experiencia, uns 15 anos de vida laboral. Iso foi importante no seu momento. A carteira de servizos foi aumentando e empezamos a facer transfusións a domicilio, paracentese e outras técnicas que xeraban certa incertidume, porque no domicilio non tes a protección do hospital. Aos poucos, fomos adaptándonos e chegamos a ser un equipo moi compenetrado e grandes amigos. Algúns estamos xa xubilados e outros, noutros destinos, pero seguimos mantendo o contacto”.
Ao principio, o equipo de HADO estaba composto por seis médicos e cinco enfermeiras e só cubrían un radio de 25 quilómetros ou 20 minutos da contorna do hospital. “Tiñamos servizo de mañá e tarde de luns a venres e saïamos un equipo de médico e enfermeira. A fin de semana só había enfermaría ao principio. Había traballo todos os días”, lembra Loli.
Na actualidade, a Enfermaría traballa todos os días desde as oito da mañá ata as nove da noite, pero o teléfono de atención funciona ata as oito da noite como nos conta Sandra. “Durante a mañá, de luns a venres, hai máis traballo e somos oito enfermeiras máis eu. Seis saen de ruta cun médico. As outras dúas saen soas para atender pacientes que requiren só visita de Enfermaría. Despois, preparamos o material e a medicación. Regresan á Unidade unha vez rematan a axenda do día e as incidencias que van xurdindo. Polas tardes, somos dúas enfermeiras. Nunha xornada de mañá, aínda que a cifra é variable polas distancias que hai que percorrer, atendemos unha media de oito pacientes. Hai días que se vén máis. Outras veces temos visitas máis longas. Por exemplo, cando facemos unha transfusión sanguínea, botamos preto das tres horas no domicilio”.
Como funciona HADO? Sandra explícao: “Os pacientes chegan a nós procedentes doutros servizos hospitalarios (Urxencias, plantas de hospitalización, hospital de día, consultas externas…), de Atención Primaria ou de centros sociosanitarios. Unha vez que se acepta o ingreso do paciente, e tras pasar o filtro do coordinador, empezamos a atendelos. Unha porcentaxe moi alta é a dos pacientes que reciben antibioterapia intravenosa. Poden ser patoloxías diversas: unha infección respiratoria, unha endocardite, unha infección traumatolóxica como pode ser a osteomilite… Tamén levamos unha porcentaxe importante de paliativos, oncolóxicos ou non. Oncoloxía derívanos moitos pacientes, por exemplo aqueles que pasan a control de síntomas para pacientes que están fráxiles e non poden recibir quimioterapia. Ás veces, hai anemias crónicas e os pacientes de hematoloxía, en vez de ir cada 15 días ao hospital a poñerse sangue, transfundímolos nós periodicamente. Tamén facemos moito a administración de ferro intravenosa con pacientes cardiopatas, a administración de furosemida intravenosa en perfusións a pacientes de Medicina interna ou Cardioloxía, curas complexas a pacientes cun postoperatorio que se complica ou que necesitan antibioterapia engadida, curas con terapia de presión negativa, diverticulites que desde Cirurxía nos pasan a nós para poder continuar o seguimento na casa…”. A colaboración con outras unidades do hospital é constante, sobre todo desde a chegada do novo coordinador, o doutor Novo. “Había algún servizo, cada vez menos afortunadamente, que non sabía moi ben o funcionamento da hospitalización a domicilio, que non sabían que faciamos tantas cousas”.
No HADO, as familias son unha parte máis do equipo. Loli bota a vista atrás para lembrar que “había moita colaboración das familias, que botaban unha man coas medicacións. Aprendiámoslles, por exemplo, a cambiar un soro. Cando o paciente saía do hospital, as familias xa tiñan o compromiso de participar no coidado. Un paciente que non tivese un coidador comprometido na casa non se levaba a domicilio. Levaban coidados de rango hospitalario e había que ter coidadores que, chegado o caso, puidesen resolver. Mesmo se lles facía unha entrevista previa no hospital. As familias fan o que faga falta para ter os pacientes na casa”.
HADO empezou como “un servizo sen teléfonos móbiles. Usabamos os buscas, parabas no primeiro bar ou cafetería que atopabas e as familias sabían que aos cinco ou dez minutos estabas contestando e resolvéndolles o problema. E iso daba moita seguridade”, rememora Loli. “Empezamos cos nosos coches particulares. Pagábannos a gasolina. Creo recordar que unhas 25 pesetas o quilómetro. Era requisito para optar á praza dispoñer de vehículo propio. O meu era un Peugeot 205. Lembro que unha fin de semana tiven que tirar do coche dun amigo por avaría do meu. Era un Mercedes branco. Eu ía encantada polas corredoiras con aquel Mercedes. Despois Autos Brea puxo á nosa disposición uns Seat Ibiza”.
A chegada dos móbiles, “os primeiros eran auténticos ladrillos” comenta Loli, e máis tarde dos GPS, facilitaron moito o traballo cotián. “Ao principio, nós mesmos faciamos mapas dos lugares que visitabamos e que servían de orientación ao seguinte equipo que ía a ese domicilio”.
Neses primeiros anos, explícanos Loli, “facías media ducia de visitas ou algunha máis. O horario era o que era e, ás veces, había que amplialo porque a un domicilio non chegaba a remuda da seguinte quenda. Ao longo de todos estes 30 anos, a unidade foi medrando en recursos humanos. Despois de moito chorar, conseguimos a sexta enfermeira. Agora é distinto. A Área Sanitaria Santiago-Barbanza é moi grande e moi rural e a ver se o servizo pode chegar a abarcala toda”.
HADO hoxe en día é cada vez máis coñecido. A media de pacientes atendidos é duns e 70. Poderían asumir ata 80. “O boca a boca funciona e hai pacientes que chegan por Urxencias e xa preguntan se poden ir con iso do HADO para a casa. Deuselle moita publicidade: o SERGAS fixo o plan HADO 2019-2023 e os coches van todos rotulados da mesma maneira”, di Sandra.
HADO cambiou nestes 30 anos ao ritmo do noso sistema de saúde. “Os maiores avances”, recoñece Loli, “son a maior confianza da poboación, a ampliación do cadro de persoal con profesionais moi formados e a ampliación da cobertura da Unidade. O servizo HADO axuda a descolapsar as urxencias e as plantas dos hospitais. O principal avance foi medrar e conseguir unha unidade potente como a que temos agora. Traballamos moito e duro, pero fomos moi felices”.
O ano pasado a cobertura ampliouse aos concellos da Golada, Dozón e Rodeiro. “A quen lle toque esa zona fai case 200 quilómetros ese día”, cóntanos Sandra. “Desde que empecei en HADO ata hoxe en día, dobráronse o volume de pacientes que atendemos e o persoal e abriuse moito a área xeográfica. Hai concellos da área sanitaria aos que non chegamos aínda porque non temos o persoal suficiente. Tamén abarcamos máis técnicas hospitalarias”.
Sandra e Loli só teñen boas palabras para o servizo. “HADO é totalmente diferente. Entras nas casas dos pacientes e case que pasas a ser parte da familia. Un hospital é moito máis impersoal. É o paciente e o seu acompañante. Eu recordo ir a unha casa con tres persoas maiores. Ías atender unha delas e acababas mirando as tres. A cantidade de filloas, ovos, grelos ou queixos que nos daban! Ás veces tiñas que frealos e dicirlles que aquí non se cobra nada, que aquí estamos todos pagados. Sempre querían dar a propina e todos tiñamos claro que non se aceptaban. Pero unha ducia de ovos ou un feixe de grelos na aldea non costaban ningún traballo e era unha maneira de agradecernos”, recorda Loli con nostalxia.
Sandra tamén di que “é un servizo máis próximo e humano que o hospital. Non porque o hospital non o sexa, pero entrar nas casas, estar traballando no terreo das familias, escoitar e acompañalas sen presa, sen mirar o reloxo axuda a ser un servizo máis próximo. Nesta Unidade aprendes moitísimo a nivel persoal e profesional. A min, aportoume moito. E non o digo agora que son a supervisora. Xa o dicía antes”.
Sandra e Loli, Loli e Sandra son inspiración para futuras enfermeiras. Xunto as súas compañeiras foron a man amiga, o oído atento e unha presenza serena e cálida nos centos de fogares aos que foron e van coidar. Sen reparar nas distancias e nas complicacións. Así é o HADO.
