A vindeira fin de semana, A Coruña acollerá un novo congreso de AGEFEC (Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria). Unha das enfermeiras que intervirán neste encontro é Soraya Méijome, que o sábado pola mañá impartirá un simposio sobre a monitorización flash de glicosa: experiencia na práctica clínica dende Atención Primaria. (Podes consultar aquí o programa do Congreso). Soraya é enfermeira especialista en Familiar e Comunitaria no Centro de Saúde de Silleda.
-Que esperas da túa participación no congreso de AGEFEC?
Espero aportarlles aos asistentes do congreso información de interese para levarse á súa consulta e poder aplicala no día a día, contribuíndo a mellorar a atención dos pacientes con diabetes. Que os profesionais vexan que o proceso de dar de alta e vincular un sensor de monitoreo de glicosa ca historia clínica é un proceso sinxelo e rápido. E asimesmo facilitarlles recomendacións do uso do sensor e da interpretación sistemática dun informe ambulatorio de glicosa.
-En que consiste a túa charla sobre Monitorización flash de glicosa?
O simposio está dividido en varios apartados:
O financiamento dos sistemas de monitorización de glicosa no SNS e a situación actual dos sensores en Galicia.
A importancia da glicosa intersticial fronte á capilar.
Procedemento de alta dun paciente na plataforma de teleseguimento do SERGAS (Telea), a activación da entrega de sensores no domicilio e a vinculación dos dispositivos ca historia clínica.
Interpretación dun perfil ambulatorio de glicosa mediante a exemplificación dun caso real.
-Como funciona o sistema de monitoreo de glicosa?
Consiste na medición da glicosa a nivel do tecido intersticial subcutáneo ao longo das 24 horas do día. Para iso dispoñemos de dous tipos de sensores de monitoreo. Por unha banda, os sistemas de monitorización en tempo real, os cales realizan unha medición permanente e continua da glicemia. Outros sistemas son os flash ou intermitentes, nos cales é necesario achegar un lector de glicosa ou un teléfono móbil ao sensor para poder realizar a lectura.
-En cantos pacientes está implantado?
O número de pacientes que acadan os criterios de prescrición e financiación estímase nuns 10.000 galegos.
-Que beneficios ten para o paciente e para o sistema?
Para o paciente, mide e indica a glicemia as 24 horas do día (incluídas as horas de sono), indica se os niveis están aumentando ou diminuíndo mediante as “frechas de tendencia”, advírtelles dos niveis altos ou baixos de glicemia mediante alarmas opcionais e reduce a necesidade de efectuar puncións dixitais.
Para os profesionais sanitarios, os sistemas de monitorización de glicosa son esenciais para un manexo exitoso da diabetes, especialmente para evitar hipoglicemias e limitar a variación da glicemia. A monitorización pode optimizar as decisións terapéuticas.
-Serve para todo tipo de pacientes ou para os que teñen un determinado perfil?
Non serve para todos os pacientes. Deben ter un determinado perfil para o seu financiamento e prescrición, a nivel xeral: pacientes con diabetes mellitus tipo 1 e pacientes con diabetes mellitus tipo 2 que requiran terapia insulínica intensiva e, polo menos, seis puncións dixitais ao día.
-Cales son os avances máis recentes no monitoreo de glucosa?
Os dous cambios fundamentais que se están a producir no SERGAS con referencia aos sistemas de monitorización son o envío ao domicilio do paciente dos sensores (8 dispositivos cada 4 meses), que con anterioridade se recollían no centro de saúde. Isto evita citas e desprazamentos innecesarios. E por outra banda, a integración da información proporcionada polos sensores na historia clínica Ianus 5, que antes se visualizaba en nubes externas.