Enfermaría nas praias: "Resolvemos casos que, de non estar nós, terían que ser derivados a un hospital"

ALFONSO HERMIDA
Comunicación Colegio de Enfermería de A Coruña
 

O falecemento nos últimos días de dúas persoas maiores nas praias do centro da Coruña invítanos a reflexionar sobre a cobertura sanitaria que existe nos nosos areais. Ou que debería existir. Son excepcións as praias galegas que dispoñen de persoal sanitario con dedicación plena e exclusiva.

Adrián Pita é un deses profesionais. É diplomado pola Escola de Enfermería da Universidade da Coruña desde 2007 e, ademais, profesor da Federación Galega de Salvamento e Socorrismo. “Ata onde eu sei”, explícanos Adrián, “o concello da Coruña é o único en Galicia que ten a disposición dos usuarios dos seus areais unha ambulancia de Soporte Vital Avanzado con médico, enfermeiro e técnico en emerxencias sanitarias, con dedicación plena e exclusiva para todo o que poida ocorrer tanto nas praias da cidade como en todo o percorrido do paseo marítimo. Iso é un punto que marca a diferencia entre poder resolver determinadas patoloxías tempodependentes sen ter que esperar a outro recurso.”

As altas temperaturas poden ter efectos negativos sobre a saúde. Numerosos estudos mostran un aumento da mortaldade por riba dun umbral térmico, que varia segundo as zonas.

Na provincia da Coruña os umbrais son os seguintes:

Noroeste (Área metropolitana de A Coruña e Ferrolterra): 26,6º

Oeste (Costa da Morte): 26º

Interior (Santiago de Compostela e área metropolitana e concellos limítrofes): 29,9º

Suroeste (A Barbanza): 29,9º

Entre o 15 de maio e o 30 de setembro de 2023 morreron 3.009 persoas (317 en Galicia) como consecuencia das altas temperaturas. O 90% tiña máis de 74 anos. Galicia é a segunda comunidade española na que máis persoas falecen por calor (121 por cada 100.000 habitantes), só por detrás de Madrid, con 194 defuncións/100.000. Son datos do Plan Nacional de Actuacións Preventivas do Exceso de Temperatura na Saúde 2023.

As persoas maiores forman parte dos grupos de poboación especialmente vulnerables, igual que a poboación infantil, as mulleres xestantes ou as personas que padecen enfermidades crónicas. “Hai que insistir nas medidas de prevención”, aconsella Adrián. “A hidratación é fundamental, sobre todo en persoas con patoloxías previas ou de idade avanzada. Estes colectivos deberían advertir aos socorristas ou aos sanitarios que traballamos a pé de praia para que lles realicemos unha vixiancia especial na medida das nosas posibilidades. É difícil ter dous ollos para unha única persoa, sobre todo en días de grande afluencia, pero nunca está de máis que nos avisen”.

-Cales son os principais consellos de saúde e prevención que debemos seguir para pasar un día na praia? 

A praia é un lugar onde, por norma xeral, a xente vai desconectar da súa rutina cotiá, pasar un momento de tranquilidade e gozar, sobre todo, do sol. Xusto por iso, ás veces, é necesario recordar unha serie de medidas básicas que todos deberiamos facer e que de forma rutineira se van lanzando en forma de mensaxes a través do servizo de megafonía de cada areal. É básico manter unha correcta hidratación en persoas de idade avanzada e nenos pequenos (especialmente nos días de temperaturas elevadas), usar sempre protección solar, evitar as horas centrais do día, ter sempre vixiadas as nosas pertenzas e, sobre todo, facer caso as advertencias que os compañeiros socorristas van lanzando polo servizo de megafonía ante, por exemplo, cambios de bandeira por cambios no estado do mar, prohibición da estancia na zona de rochas, etc. Como todo neste mundo, hai xente moi responsable que cumpre, pero hai outra xente que fai caso omiso ás recomendacións. Ás veces, algunhas das asistencias son precisamente por ignorar as citadas mensaxes e advertencias.

-Que foi o que te levou a aceptar este traballo? 

Dende o meu punto de vista, a profesión enfermeira ten que ser vocacional, é dicir, estás para axudar á xente e intentar resolver os problemas que se nos vaian presentando da mellor forma posible. Gústame traballar en praias e seguireino facendo sempre que poida, pois a sensación de poder axudar é sempre moi satisfactoria. 

-Cantas campañas de verán levas como enfermeiro? 

Participo nas campañas de praias desde 2005, concretamente no concello de Oleiros dentro da organización de Protección Civil. Naquel momento aínda non rematara a carreira, co cal estaba como persoal sanitario. Xa como enfermeiro, debo levar uns dez anos.

-Por que é importante que haxa un profesional da enfermaría nunha praia?

Dende o meu punto de vista é básico porque podemos resolver casos que, doutra forma, terían que ser derivados ao hospital, ou mesmo trasladados en ambulancia para resolver unha situación para a cal en principio non sería necesario movilizar tal recurso. De todas formas, é importante dicir que non só está o labor do profesional de enfermaría na praia. Temos unha ambulancia de Soporte Vital Avanzado con toda a dotación, co cal se podería dicir que somos bastante autónomos na toma de decisións cando a situación o require. 

-Como é o día a día no teu posto de traballo? 

O servizo de Salvamento e Socorrismo do concello da Coruña comeza todos os días ás 11:00 e permanece de forma ininterrompida ata as 21:00. Durante ese tempo, a ambulancia, xunto con todo o equipo sanitario, ten a base ubicada no posto de socorrismo da praia de Riazor, e logo imos recibindo solicitudes de asistencia por distintos medios. Pode ser o propio usuario o que se achegue ata o posto para solicitar asistencia, a través dos propios socorristas ou mesmo podemos ser activados tamén polo Centro de Coordinación do 061. Recibimos todo tipo de asistencias e tentamos solucionalas da mellor forma posible, tendo sempre en mente que a prioridade é a persoa que solicita a citada asistencia. As asistencias poden vir de calquera das praias da cidade ou mesmo do paseo marítimo. 

-Como é a coordinación co equipo de vixilancia e salvamento? 

Todos os días ás 11:00, o xefe de cada praia da cidade procede á apertura do servizo de Salvamento e Socorrismo comunicando os membros do equipo e medios dos que dispoñemos ao Centro de Coordinación de Salvamento Marítimo da Coruña. Isto ten unha dobre finalidade: por unha banda, que estean enterados de que o servizo está activo e, por outra, por se necesitamos calquera tipo de apoio pola súa parte. Posteriormente, a través da megafonía, faise o anuncio da apertura do servizo para que todos os usuarios saiban que poden contar coa nosa axuda para todo o que necesiten. Finalmente, as 21:00, faise o proceso contrario. O xefe de praias volve chamar ao Centro de Coordinación de Salvamento Marítimo para informar do peche de servizo e, dado o caso, se houbo algúnha incidencia. 

-Que facedes nun día de ceos cubertos ou chuvia? 

Moita xente pensa que os días de chuvia “non hai nada que facer”, pero é todo o contrario, pois a meteoroloxía non impide que teñamos algúns usuarios na praia (xa sexa correndo, facendo deporte, nadando, etc.). Sempre podemos ter algunha asistencia e máis porque, como dicía anteriormente, cubrimos as primeiras incidencias que poidan ocorrer ao longo de todo o paseo marítimo da cidade. Ademáis, os días que o tempo non acompaña, é moi frecuente facer prácticas ou simulacros. Todo isto facémolo coa axuda dos socorristas, posto que somos un equipo e traballamos como tal. 

-Cales son as intervencións máis habituais? 

Cortes, abrasións, feridas, corpos extranos nos ollos, queimaduras, golpes de calor, deshidratacións, hipotermias, etc. E de forma menos frecuente, por sorte e malia a mala racha destes días, casos de afogamentos, paradas cardiorrespiratorias, patoloxía cardiaca, accidentes de tráfico nas inmediacións do paseo marítimo, politraumatizados, intoxicacións… 

-Quen solicita máis a vosa asistencia, a xente nova ou as persoas maiores? 

Non hai un perfil típico de usuario, pois atendemos todos os rangos de idades, dende bebés ata persoas de idade avanzada. Depende un pouco dos casos concretos. Se falamos de feridas, cortes, abrasións, etc. é máis frecuente que o demandante de asistencia sexa xente nova, sobre todo nenos. Por contra, en temas relacionados coa temperatura e exposición excesiva ó sol, son frecuentes as deshidratacións e algúns problemas de tipo cardiovascular xa en persoas de maior idade, pola sua maior susceptibilidade a sufrir este tipo de eventos. Tamén é moi frecuente que atendamos picadas por animais como insectos (abellas, avespas, tábanos), escarapotes ou fanecas bravas e diversa fauna mariña como anémonas e algunhas algas que poden producir reaccións de tipo local ou casos máis graves en función da susceptibilidade persoal e as alerxias de cadaquén. 

Estes son os consellos de prevención incluídos no decálogo do Ministerio de Sanidade:

  1. Bebe auga e líquidos con frecuencia, aínda que non teñas sede e independentemente da actividade física que realices.
  2. Evita as bebidas con cafeína, alcohol ou moi azucradas, xa que poden favorecer a deshidratación.
  3. Aínda que calquera persoa pode sufrir algún problema relacionado coa calor, presta especial atención a: bebés e menores, lactantes e mulleres embarazadas, así como persoas maiores ou con enfermidades que se poden agravar pola calor (enfermidades cardíacas, dos riles, diabetes, hipertensión, obesidade, cancro, patoloxías que dificultan a mobilidade, demencias e outras enfermidades mentais, así como o abuso de drogas ou alcohol). 
  4. Queda o maior tempo posible en lugares frescos, sombreados ou quentes, e refréscate sempre que o precises.
  5. Intenta reducir a actividade física e evita facer deportes ao aire libre na metade do día.
  6. Usa roupa lixeira, folgada e transpirable.
  7. Nunca deixes a ninguén nun vehículo estacionado e pechado (especialmente persoas menores, maiores ou con enfermidades crónicas).
  8. Consulta co teu profesional sanitario se os síntomas duran máis dunha hora e poden estar relacionados coas altas temperaturas.
  9. Mantén os teus medicamentos nun lugar fresco. A calor pode alterar a súa composición e efectos.
  10. Inxire comidas lixeiras que axuden a substituír as sales perdidas pola suor (ensaladas, froitas, verduras, zumes, etc.)

 


Imprimir  

Calle Álvaro Cunqueiro, Nº 7 - 1º

15008 - A Coruña

981 168 033

Horario de oficina:

9:00 a 14:00 horas y de 16:00 a 19:00 de lunes a jueves.

08:00 a 14:30 horas los viernes.

Calle Romero Donallo, Nº 27 - Entlo.

15706 - Santiago de Compostela

981 598 870

Horario de oficina:

9:00 a 14:00 horas y de 16:00 a 19:00 de lunes a jueves.

08:00 a 14:30 horas los viernes.