MÓNICA MARTÍNEZ LEMA
Colexio de Enfermería de A Coruña
O primeiro día de xuño celebrouse en Santiago de Compostela as Xornadas AGEFEC 2024. A presidenta do comité organizador, a enfermeira especialista en Enfermaría Familiar e Comunitaria, Belén González, atendeu ao Colexio de Enfermaría da Coruña para falarnos sobre os obxectivos destas xornadas. Belén compartiu con nós os retos e oportunidades da especialidade, a necesidade de mellorar a integración dos novos residentes no sistema de saúde e o compromiso deles coa cidadanía.
Cal é o obxectivo principal da xornada organizada pola AGEFEC este ano?
O obxectivo principal desta xornada é establecer un punto de encontro e reunión para os socios de AGEFEC. Neste caso, aproveitaremos para dar a benvida os residentes que comezan o seu período formativo e compartir experiencias dos EIR en activo. Tamén traballaremos analizando a situación actual da especialidade, os antecedentes e a elaboración dunha estratexia común a seguir.
Na mesa "Qué están facendo os nosos EIR?", que tipo de actividades comunitarias destacan actualmente os residentes?
Xa desde os inicios da formación en enfermaría familiar e comunitaria en Galicia, os nosos residentes teñen destacado especialmente pola súa implicación, esforzo e interese a nivel formativo e asistencial, máis aló da estrutura do centro de saúde.
Hoxe en día, as actividades comunitarias que realizan supoñen un peso importante, cunha grande diversidade e innovación de contidos. Exemplos son intervencións educativas en escolas, realización de mesas en conmemoración de días sinalados en saúde... ou proxectos máis ambiciosos, que manteñen a continuidade mesmo despois de que o residente finalice a súa formación.
Como valora a integración dos novos residentes no sistema de saúde e o seu compromiso coa cidadanía?
A integración dista moito de ser a adecuada e é moi desigual en función das Áreas Sanitarias. Cada ano, increméntase o número de prazas EIR ofertadas, pero isto non vai acompañado dun aumento do número de prazas estruturais de Enfermeira Familiar e Comunitaria nos Centro de Saúde. Polo tanto, cando rematan a residencia, as posibilidades de desenvolver o traballo para o que foron especificamente formadas, vense moi dificultadas, xa que o mesmo sistema que creou unha figura para responder a unhas necesidades da cidadanía, non realiza logo a súa incorporación.
O compromiso dos residentes coa cidadanía é innegable, xa demostrada desde os comezos da formación, coa superación do exame EIR, a implicación asistencial durante o período de residencia. Xornadas coma esta demostran o interese destes profesionais en buscar formas de facer partícipes aos pacientes na súa saúde, en esforzarse en mellorar o modelo actual.
Na mesa de promoción da especialidade, falárase do presente, pasado e futuro da enfermaría familiar e comunitaria. Cal é a situación actual da especialidade?
En Galicia, hai 386 especialistas en enfermería familiar e comunitaria en listas de contratación, sumados os 34 que remataron o EIR esta semana. Porén, só contamos, aproximadamente, con 171 prazas de Enfermeira especialista en Enfermaría Familiar e Comunitaria na nosa comunidade, das cales o 82 % son en contrato de interinidade.
Todo isto xera unha situación de precariedade laboral dos nosos especialistas, que se ven obrigados a considerar postos de traballo noutras comunidades autónomas, ou a traballar en ámbitos que non son para os que foron formados, coma en atención hospitalaria, supondo unha perda e malgaste de recursos.
Que estratexias se están a considerar para o futuro da especialidade e ata onde se pode chegar?
Esta é unha das cuestións que pensamos resolver coa realización destas xornadas. Para elo, contamos con membros de AGEFEC que nos aportarán a visión do comezo da especialidade e dos pasos dados; outros que nos falarán da situación actual e das perspectivas futuras, ata chegar a un posicionamento de actuación. Desde AGEFEC, o horizonte é a conversión da totalidade de prazas de enfermaría de atención primaria en enfermaría familiar e comunitaria para garantir un principio fundamental, que é a lonxitudinalidade.
Un dos obxetivos de AGEFEC é a creación de prazas específicas para enfermeiros especialistas en Enfermaría Familiar e Comunitaria. Que avances se lograron neste aspecto?
Desde a creación da categoría de Enfermaría Familiar e Comunitaria en 2016 e a apertura da lista de contratación en 2018, houbo un incremento paulatino da creación de prazas que, non só foi insuficiente, senón que nos derradeiros tempos se viu ralentizado gravemente.
Durante a pandemia do SARS-CoV2, os especialistas en enfermaría familiar e comunitaria foron clave na xestión e organización, destacando no liderado dos centros e dos equipos de vacinación. Hoxe en día, lideran actividades comunitarias, postos de alta dirección, demostran cada ano nas consultas os beneficios do seu labor en diminución do número de consultas, aumento da capacidade resolutiva e maior eficiencia no manexo de recursos.
E a pregunta é, por que se desaproveita ese recurso? Por que non se lles posibilita un posto de traballo para o que foron especificamente formados? Por que o sistema de saúde inviste na formación pero logo non na consolidación destes profesionais? Por que priva á cidadanía galega de ter unha enfermeira especialista en Familia e Comunitaria como enfermeira de referencia na Atención Primaria? A simple vista, non ten lóxica.
Que importancia ten para a asociación a colaboración con sindicatos e outros órganos de representación para desenvolver plenamente a especialidade?
AGEFEC é unha sociedade científico-profesional que vela pola defensa e intereses dos seus asociados e serve como referente e canalización das súas consultas. Este primeiro interese é compartido con sindicatos e órganos de representación.
Sumados, o esforzo é maior, e máxime cando o obxectivo é común. Polo tanto, toda sinerxia é fundamental para desenvolver plenamente a especialidade.
Como están traballando para conseguir a acreditación das Unidades Docentes de Medicina de Familia de Galicia como Multiprofesionais de Atención Familiar e Comunitaria?
En Galicia, as unidades docentes son todas multiprofesionais en Atención Familiar e Comunitaria, xa que o decreto 48/2023, de ordenación do sistema de formación sanitaria especializada na Comunidade Autónoma de Galicia, establece que en cada área sanitaria contaráse, alomenos, cunha comisión desta unidade, separada da docencia hospitalaria.
Que iniciativas están levando a cabo para promover a investigación en Atención Primaria dentro da Sociedade Científica de Enfermaría Familiar e Comunitaria?
En AGEFEC dispomos de varios grupos de traballo, que realizan a parte científica da sociedade. Por exemplo, o grupo de traballo de paliativos elaborou dúas infografías, dispoñibles na páxina web de AGEFEC. Ademais, colabórase coa consellería de Sanidade na revisión de guías e documentos.
Doutra banda, a Federación de Asociacións de Enfermería Familiar e Comunitaria (FAECAP), da que AGEFEC forma parte, remite con periodicidade solicitudes de revisión de documentos, grupos de traballo e propostas colaborativas co ministerio de Sanidade, que son reenviadas a socios. E cómpre dicir que a resposta a estas iniciativas é moi alta por parte dos socios de AGEFEC.
Impulsar os grupos de traballo é un obxectivo prioritario para o segundo semestre de 2024.
Que accións está tomando AGEFEC para aumentar a visibilidade social e a repercusión mediática da Enfermaría Familiar e Comunitaria?
A día de hoxe, en AGEFEC somos conscientes de que a principal vía de comunicación e de difusión son as redes sociais e intentamos manternos activos nos nosos diferentes perfís, onde publicamos información de interese tanto para profesionais como para a cidadanía.
Neste eido, facer unha mención especial e agradecer ao Colexio de Enfermaría polas diferentes entrevistas que están a realizar para dar visibilidade ó conxunto da profesión, e nas que os nosos socios e socias nunca dubidan en participar.