Isabel Loureiro, matrona no Centro de Saúde de Ordes: “O aumento de ETS está relacionado coa desinformación e a falsa sensación de seguridade”

ALFONSO HERMIDA
Comunicación Colegio de Enfermería de A Coruña
 

Os casos de enfermidades de transmisión sexual que se diagnostican en España seguen aumentando, especialmente entre os máis novos. O Consejo General de Enfermería dedícalle á saúde sexual unha parte da campaña Pregunta a tu enfermera, que se puxo en marcha este mes de maio. As enfermeiras e as matronas poden axudar a resolver dúbidas e o CGE quere convidar á poboación a que se achegue canda elas, nos centros de Atención Primaria, nos hospitais ou nos centros escolares, para recibir información, empatía, confianza e eficiencia.

Horizontal Matrona

Isabel Loureiro é matrona no Centro de Saúde de Ordes desde 2018. Antes, pasou pola Mariña, Ferrol e A Coruña tras acabar en 1996 o EIR na especialidade de obstetricia e xinecoloxía. Na actualidade é tamén vogal da AGAM, a Asociación Galega de Matronas. 

-Cales son as enfermidades de transmisión sexual máis comúns a día de hoxe?

Todas as Enfermidades de Transmisión Sexual (ETS) están a ter un aumento evidente. Son cada vez máis frecuentes, especialmente na poboación máis nova. As ETS máis comúns son o virus do papiloma humano (VPH), a sífilis, a gonorrea, a clamidia e tamén o VIH e os virus das hepatites B (VHB) e C (VHC).

Diferentes informes europeos e españois evidencian un aumento preocupante dos casos de sífilis (34 %), gonorrea (48 %) e clamidia (16 %). España acadou en 2022 a taxa máis alta desde que hai rexistros de sífilis (8.141 persoas), gonorrea (23.333 persoas) e clamidia. En Galicia, aínda que a taxa é inferior, tamén é moi preocupante.

O VPH considérase unha das pandemias deste século. Desde o inicio en Galicia do programa de cribado poboacional de cancro de cérvix para mulleres de entre 35 e 65 anos,que levamos a cabo as matronas de Atención Primaria, detectáronse máis de 2.000 positivos ao virus do VPH. Mellorar as estratexias de prevención, o acceso ás probas de detección e tratamentos eficaces para abordar este problema de saúde pública é urxente e prioritario, para evitar secuelas físicas e emocionais, facilitar a súa detección e deter a propagación. 

-Relaxáronse a confianza, a protección e a prevención nas prácticas sexuais? Por que?

Si. O aumento das taxas de infección ten causas diversas e complexas. Creo que está moi relacionado coa desinformación e a falsa sensación de seguridade en relación ás ETS, o progreso no tratamento do VIH, as aplicacións e publicacións en redes /internet que promoven o consumo de drogas e outras prácticas pouco seguras durante os encontros sexuais e os cambios nas dinámicas sociais relativas á sexualidade.

-Cales son os síntomas máis frecuentes das ETS?

A trampa das ETS é que a miúdo non presentan ningún tipo de síntomas, e cando os hai, poden pasar desapercibidos, por ser leves ou desaparecer tras un tempo. Por este motivo, as ETS poden empezar a transmitirse antes de que a persoa se dea conta. De aí, a importancia da prevención, a educación para a saúde e a detección precoz. 

Se hai sintomatoloxía, pode ser variada e inespecífica, pode estar causada por outros problemas de saúde con síntomas parecidos. A única maneira de saber o que sucede é acudir canto antes aos profesionais sanitarios se aparece:

  • Dor abdominal ou ao ouriñar.
  • Febre con sintomatoloxía urinaria ou xenital.
  • Dor, inchazón, proído, queimazón, lesións, vultos e verrugas nos xenitais.
  • Secreción vaxinal ou polo pene con cheiro, cor ou textura diferente á habitual.
  • Sangrado xenital entre menstruacións ou despois do coito. 

-En que momento debería alguén buscar atención profesional?

Se houbo unha relación sexual sen protección, un contacto sexual de risco (consumo de drogas/alcol, con persoas afectadas ou portadoras dunha ETS, prácticas de risco…) ou aparece algún síntoma, é recomendable acudir canto antes a un centro sanitario para asesorarse e realizar as probas diagnósticas. 

-Que función ten a enfermeira ou a matrona no tratamento das ETS?

As matronas, como enfermeiras especialistas en saúde sexual e reprodutiva, temos un papel fundamental na prevención, promoción da saúde, diagnóstico precoz, redución do estigma e discriminación das persoas afectadas, garantindo a súa asistencia e tratamento.

As matronas somos accesibles. A nosa relación coas usuarias é de confianza e con perspectiva de xénero. As mulleres xa nos coñecen. Por iso, moitas veces, somos as profesionais de enfermaría ás que acoden despois dunha relación de risco ou sintomatoloxía tanto para asesoramento, como para a toma de mostras para o diagnóstico.

Outras veces somos nós, as que, cando acoden á consulta por outro motivo, e nas actividades grupais e comunitarias, intervimos: informando sobre as vías de transmisión e as medidas de prevención, fomentando prácticas sexuais seguras e a vacinación fronte o VPH e o VHB, promovendo e realizando as probas de detección e cribados así como o estudo de contactos sexuais se é necesario. 

-Fanse os cribados necesarios para frear a expansión das ETS? 

Si. Sempre que unha persoa acode a un centro sanitario tras unha relación de risco ou con sintomatoloxía, ou nos casos en que o profesional identifica a necesidade. Ademáis, estamos a levar a cabo un cribado poboacionaldocancro de cérvix con proba de VPH nas mulleres de 35 a 65 anos e, periodicamente, doutras ETS en persoas/colectivos especialmente vulnerables.

-Como educas os teus pacientes sobre a prevención das ETS e o uso axeitado dos métodos de prevención?

En cada oportunidade que teño. Creo que é moi importante informar sobre transmisión e prevención, identificar prácticas sexuais de risco, fomentar prácticas seguras e a vacinación. Abordo estes temas tanto na consulta individual como nas actividades grupais e comunitarias dentro e fóra do centro de saúde (obradoiros en colexios, institutos, asociación…) e nas redes sociais.

-Que dúbidas lles aparecen aos pacientes que acaban de recibir un diagnóstico de ETS sobre como manexar a súa saúde sexual e emocional?

Fundamentalmente, preguntan sobre a orixe da ETS, a forma de transmisión, o tempo desde o contaxio, como previlas, como identificar e informar os posibles contactos e cales son os tratamentos e posibles secuelas físicas e emocionais. É moi importante abordar estas intervencións con respecto, empatía, confianza e cercanía, sen prexuízos. Ás veces, a vergoña, o desconcerto e o enfado no momento do diagnóstico están moi presentes, porque a vía de transmisión segue a ser un tabú. 

-Como se traballa cos pacientes para identificar e notificar ás súas parellas sexuais sobre posibles exposicións a ETS?

Con respecto, naturalidade e sen prexuízos, desde unha perspectiva bio-psico-social, informando e resolvendo todas as dúbidas que xurdan. Tamén é prioritario cortar a transmisión deixando moi clara a necesidade de identificar e notificar posibles contaxios/parellas sexuais para que podan ser diagnosticadas e tratadas. Insistimos tamén no cumprimento axeitado dos tratamentos e a realización posterior de novas probas de diagnóstico para confirmar a curación. 

-Como se combaten a desinformación e as loiadas que encontramos, sobre todo, en internet?

Traballando moito a prevención e a educación para a saúde. Informando sobre vías de transmisión e a prevención cada vez que se nos presente a oportunidade. Recomendando prácticas sexuais seguras como o uso de métodos de barreira (condón e barreiras bucais), utilización responsable de xoguetes sexuais, agullas/xiringas (drogas, tatuaxes, piercings…) e evitando prácticas de risco como o bugchasing, o chemsex, o slamsex, o stealthing… Mellorando a comunicación, a difusión da información co emprego de ferramentas como as actividades grupais e comunitarias, as tecnoloxías da información e comunicación, tanto desde os profesionais como desde as administracións. 

-Os centros de saúde e os hospitais están preparados para ser entornos amigables para os pacientes con ETS ou para mulleres con embarazos non desexados?

Si. Os profesionais sanitarios abordamos con empatía e moito respecto a atención destes usuarios. As matronas, como personal de enfermería referentes na saúde sexual e reprodutiva da muller, somos, moitas veces, a porta de entrada á atención de ETS e embarazos non desexados, acompañando, asesorando, atendendo e asegurando sempre unha asistencia de calidade por todo o equipo de saúde.


Imprimir  

Calle Álvaro Cunqueiro, Nº 7 - 1º

15008 - A Coruña

981 168 033

Esta dirección de correo electrónico está siendo protegida contra los robots de spam. Necesita tener JavaScript habilitado para poder verlo.

 

Horario de oficina:

9:00 a 14:00 horas y de 16:00 a 19:00 de lunes a jueves.

08:00 a 14:30 horas los viernes.