Os Xerentes das Áreas Sanitarias pasan revista á Enfermaría, "piar fundamental do sistema e indispensable para o seu funcionamento"

Enfermaría é un colectivo en continuo crecemento, o máis numeroso, con diferenza, da sanidade española. O seu recoñecemento dista moito do peso que ten no sistema, segundo veñen denunciando constantemente as profesionais. Máis de 336.000 enfermeiras (cifra que aumentou case un 9 % nos últimos 5 anos) forman o maior continxente laboral do noso sistema. Os médicos non chegan a 300.000, segundo datos da última enquisa do Instituto Nacional de Estatística, de hai dous anos.

Na semana da investidura de Alfonso Rueda como presidente da Xunta, e antes da conformación du novo Goberno, os xerentes das tres áreas sanitarias da provincia, Luis Verde (A Coruña-Cee), Eloína Núñez (Santiago-A Barbanza) e Ángel Facio (Ferrol), responden ás preguntas trasladadas polo departamento de prensa do Colexio Oficial de Enfermaría da Coruña. “Cando se pensa nos coidados, pénsase na enfermaría”, “piar fundamental do sistema” e “colectivo indispensable para o funcionamento do servizo” son algunhas das reflexións que os xestores das Áreas Sanitarias adican ás enfermeiras.

-Que peso ou importancia ten o colectivo enfermeiro na súa Área Sanitaria?

Luis Verde-O colectivo de enfermaría é un piar fundamental do sistema de saúde, xa que se trata dunha disciplina cunha grande importancia social polo coidado directo ao paciente, a educación e prevención da enfermidade e a investigación e avances clínicos en saúde. Para levar a cabo esta atención aos pacientes, están contratadas a día de hoxe 2.233 enfermeiras na Área Sanitaria de A Coruña-Cee.

Eloína Núñez-O colectivo enfermeiro é fundamental na nosa Área Sanitaria. O seu compromiso, profesionalidade e proximidade cos pacientes son indispensables  para o funcionamento diario e a mellora continua dos nosos servizos. Son, sen dúbida, axentes fundamentais na promoción da saúde, na prevención da enfermidade e na atención integral e humanizada que caracteriza o noso sistema.

Ángel Facio-É un grupo importantísimo, e o maior valor achégao no coidado do paciente, que é o noso eixo central. Na Área Sanitaria de Ferrol, dende logo, cando se pensa en coidados, pénsase na enfermaría. Neste eido, estas profesionais destacaron en diferentes facetas, como por exemplo, e entre outras moitas, a integridade cutánea. A día de hoxe, están contratadas 666 enfermeiras na nosa Área.

-Como se lle pode dar a volta ao déficit de enfermeiras?

L.V.- Non é una cuestión sinxela. Require ser abordada, polo menos, dende tres ámbitos ben diferenciados:

  • Aumentar o número de prazas de grao nas universidades.
  • Ofrecer estabilidade profesional e laboral, como xa se está a facer. A modo de exemplo, no que se refire á estabilidade, na nosa Área Sanitaria, o día 1 de abril incorporáronse 100 novas enfermeiras interinas e temos previsto dar novas vacantes no vindeiro mes de xuño e ao longo de todo o ano. Estamos a aplicar os acordos coas organización sindicais e imos reducindo progresivamente a  xornada laboral: no 2023 en 21 horas anuais; neste 2024 en 49 horas e 42 horas no ano 2025.
  • Sendo mais atractivos á hora de contratar. Dende hai dous anos traballamos por áreas de especialización e vemos que ten unha acollida moi positiva con incorporación incluso de profesionais que viñeron dende outras Comunidades Autónomas e continúan con nós e profesionais que deixan a sanidade privada para incorporarse á pública. 

A.F.-O déficit de profesionais sanitarios, en xeral, é un tema moi complexo. Unha das chaves é dar o valor a cada posto. A Enfermaría desempeña un papel esencial na prestación da saúde, e polo tanto, debemos dar as mellores condicións posibles a este colectivo, como aos demais. Hai que facer un esforzo de planificación.

E.N.-Para facer fronte ao déficit de enfermeiras, estamos a pór en marcha estratexias multidimensionais que inclúen o aumento da oferta formativa en colaboración coas universidades, mellorando as condicións. Ademais, traballamos na posta en valor e no recoñecemento da profesión, promovendo a especialización e o desenvolvemento profesional continuo e fomentando un ambiente laboral inclusivo e motivador.

-De que forma inflúen nese déficit as condicións que se lles ofrece ás enfermeiras e as súas expectativas laborais?

A.F.-No momento actual, estase a facer un esforzo moi importante en procesos públicos de emprego e de cobertura de vacantes. Tamén están en marcha os procesos derivados do cumprimento da normativa europea que favoreza a estabilidade no traballo. Todos estes elementos virían dar resposta a moitas das expectativas laborais deste numeroso colectivo.

L.V.-Temos que seguir traballando, pero as melloras que levamos a cabo estes anos están dando froito e percibimos que  as enfermeiras queren vir á nosa Área sanitaria. Temos que intentar que o desempeño da actividade asistencial sexa, ademais, compatible co seu desenvolvemento docente e investigador. 

E.N.-Hai moitos factores que conflúen. As expectativas profesionais ou o prestixio social tampouco son alleos. Polo tanto, apostamos por mellorar estas condicións, ofrecendo itinerarios de desenvolvemento profesional claros e garantindo unha maior estabilidade laboral.

-O problema pode aumentar a medio prazo coa xubilación da xeración do chamado baby boom. Como nos estamos a preparar ante un problema que pode provocar moitas tensións no sistema? 

E.N.-Anticipándonos a esta situación, iniciamos plans de remuda e mentoría, onde enfermeiras con experiencia trasladan os seus coñecementos ás novas xeracións. Así mesmo, aumentamos as nosas capacidades formativas para asegurar un efectivo cambio xeracional, ao tempo que implementamos tecnoloxías que optimicen o traballo e permitan unha atención máis eficiente

L.V.-Trátase dun problema que nos preocupa tanto polo envellecemento da poboación, a necesidade de coidados, como da xubilación dos propios profesionais. Penso que debemos continuar dándolles estabilidade e capacidade de conciliación, aumentar o número de prazas na universidade e fomentar a actividade e traballo dos hospitais de día cunha atención integrada empregando as novas tecnoloxías.

A.F.-É certo que hai momentos máis complexos, non só un baby boom, senón a apertura de novos servizos ou o desenvolvemento de novas técnicas, que requiren máis profesionais. Temos que insistir moito novamente na planificación. 

-Os Colexios galegos de Enfermaría piden que non se demore o acceso do colectivo ao Grupo A da función pública. Ve posible este recoñecemento? Percibe vontade política para que se repare esta discriminación? 

E.N.-Percibo unha crecente concienciación sobre esta demanda e confío en que se traducirá en accións concretas que melloren o recoñecemento da profesión enfermeira. 

L.V.-Sería positivo para o colectivo enfermeiro, dado que se trata dunha titulación universitaria de grao e iso implica o seu recoñecemento. Esta decisión compete a outras instancias. Esperemos que o seu compromiso en abordalo se plasme nunha aceptación a ese recoñecemento.

A.F.-A viabilidade ou non dese recoñecemento excede o ámbito competencial dunha xerencia sanitaria. É un tema que ten máis que ver co marco europeo de educación superior e da función pública.

-Nunca como agora a Enfermaría estivo tan preparada para a xestión e o liderado. Ve posible a curto prazo que unha enfermeira dirixa un centro de saúde ou un hospital?

A.F.-Por experiencia, preparación ou capacidade de liderado, non teño dúbida algunha.

E.N.-Xa é unha realidade nalgún centro de España. A Enfermaría, hoxe máis ca nunca, está preparada para asumir roles de liderado na xestión sanitaria. A súa visión integral do coidado e a súa proximidade cos pacientes outórganlle unha perspectiva moi importante para a xestión sanitaria. 

L.V.-Por suposto. Os profesionais de Enfermaría teñen una magnífica formación académica e competencias e habilidades sobradas para liderar Servizos e Unidades Clínicas e, polo tanto, tamén organizacións sanitarias, xa sexa equipos de Atención Primaría como Centros Hospitalarios. De feito, xa contamos con numerosos exemplos no ámbito da sanidade pública e da privada. 

-Nos últimos meses, as enfermeiras manifestáronse varias veces pola falta de persoal, de estabilidade laboral, pola precariedade… Que se fai para estimular e ilusionar ao colectivo máis numeroso do sistema sanitario? 

L.V.-Como dicía, nós, no marco do Servizo Galego de Saúde, seguiremos traballando en dar estabilidade aos profesionais, aplicar as melloras laborais e económicas postas en marcha a finais do 2023 e comezos do ano 2024, que implican incrementos de liñas nas diferentes unidades, e traballando por áreas de coidados. Os contratos tentamos que sexan o máis estables posibles, sempre no marco da función pública, garantindo a seguridade asistencial e tendo en conta que a rotación de profesionais se debe fundamentalmente á cobertura de ausencias por permisos curtos dos profesionais fixos ou interinos que non poden vir traballar por días de libre disposición, cursos, permisos por ingreso, redución de xornada, etc., sendo una boa parte deles por causas sobrevidas e polo tanto non predicibles.

A.F.-Entendendo como lexítima calquera demanda, cada vez a Enfermaría lidera máis proxectos asistenciais e ten unha situación máis estable. Estanse a tomar múltiples medidas no ámbito da conciliación e do benestar laboral para que este colectivo, como os demais, teñan a mellor resposta posible ás súas expectativas laborais.

E.N.-Para potenciar e valorar o noso colectivo enfermeiro, buscamos integrar a investigación coa práctica diaria, aproveitando o IDIS para liderar a innovación e desenvolvemento profesional. Este enfoque busca non só recoñecer, senón tamén empoderar as nosas enfermeiras e enfermeiros, ofrecéndolles oportunidades para participar en proxectos de investigación que melloren a asistencia sanitaria. O noso obxectivo é avanzar na calidade asistencial e fomentar un clima de motivación e recoñecemento entre as enfermeiras e enfermeiros, destacando o seu papel esencial no coidado da saúde. A través do fomento da investigación enfermeira e o apoio a iniciativas innovadoras, aspiramos a crear as condicións óptimas para que o noso persoal non só participe, senón que lidere a evolución da práctica sanitaria.

-Como valora o desenvolvemento das especialidades enfermeiras?

A.F.-Moi positiva. A especialización é unha necesidade do sistema sanitario e as especialidades están xerando un cambio moi importante que se suma ó que están a facer xa no día a día todas as profesionais de Enfermaría na nosa Área. 

L.V.-Na nosa Área Sanitaria, apostamos pola especialización. De feito, o 1 de abril incorporamos 7 enfermeiras especialistas en pediatría, 1 en saúde mental, 1 especialista en comunitaria e temos prevista a incorporación de 2 novas matronas proximamente. As especialidades permiten ofrecer uns coidados máis específicos e adaptados ás necesidades dos pacientes. 

E.N.-Valoramos positivamente este progreso e estamos comprometidos en apoiar a súa implementación, facilitando a formación especializada e promovendo o recoñecemento destas especialidades en todos os ámbitos do sistema de saúde. 

-Como se está a desenvolver na súa Área Sanitaria a coñecida como prescrición enfermeira?

E.N.-Estamos enfocados en reforzar a autonomía e mellorar as habilidades do noso persoal de Enfermaría para que poidan exercer as súas competencias con confianza e eficacia. Aínda que logramos progresos notables desde a introducción desta iniciativa, somos conscientes de que o camiño aínda presenta desafíos. Comprometémonos a superar estes atrancos mediante a formación continua e a mellora dos nosos sistemas e protocolos. Este esforzo reflicte o noso compromiso de mellorar constantemente a calidade e a accesibilidade da atención sanitaria para os nosos pacientes, ao tempo que recoñece o valioso papel que desempeña a Enfermaría no coidado da saúde da nosa comunidade.

L.V.-A orde do 9 xullo do 2021 regula o procedemento para a acreditación das enfermeiras para a indicación, uso e autorización da dispensación de medicamentos e produtos sanitarios. Actualmente, pódense dispensar medicamentos nas guías de feridas, queimaduras, ostomías, anticoagulación oral e febre no protocolo do Sergas. Están publicados no BOE a HTA, diabetes, deshabituación tabáquica e anestésicos locais, pendentes tamén do protocolo do Sergas. Todos os enfermeiros cunha experiencia mínima dun ano están acreditados de oficio para realizar esta prescrición. En caso de non cumprir a experiencia mínima, é preciso realizar un curso ACIS. Sen dúbida, temos que continuar avanzado neste campo de xeito progresivo e seguro tanto para profesionais como para pacientes.

A.F.-Téñense que pór en marcha, como algunha das condicións previas, unha serie de protocolos, nun marco nacional e superior ó dunha Área Sanitaria. Noutras profesionais sanitarias, existe a capacidade de prescrición, como os podólogos, por exemplo, e entendo que a alta cualificación do persoal de Enfermaría determinará o desenvolvemento da prescrición enfermeira nun período próximo.


Imprimir  

Calle Álvaro Cunqueiro, Nº 7 - 1º

15008 - A Coruña

981 168 033

Horario de oficina:

9:00 a 14:00 horas y 16:00 a 19:00 horas de lunes a jueves

viernes de 08:00 a 14:30 horas 

 

Calle Romero Donallo, Nº 27 - Entlo.

15706 - Santiago de Compostela

981 598 870

Horario de oficina:

9:00 a 14:00 horas y 16:00 a 19:00 horas de lunes a jueves

viernes de 08:00 a 14:30 horas