Presidenta de AGEFEC (Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria) desde 2021, Gemma Rodríguez reclama no Día Internacional da Enfermaría Comunitaria que se celebrou o pasado 26 de novembro, "un modelo de atención que aumente os ratios enfermeira/paciente e que nos permita diminuir as cargas laborais, o pleno desenvolvemento das nosas competencias e súa real implantación. Precisamos tamén volver a poñer ó paciente no centro do sistema e cambiar o tradicional modelo patoxénico cara un modelo salutoxénico, involucrando a todos os actores que inflúen na saúde da poboación".
-Como chega a enfermaría comunitaria galega a este día?
Este é o segundo ano que celebramos o Día Internacional da Enfermaría Comunitaria e chegamos en Galicia como pioneiras na implantación desta especialidade. Pero, ás portas da celebración da segunda oferta de emprego público para a nosa categoría e resolta, por fin, a vía extraordinaria, aínda queda moito traballo por facer.
O tempo de adicación ás actividades comunitarias na consulta é escaso debido, entre outros factores, á presenza de cupos elevados cunha importante necesidade de coidados ocasionada polo aumento da cronicidade e o envellecemento da poboación.
Outra das importantes dificultades que atopamos é a escaseza de atención lonxitudinal debida á falta de estabilidade laboral, o que provoca o atraso no avance de certas competencias.
-Cales son as principais reivindicacións do colectivo?
Dende a nosa asociación levamos reivindicando dende fai anos a reconversión do 100 % das prazas de enfermeira de Atención Primaria do Sergas procedentes de xubilacións a prazas de especialistas en Enfermaría Familiar e Comunitaria e a oferta de todas as vacantes de Atención Primaria para dita especialidade.
Tamén é preciso unha redución das cotas de cupo que permitan unha atención de maior calidade e tempos de consulta axeitados para o total desenvolvemento das nosas competencias.
-Que imaxe ten a enfermeira comunitaria na sociedade e dentro da profesión?
As enfermeiras de familia somos en moitas ocasións a porta de entrada dos pacientes no sistema de saúde e somos referentes destes pacientes, da súa familia e da poboación en canto á promoción da saúde e á prevención das enfermidades. Os nosos pacientes vennos coma unhas profesionais máis accesibles de cara a solucionar os seus problemas de saúde/enfermidade e dentro da profesión temos competencias non só nos servizos de Atención Primaria, senón tamén nos servizos de Saúde Pública, en xestión, docencia e investigación.
-Cóntase coa enfermaría na busca de solucións aos problemas da atención primaria?
Pouco a pouco semella que cada vez os xestores e os políticos son máis conscientes da capacidade de resposta das enfermeiras e comezan a buscar esta profesión como parte da solución ós problemas do sistema.
-Hai déficit de profesionais en todas as especialidades. Cal é a situación en Comunitaria?
A día de hoxe temos aínda moitas enfermeiras de familia e comunitaria traballando fóra do seu ámbito competencial, enfermeiras cunha formación especializada que supón un desembolso para ás arcas do Estado de máis de 60.000 euros por cada enfermeira formada. Desaproveitase toda esta formación.
-Segue marchando talento enfermeiro de Galicia?
Na actualidade temos coñecemento de compañeiras galegas que están fóra da comunidade só por mor da praza que obtiveron na elección para optar á formación sanitaria especializada (FSE). Para elas sería un aliciente a oferta de postos de traballo específicos para voltar a Galicia.
Tamén, enfermeiras especialistas que están fóra da comunidade pola escasa saída profesional das bolsas de Enfermaría Familiar e Comunitaria. Máis dun 22 % das formadas en Galicia emigran a outras comunidades.
-As necesidades das enfermeiras varían segundo o habitat laboral? Son as mesmas as dunha enfermeira dunha contorna urbana que as dunha contorna semiurbana ou rural?
Polo xeral, no ámbito rural a poboación está máis envellecida, a fraxilidade e a cronicidade son maiores, así como tamén o son a dispersión xeográfica e as isocronas na atención. Os recursos cos que contamos son menores.
-Como cambiou a enfermaría comunitaria desde que empezou o século?
Pasamos de ser unha diplomatura a un grao, temos acceso a mestrados, á formación sanitaria especializada e a doutorados. Cada vez máis, ocupamos postos políticos e de xestión, pero aínda queda moito por avanzar.
-Como imaxinas a enfermaría comunitaria de aquí a mediados de século?
Imaxino unha enfermaría comunitaria moito máis proactiva, que non se limite á consulta, senón que estea presente en todas as comunidades, traballando cos distintos axentes de saúde. Que o traballo intersectorial con concellos, asociacións, colexios, etc. funcione e sexa unha realidade.
Tamén imaxino a enfermaría comunitaria ocupando a totalidade dos postos da Atención Primaria en Galicia, presente nos distintos ámbitos da sociedade coa transversalidade que nos caracteriza como especialidade, á cabeza dos centros de saúde e, porque non, tamén nas xerencias de Atención Primaria.
-Cando veremos unha enfermeira xestionando un centro de saúde ou un hospital?
Máis pronto ca tarde. Fóra de Galicia xa se deu o caso, co cal xa non é innovador que unha enfermeira sexa xerente, xa imos tarde. Ademáis, nunca estivo a enfermaría mellor preparada en canto a xestión e liderado coma na actualidade. Canto antes aproveitemos coma sociedade e sistema sanitario as capacidades xestoras das enfermeiras, mellor uso dos recursos humanos e materiais faremos.