Fonte: Consellería de Sanidade
A Xunta publica no Portal de Transparencia e Goberno Aberto o proxecto de Decreto polo que se modifica o Decreto 134/2019, do 19 de outubro, polo que se regulan as áreas sanitarias e os distritos sanitarios do sistema público de saúde de Galicia, coa finalidade principal de potenciar a atención primaria e o papel da enfermería.
En concreto, a Consellería de Sanidade propón que todas as áreas sanitarias conten cunha Dirección de Atención Primaria que pasará a denominarse de Atención Primaria e Comunitaria e a depender directamente da Xerencia de cada área.
Entre as competencias da nova Dirección de Atención Primaria e Comunitaria estará xestionar a demanda de servizos sanitarios neste ámbito, garantindo o desenvolvemento das actuacións de promoción da saúde e prevención da enfermidade e fomentando a capacidade de resolución deste nivel asistencial, en coordinación cos xefes de servizo das unidades de atención primaria. Tamén supervisará a organización das axendas e realizará o seu seguimento para unha correcta xestión das prestacións.
Ademais, co obxectivo de potenciar a enfermería, a dirección desta especialidade, que se denominará Dirección de Enfermería e Coidados, pasará tamén a depender de forma directa da Xerencia da área sanitaria correspondente. Entre as súas funcións, o texto recolle a de impulsar a continuidade dos coidados, a coordinación entre niveis asistenciais, a xestión de casos e a participación da enfermería nos programas transversais de saúde, especialmente nos ámbitos da cronicidade, prevención, promoción da saúde, seguridade do paciente, atención comunitaria, vacinación e inmunización.
Así pois, o novo texto engade, ademais das funcións da dirección de Enfermería e Coidados, as da Direccións de Procesos de Soporte, que non figuraban no decreto anterior.
Concretamente, a Dirección de Procesos de Soporte terá, entre as súas funcións a de controlar e avaliar a actividade asistencial, así como desenvolver plans para a redución das listas de espera; analizar os indicadores de actividade e a adecuación e funcionamento dos dispositivos asistenciais; analizar e controlar os recursos asistenciais necesarios para garantir a oferta asistencial; coordinar avaliar e realizar o seguimento da prestación farmacéutica; e calquera outra función que lle sexa encomendada ou delegada pola Xerencia.
Deste xeito todos os postos de nivel de dirección no ámbito asistencial e da xestión, dependentes da Xerencia, contarán cun ámbito funcional da estrutura directiva regulado neste decreto.
Ademais, e co fin de incrementar as funcións de coordinación das Xerencias das sete áreas, créase a figura da Vicexerencia en cada unha delas, como órgano específico de apoio á persoa titular da Xerencia, toda vez que no novo texto se prescinde da Dirección Asistencial.
Centro de Protonterapia de Galicia
Ante a próxima ampliación da carteira de servizos da sanidade pública coa inclusión da protonterapia, a modificación do decreto inclúe a creación do Centro de Protonterapia de Galicia como unidade asistencial de alta especialización e cun posto directivo específico.
Exercerá as funcións de administrar tratamentos oncolóxicos de alta precisión mediante a utilización de feixes de protóns e de contribuír ao avance da oncoloxía radioterápica mediante a realización de ensaios clínicos e investigación traslacional en radiobioloxía e física médica para avaliar a eficacia da protonterapia en diferentes tipos de tumores.
O centro prestará servizos para o conxunto de Galicia e para servizos de saúde doutras comunidades autónomas e o norte de Portugal, de conformidade cos compromisos adquiridos en distintas colaboracións para a implantación da protonterapia no sistema nacional e saúde.
Seguirá os criterios de planificación e directrices de actuación que determine a Consellería de Sanidade a través da Xerencia do Servizo Galego de Saúde e, atendendo á súa situación, ao carón do Hospital Clínico de Santiago, integrarase organicamente na estrutura da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza.
