Fonte: Gabinete de Comunicación da Xunta
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, subliñou a aposta da Xunta pola Enfermaría especializada como peza esencial para reforzar a atención á saúde mental. Así, puxo en valor a recente incorporación ao Servizo Galego de Saúde de 32 novos profesionais de Enfermaría de saúde mental e o próximo comezo dun novo período de formación sanitaria especializada nesta disciplina con 21 profesionais.
Durante a apertura do XLIII Congreso Nacional de Enfermería de Saúde Mental, na que tamén participou o presidente do Colexio de Enfermaría da Coruña, Avelino Castro, o titular de Sanidade salientou que para dar unha resposta máis efectiva ao aumento dos problemas de benestar emocional que presenta a sociedade é preciso contar cuns profesionais cada vez máis especializados.
O responsable autonómico enumerou algunhas das medidas nas que xa está a traballar o departamento sanitario da Xunta. Así, precisou que se está a elaborar o novo Plan Estratéxico de Saúde Mental, unha folla de ruta que que marcará as liñas de actuación de cara aos vindeiros anos e que consolidará a enfermaría especializada como unha peza esencial na atención sanitaria.
Neste senso, Gómez Caamaño salientou que a enfermaría especializada non é só unha realidade consolidada, senón que ocupará un lugar estratéxico no sistema sanitario galego, de acordo á súa capacidade para ofrecer un acompañamento próximo e unha visión integral dos pacientes durante os procesos de recuperación.
A esta aposta engádense iniciativas que xa están en marcha e que contan cun marcado carácter preventivo e comunitario, como é o caso do Proxecto YAM, un programa que xa se está a desenvolver nos centros educativos da comunidade e que ten por obxectivos promover a saúde mental entre a mocidade e previr as condutas suicidas.
Así mesmo, a Escola de Coidadores en Atención Primaria ofrece ferramentas ás familias para favorecer a autonomía das persoas; e tamén se está a impulsar unha nova liña de intervención, centrada nun Modelo de Diálogos Abertos, co que se fortalecerán as redes de apoio arredor dos pacientes.
A cidade da Coruña acolle desde hoxe o XLIII Congreso Nacional de Enfermería de Saúde Mental, no que especialistas chegados de toda España abordarán as novidades e o retos que presenta este ámbito sanitario.
