Fonte: Gabinete de Comunicación do Servizo Galego de Saúde
O Diario Oficial de Galicia publica a apertura do procedemento ordinario de acceso aos graos da carreira profesional, do I ao IV, correspondente ao ano 2025. Así, esta convocatoria podería beneficiar uns 4.915 traballadores do sistema sanitario público galego.
Mediante este proceso, a Xunta de Galicia actualizará o recoñecemento da experiencia, a competencia, a capacidade e a responsabilidade do persoal da sanidade pública. Unha medida que repercutirá na nómina mensual do persoal e cuxo custo previsto estímase en 10,9 millóns de euros.
Segundo a información dispoñible nos expedientes dixitais do persoal empregado público, poderían acceder a un novo grao: 1.883 licenciados sanitarios, 1.182 diplomados sanitarios e 1.850 profesionais de xestión e servizos e sanitarios de formación profesional.
O prazo para a presentación de solicitudes de acceso a novos graos comeza o 12 de agosto e permanecerá aberto até o vindeiro 30 de setembro.
Máis polo miúdo, para o persoal licenciado sanitario representará un incremento de 287,13 euros mensuais e, para os diplomados sanitarios suporá unha mellora de 179,46 euros. No caso das categorías de persoal de xestión e servizos e dos sanitarios de formación profesional, o importe mensual varía en función do grupo e subgrupo a que pertenzan e van desde os 71,54 euros de agrupación profesional aos 231,12 euros de A1.
Solicitude do recoñecemento de grao
Para participar neste procedemento, os profesionais deberán cubrir a solicitude de recoñecemento de grao no modelo normalizado disposto ao efecto na Oficina Virtual do Profesional (Fides/Solicitudes).
A solicitude de recoñecemento de grao deberá ser dirixida á área sanitaria ou entidade na que a persoa interesada preste servizos. No suposto de que estea nunha situación distinta á de servizo activo, dirixirá a súa solicitude á área sanitaria ou entidade na que teña a súa praza reservada.
Serán valorados os méritos acadados ata o último día do prazo de presentación das solicitudes.
O sistema de carreira profesional motiva os profesionais a participaren, ao longo da súa vida laboral, nos obxectivos da organización e a incrementar a súa cualificación e competencia, o que redunda na calidade asistencial e na mellora permanente das prestacións sanitarias públicas.
Progresar na carreira profesional é un dereito dos profesionais como recoñecemento ao seu desenvolvemento en canto a coñecementos, formación, experiencia, investigación, docencia e outros aspectos relevantes, segundo o caso, para a correspondente profesión, grupo ou categoría profesional, así como á súa participación nos obxectivos da organización.
