Os Premios dos Plans Locais de Saúde recoñecen o traballo de máis de 20 SAP de toda Galicia

O traballo dos equipos dunha vintena de servizos de Atención Primaria de toda Galicia foi recoñecido no acto de entrega dos Premios dos Plans Locais de Saúde, que este ano chegaron á súa terceira edición.

Desde a súa posta en marcha en 2022, o modelo estendeuse por toda Galicia e na actualidade alcanza 95 servizos de Atención Primaria. O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, dixo que o obxectivo é que no ano 2026 estes plans locais de saúde cheguen á totalidade dos servizos deste primeiro nivel asistencial.

Na categoría da mellora continua nos Plans Locais de Saúde foi recoñecido o labor do Centro de Saúde das Pontes e do SAP dos Mallos, da Coruña, que tamén levou o premio á dimensión comunitaria. A enfermeira Mónica Fernández Martín subiu a recoller un dos premios en nome de todas as categorías profesionais do centro do barrio coruñés. A compañeira María Cabarcos Serantes foi unha das representantes do centro pontés.

O Centro de Saúde de Caranza, en Ferrol, recibiu o premio Impulso dos Plans Locais. Entre os que subiron a recollelo estaba o enfermeiro Ricardo Pérez Abeledo.

O obxectivo destes plans é que o persoal de cada centro participe en labores de promoción e prevención da saúde, en colaboración cos servizos do seu concello, os centros educativos, os servizos sociais, as asociacións e a cidadanía, dando paso a unha mellor organización do traballo e ao desenvolvemento da función comunitaria dos centros de saúde.

O recoñecemento ao traballo colaborativo foi para o Centro de Saúde Elviña-Mesoiro, da Coruña. A enfermeira Estrella Martínez Moreira foi a encargada de representar a todos os seus compañeiros e compañeiras. 

Para o SAP de Vimianzo foi un dos premios da dimension de satisfacción dos pacientes. A enfermeira Digna Rodríguez Romar foi unha das persoas que recibiu o galardón en nome do SAP vimiancés. Tamén foi distinguido o equipo profesional do Centro de Saúde de Arzúa co premio aos procesos clave.

Máis do 65 % dos servizos de atención primaria de Galicia xa contan cun Plan local de Saúde, que adapta a asistencia sanitaria ás necesidades de cada poboación, e dos que se benefician máis de 1,7 millóns de galegos e galegas, segundo datos facilitados pola Consellería de Sanidade. 

O Colexio de Enfermaría da Coruña, representado na entrega dos premios polo seu presidente Avelino Castro, quere felicitar a todos os equipos sanitarios premiados non só os da provincia, senón tamén do resto de Galicia.


Imprimir  

Calle Álvaro Cunqueiro, Nº 7 - 1º

15008 - A Coruña

981 168 033

Esta dirección de correo electrónico está siendo protegida contra los robots de spam. Necesita tener JavaScript habilitado para poder verlo.

 

Horario de oficina:

8:00 a 14:30 horas de lunes a viernes