Jump to Navigation


As matronas reivindican a importancia do seu papel no coidado da saúde das mulleres

jueves, 28 mayo, 2020

Remata un mes no que se concentran días sinalados para a saúde das mulleres, comezando polo 5 co Día da Matrona, continuando pola celebración do Día da Saúde Mental Materna, o primeiro mércores de maio, ademáis da Semana Mundial do Parto Respectado, e por último, o 28 coa celebración do Día internacional da Saúde da Muller. Por iso a AGAM súmase á Federación de Asociacións de Matronas de España (FAME) para reivindicar o papel que as matronas desenvolven en canto aos coidados da saúde das mulleres ao longo da súa vida.
“A profesión de matrona é en moitas ocasións unha descoñecida para a sociedade, xa que se reduce habitualmente ao proceso do embarazo e o parto sen ter en conta que somos profesionais sanitarios que atendemos a todas as etapas da vida da muller, desde a adolescencia ata a menopausa. De ahí o lema da nosa asociación: Mulleres e matronas, unha vida xuntas” .
Isabel Abel, Presidenta da Asociación Galega de Matronas
O estado de saúde, a saúde percibida, a calidade de vida e a satisfacción co estado de saúde vese condicionado entre outros, por cuestións de xénero. En moitos países as mulleres son menos valoradas e contan con menos recursos, ademais en moitas ocasións non teñen liberdade para tomar as decisións que determinan o seu estado de saúde.
• Ao falar da saúde das mulleres atopamos patoloxías específicas como o cancro de cérvix ou de mama, unha maior prevalencia de trastornos mentais, trastornos vencellados ao ciclo menstrual e unha morbi-mortalidade asociada á violencia de xénero.
• En canto á maternidade, todavía seguen a acontecer 830 mortes ao día asociadas á maternidade, cada día máis mulleres sometidas a tratamentos de fertilidade cos seus efectos secundarios, e preto de 1 de cada 4 mulleres sofre violencia de xénero durante a xestación.
• Por outra banda, en España existe unha feminización do envellecemento, polo que as mulleres son máis propensas a sufrir patoloxías crónicas, a vivir en soidade pola súa longa esperanza de vida e sofre unha reducción de vida saúdable a partir dos 65 anos.
En relación á pandemia, convén lembrar que as mulleres son as principais coidadoras: 9 de cada 10 coidadores en dependencia son mulleres e as persoas que traballan no ámbito sanitario son maioritariamente mulleres.
Por último, cabe mencionar que este ano 2020 foi declarado pola Organización Mundial da Saúde (OMS) coma o Ano Internacional das Enfermeiras e Matronas. Por iso queremos aproveitar para reivindicar que a matrona é a profesional sanitaria idónea para acompañar á muller nos coidados da saúde sexual e reprodutiva ao longo da súa vida, xa que as súas competencias abranguen a educación sexual e reprodutiva, o acompañamento e control do embarazo, parto e puerperio, o cribado de patoloxías específicas, o acompañamento, educación e abordaxe na menopausa, programas de prevención de violencia de xénero, etc.



 



by Dr. Radut.